luns, 26 de outubro de 2015

Proxecto de lei de Orzamentos e proxecto de lei de acompañamento: do que dicían ao que puxeron por escrito para o persoal público

Na Mesa Xeral do 16 de outubro na que presentaron os Orzamentos 2016 para o persoal público, en reunións previas, así como roldas de prensa, foron anunciadas varias promesas de recuperación dos nosos dereitos. A intención real de tanta promesa podémola comprobar por escrito no texto do proxecto de lei de orzamentos así como na súa lei de acompañamento para o ano que vén. 

Pagas extras completas


Desde o 2013 levamos coas pagas extras sen complemento específico ou parte equivalente para o persoal laboral (a diferenza do resto do persoal público doutras Administracións). Pois ben, o ano pasado o anuncio por excelencia durante a elaboración do proxecto de Orzamentos para 2015 era o cronograma da recuperación das pagas extras completas que falaba de comezar a cobrar un 33% deste complemento nas dúas pagas extras a partir do 2016.

Finalmente na Lei de Orzamentos 2015 non se recolleu nada da recuperación do complemento específico nas pagas extras. Sería posteriormente, a través da Lei de Emprego Público, coa creación dun fondo de recuperación retributivo (que nacía baleiro) cando se recollía por vez primeiro que en 3 anos nos devolverían as pagas extras completas, ou sexa, aló cara o 2018. Pois ben, no proxecto de Orzamentos para 2016 de momento meteron 92 millóns de euros neste fondo de recuperación retributivo pero destinados a recuperar o 49,73% que resta da paga extra de 2012.

Nas reunións previas ao proxecto, os representantes da Administración insistían en que para 2017 van restituírnos as pagas extras completas a través deste fondo. A realidade é que nese fondo só van cartos para pagar no 2016 o que resta da paga extra do 2012. Lóxicamente falamos dos Orzamentos para 2016 e non é posible comprometer capítulo I para o 2017, máxime cando ademais de ser ano orzamentario diferente recordamos que hai cita electoral galega a finais do ano que vén.

Prometer é gratis pero podíano facer cunha mínima base técnica. Xa nos mentiron a finais do ano pasado con este tema e volven a facelo.

Paga extra 2012


O buque insignia dos gobernos PP é que no primeiro trimestre do ano 2016 nos devolverán o 49,73% que resta daquela paga 2012 (correspondente a 91 días traballados) Iso é o que anunciaron e siguen anunciando tanto en roldas de prensa como en reunións e mesas xerais. A realidade é que neste caso o proxecto de lei si reserva os cartos necesarios nese fondo que suma un total de 92 millóns de € no capítulo I. Iso si, o proxecto non fala do primeiro trimestre senón de "ao longo do exercicio económico".

En calquera caso,  a UE segue advertindo continúamente sobre que o conxunto das Administracións públicas españolas non cumpren os compromisos de déficit. Por outra banda,  as leis pódennas cambiar e de xeito bastante rápido, máxime unha vez pasadas as resacas electororais e coa complacente escusa de que "mandan de Madrid" ou "mandan de Bruxelas".

Suba do 1% das retribucións


Isto si que o recolle tamén o proxecto de lei de orzamentos de xeito lineal para todos os conceptos retributivos e todo o persoal que cobra con cargo aos orzamentos da Xunta. É dicir, no caso do persoal funcionario a suba é dun 1% ademais das retribucións básicas, tamén nos complementos de destino e complementos específico. Para o persoal laboral hai unha suba tamén do 1% da masa salarial. Por suposto os altos cargos tamén teñen a súa suba do 1%...

Agora ben, segue ficando diferenciado, desde o 2010, o soldo e trienios dun mes normal cos do soldo e trienios dun mes de paga extra. Se a isto lle unimos o de non cobrar o complemento específico, vemos que as nosas pagas extras seguen a ser dobremente incompletas e nin por asomo o dobre dun mes normal.
Retribucións básicas anuais

Retribucións básicas para o cómputo das pagas extras

Compre lembrar que a media de suba salarial para o ano que vén no sector privado é do 1,5% e que nestes 5 anos perdemos no sector público galego un 30% de poder adquisitivo. Na Lei de acompañamento vén tamén unha reordenación dos tramos autonómicos do IRPF que segundo o caso pode supoñer unha percepción errónea de suba salarial.
 

Concursos "máis áxiles, sinxelos e con maior periodicidade"


A pesar de que o tivemos que escoitalo por duplicado, tanto no Debate do Estado da Autonomía como na presentación dos Orzamentos, non atopamos nin unha somera referencia na lei de acompañamento (que é onde procedería). En calquera caso, resulta desatinado falar disto no paquete de medidas orzamentario e considerámolo unha promesa gratuíta e sen fundamento a falta de proposta por escrito.

O conselleiro transmitiu o seu "desexo persoal" pero só queda niso; ningunha proposta concreta e nin tan sequera unha leve proposta de modificación na Lei de emprego público que recolla estas xeneralidades ou algo máis concreto como a recuperación da anualidade legal dos concursos, aínda que logo a vía xurisdiccional recoñeza que non vale para nada. Xa sabedes, nós temos que cumprir os 2 anos de permanencia no posto, a Administración non tiña porque cumprir o da convocatoria anual do concurso, ou iso recoñecía a xurisprudencia do contencioso-administrativo.

Aumento da tasa de reposición


Suben o tope máximo da tasa de reposición de prazas vacantes ao 100% en "servizos esenciais" e ao 50% no resto (artigo 13). Hai que deixar claro que estas cifras son un tope máximo e polo tanto a Xunta pode deixar a oferta pública de prazas vacantes en cifras máis baixas. En calquera caso, deberían empezar por facilitarnos acceso as bases de datos de postos vacantes/non vacantes.

Poderán a chegar ao 100% no seguinte:

a)Prazas para o acceso aos corpos de funcionarios docentes da Lei orgánica 2/2006,  do 3 de maio, de educación.
b)Prazas de hospitais e centros de saúde do Sistema nacional de saúde.
c)Prazas para o control e a loita contra a fraude fiscal, laboral, de subvencións públicas e en materia de Seguridade Social, e do control da asignación eficiente dos recursos públicos.
d)Prazas de asesoramento xurídico e para a xestión dos recursos públicos.
e)Prazas correspondentes ao persoal dos servizos de prevención e extinción de  incendios.
f)Prazas de persoal investigador doutor contratado de organismos de investigación,  nos termos establecidos na normativa básica
g)Prazas dos corpos de catedráticos de universidade e de profesores titulares de  universidade e de persoal de administración e servizos das universidades, nos  termos establecidos na normativa básica.
h) Prazas de asistencia directa aos usuarios dos servizos sociais.
i) Prazas de xestión de prestacións e políticas activas en materia de emprego.

Por outra banda, manteñen as restriccións á cobertura temporal de postos, excepto para os seguintes servizos (artigo 14):

a)Persoal docente, non docente e laboral de centros docentes.
b)Persoal dos centros asistenciais do Servizo Galego de Saúde.
c)Persoal de centros e residencias de servizos sociais.
d)Persoal adscrito ao Servizo de Defensa contra Incendios Forestais.
e)Persoal laboral e persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza.2016
f)Persoal adscrito ao sistema integrado de Emerxencias e Protección Civil.

Ollo que non quere dicir que non poidan chamar das listas para postos que non sexan os relacionados co anterior, só que serán excepcionais e precisan autorización da Dirección Xeral de Función Pública e da Dirección Xeral de Orzamentos. Isto segue como no 2015 e resulta incongruente co aumento do tope máximo das porcentaxes de cobertura definitiva de postos vacantes.

Para primeiro trimestre de 2016 anuncian que publicarán a Oferta de Emprego Público (OEP) e anuncian que irán ata o tope máximo do 100% e 50%; haberá que velo pero o feito de que sexa ano electoral no país presume que así será. O que hai que deixar claro é que unha cousa é unha OEP e outra moi diferente as convocatorias das prazas; as OEP podense modificar como xa ten pasado ou mesmo deixarse sen convocatoria sine die.

Lei de acompañamento


Días adicionais moscosos e vacacións (artigos 6 e 7): engaden dúas disposicións adicionais novas á lei de emprego público polas que recoñecen os días adicionais moscosos e de vacacións nos termos recoñecidos para o persoal da Administración Xeral do Estado a través do RD-lei 10/2015.

Cambio do sentido do silencio (disposición derradeira primeira): Silencio negativo para solicitudes ou reclamacións en materia de xestión de persoal do persoal funcionario ao servizo da Administración de Xustiza en Galicia cuxa realización implique efectos económicos actuais ou poida producilos en calquera outro momento.

Adaptación da lei de igualdade (disposición derradeira segunda): habilita á Xunta a publicar un decreto lexislativo polo que se aprobe o texto refundido das disposicións galegas coas adaptacións necesarias derivadas da entrada en vigor da Lei do emprego público de Galiza.

Prórroga da lei 1/2012 de medidas no emprego público (disposición derradeira terceira): manteñen, entre outros, suspendidos o Fondo de Acción Social (excepto axudas para o coidado de persoas discapacitadas) e varios artigos do Convenio Colectivo (entre eles o 19 do descanso en domingos e festivos). Lembramos que outras "medidas temporais" xa as incluíron como definitivas na lei de emprego público como a de "pagar por enfermar".

Elección da Dirección e Consello de Administración da CRTVG (disposición derradeira cuarta): polémica a súa prórroga que retrasa a designación destes órganos por unha maioría cualificada do Parlamento galego (como recolle a lei do ente) e non por maioría absoluta como aínda se manteñen na actualidade. Isto implica unha clara aposta polo control político do medio público nun ano determinante para os intereses do partido no Goberno.


Cómpre insistir que falamos de proxectos de lei e polo tanto debemos ser prudentes aínda que a maioría absoluta no Parlamento do partido do Goberno fai indicar que sairán adiante sen grandes cambios de fondo aínda que sempre cabe agardar algunha pequena modificación como xa nos teñen acostumad@s, sen ir máis lonxe, coa lei de emprego público.


Documentación relacionada:

Ningún comentario:

Publicar un comentario