Nas últimas xuntanzas con representantes da Administración
autonómica, a Xunta deixoulle claro á CIG que: vai manter o plus dos
altos cargos, vai continuar introducindo persoal directivo na Función
Pública e se nega a poñerlle límite ao custo dos asesores políticos.
Actualmente a Xunta gasta 5,8 millóns de € ao ano en persoal eventual de Gabinete,
aquel que segundo a Lei de Función Pública actual é de libre nomeamento
das persoas integrantes do Consello da Xunta. Pois ben, ante a proposta
austera da CIG de limitar este gasto na propia lei de función pública, a
Xunta non só a rexeitou de plano, senón que decidiu eliminar da lei a
súa característica de “non permanente” da relación deste persoal. Isto significa que a permanencia deste persoal nomeado a dedo para facer funcións de asesoramento político sairía reforzada.
Por outra banda, a Xunta segue sen
cumprir a Lei de Transparencia e boas prácticas que no seu artigo 17 lle
obriga a publicar nominalmente na súa páxina web as retribucións
públicas percibidas polo persoal eventual, entre outros, con expresa
indicación dos diferentes conceptos retributivos. Ao día de hoxe esa lista non está dispoñible e só algunhas consellarías, e non de xeito facilmente accesible, publican as retribucións das pesoas que ocupan a xefatura do Gabinete ou de Prensa máis non o do resto de persoas colaboradoras. Ex: Facenda.
Estas tres son só unhas pinceladas do
que se pretende con esta nova Lei da Función Pública: blindar a
Administración autonómica para os intereses da casta, pensando
nos altos cargos, nos asesores políticos ou nos directivos que traen da
empresa privada sen pasar unha oposición. Para a CIG estes son
claramente 3 exemplos onde a cidadanía reclama austeridade e cuxos
cartos se poderían derivar a prestación directa de servizos públicos
esenciais.
Por outra banda, este deseño
extremadamente politizado da Administración autonómica, redunda, non só
nun gasto innecesario, senón contrario aos intereses xerais do noso
país. Hai que ter en conta que a proposta actual non só pon por diante
os intereses dos altos cargos senón que lesiona a independencia e
profesionalidade das empregadas e empregados públicos galegos. Nesa lei
proponse a discrecionalización dos seus dereitos e unha "avaliación do
rendemento" subxectiva e non profesional co obxecto de defenestrar a súa
carreira administrativa e retribucións se non se someten aos ditados
políticos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario