Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 9 de outubro de 2014

O 9 de outubro imos a reclamar o que é noso

O 9 de outubro temos a oportunidade de dicirlle a esta casta que goberna a Xunta que queremos o noso salario COMPLETO, que queremos cobrar as pagas extras COMPLETAS, que queremos recuperar a totalidade daquela paga extra que nos roubaron no ano 2012, que queremos que se respecten os nosos dereitos e condicións laborais. Semella que a Xunta só respecta ao persoal directivo e que só lle importa o plus dos altos cargos.

O 9 de outubro, ás 11:00 h. na explanada da cafetaría en San Caetano, aínda que chova, trone, faga vento ou saia o sol, estaremos aí, para que nos escoiten Feijóo, Rueda e esa tropa que pensa que non merecemos máis e que contribúen día a día, en cada consello da Xunta, en cada declaración á esa prensa subvencionada, ao desmantelamento dos Servizos Públicos galegos.

Porque queremos unha Administración libre de corruptos, decente e na que o servizo á cidadanía estea por riba de todo, na que non entre a policía cada dous por tres porque se están a roubar os cartos de todas e todos. Queremos un respecto pola nosa carreira e promoción profesional, queremos unha PROMOCIÓN INTERNA DECENTE e queremos tamén que non se impoñan por unha maioría parlamentar uns criterios de valoración do rendemento que vaian en contra desa obxectividade que debe de ter un funcionario público.

Basta xa de privatizacións, basta xa de botar nas mans das empresas privadas os Servizos Públicos.

Queremos respecto e queremos, non mais, que o que nos corresponde polo noso traballo.

Por todo isto, desde a CIG, pedimos o apoio e asistencia á concentración convocada pola Xunta de Persoal e o Comité de Empresa dos Servizos Centrais da Xunta de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario