Imaxinade que queda unha vacante
nun lugar que vos interesa ou hai un posto de nivel apetecible. Imaxinade que a
solicitades e imaxinade que a solicitan 9 persoas máis. Ata aquí nada difícil
de imaxinar. Agora ben, imaxinade que o posto llo asignan a persoa que teña máis
puntos segundo o baremo do último concurso. Imaxinade tamén que se puidera
actualizar ese baremo no primeiro trimestre de cada ano. Poñede ese baremo nun
Decreto e teríamos un concurso permanente.
Na actual lei da Función Pública se recolle
que os concursos de traslados serán anuais. O V Convenio Colectivo do Persoal
laboral mesmo chega a falar do concurso de traslados permanente. Non se cumpre
nin o un nin o outro. A realidade son moreas e moreas de comisións de servizo e
adscricións temporais ditadas con absoluta arbitrariedade (salvo no persoal
laboral que teñen como criterio obxectivo a antigüidade e a pertenza ao centro
– e aquí si se cumpre, non como no persoal funcionario-).
Anuncia o director da Función Pública: que
para o persoal funcionario haberá concurso para o 2015 e que para o persoal
laboral tentarán poñer en marcha o concurso permanente (ou unha sorte disto) a
finais deste 2014.
Nós propoñemos concurso permanente para todas
as traballadoras e traballadores públicos por dous motivos: 1) se garante a
cobertura baixo demanda de postos públicos por criterios obxectivos e 2) non se
producen desequilibrios organizativos na Administración autonómica ao andar
saltando de posto a posto ao mesmo tempo centos de persoas.
Estes dous aspectos non só son bos para a
gran maioría de traballadoras e traballadores públicos que poden facer carreira
administrativa sabendo ao que aterse e con certas garantías, senón tamén para a
cidadanía que recibe un servizo profesional e independente. Non entendemos que
a Xunta poña por diante os seus intereses de seguir controlando caciquilmente a cobertura dos postos de
concurso por diante, xa non dos nosos dereitos, senón do bo funcionamento da
Administración e das garantías de servizo á cidadanía.
Descargar CIG-Informa
Descargar CIG-Informa
Ningún comentario:
Publicar un comentario