Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

mércores, 15 de outubro de 2014

A Lei de mutuas e o R.D. de xestión da incapacidade temporal son “un ataque frontal e directo contra a clase traballadora”

O Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral analiza, no seu Boletín nº 11, as súas consecuencias que terán estas medidas para a saúde das e dos traballadores

Descargar Boletín especial

O Gabinete Técnico de Saúde Laboral vén de publicar o seu Boletín número 11, no que se analizan polo miúdo os importantes cambios lexislativos que introducen tanto o novo proxecto de lei de Mutuas como o Real Decreto da incapacidade temporal (IT). Advirte de que “afectan directamente aos dereitos e ás contraprestacións que até o de agora viñan recibindo o conxunto dos traballadores e traballadoras” e denuncia que son “un ataque frontal e directo contra a clase traballadora”.

O Boletín recolle tamén un artigo no que se analiza o que é a Sensibilidade Química Múltiple (SQM) e as dificultades para o seu diagnóstico;  explica como funcionan os Comités de Seguridade e Saúde e publica un informe co mapa de risco químico do ISSGA: sector industrial.
Lei de Mutuas

O Gabinete de Saúde Laboral salienta que o cambio de denominación das Mutuas, que pasan a chamarse “Mutuas Colaboradoras da Seguridade Social”, non é neutro ni casual, senón que ten a intencionalidade xeral de avanzar no proceso privatizador dos servizos públicos e, en concreto, da xestión da incapacidade temporal agora tamén en relación á enfermidade común.

Respecto do Real Decreto sobre Incapacidade Temporal denuncia que a coartada empregada polo Goberno en relación á suposta gran bolsa de fraude nos procesos de IT, “a parte de ser falsa e tendenciosa por non estar fundamentada en ningún estudo rigoroso e obxectivable, pola contra parte da falacia de considerar que toda inasistencia ao traballo (xustificada ou non) debe ser considerada absentismo laboral, atribuíndo e aplicando interesadamente estes datos a un suposto gran fraude na utilización da incapacidade temporal”.

A partir de aí vai debullando cada un dos seus aspectos para concluír que no canto de se adoptar medidas preventivas en relación cos riscos que provocan maioritariamente esas baixas -que segundo a Axencia Europea de Seguridade e Saúde proveñen maioritariamente dos trastornos musculo-esqueléticos debidos a movementos repetitivos, sobreesforzos e esixentes ritmos de traballo-, o que se fai é aplicar unha normativa “reaccionaria e antisocial” que na práctica considera aos traballadores/as como “potenciais defraudadores/as”, ás/aos médicas/os que conceden baixas como “incompetentes e pouco rigorosos “ e ás empresas como “entidades sacrosantas con poder omnímodo para defenderse da ‘cara dura’ e a ‘fraude sistemática’ ao que están sometidas por persoas tan pouco recomendábeis”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario