Seguindo a estela de Medio Rural, a consellaría de Medio Ambiente parece que tampouco cre as promesas de recuperación económica do propio Goberno autonómico e propón amortizar 60 postos de traballo por valor de 1.950.160,23 euros anuais. Esas amortizacións suporán o despediemento de 10 traballadoras e traballadores.
Na proposta remitida pola consellaría de Medio Ambiente diferéncianse os 33 postos que se amortizan por deixar sen dotación orzamentaria e cuxa supresión non se utiliza para crear ningún outro posto, do resto dos 27 cuxa dotación orzamentaria se emprega para crear outros postos diferentes. Así pois, de xeito neto temos unha destrución de emprego público de 33 postos por valor de 1.018.406,68€ anuais. Entre eses 33 postos temos arquitectos/as, axentes medioambientais, delineantes, postos base so subgrupo A1 e C2, peóns, vixilantes de recursos naturais, etc.
Curiosa resulta a argumentación da consellaría para a amortización destes postos en que "non están orzamentados" cando é a propia consellaría a que ten que propoñerlle á Facenda o que quere ou non amortizar. De feito, desde o 2014 xa non se inclúe nos Orzamentos a obrigatoriedade de amortizar os postos vacantes senón os que "non sexan necesarios". E cremos que nesta consellaría si son necesarios estes postos e outros tantos, máxime tendo en conta que é unha das consellarías onde máis asistencias técnicas e persoal da empresa Tragsa hai e que tantas sentenzas de subcontratación ilegal motivaron e segue motivando, como xa denunciamos no pasado.
Reforzan o persoal destruíndo 3 postos e creando 2
Para máis inri, estes postos están ocupados, co que ao final prodúcese tamén unha perda de efectivos. De feito, neste xogo de "amortizacións" e "creacións" vese na memoria unha clara intención de eliminar postos base ocupados por persoal temporal e crear diferentes xefaturas. De novo, continúa a Xunta coa inversión da pirámide dos recursos humanos e, de paso, despedindo traballadoras e traballadores.
Resulta cínica a explicación da consellaría na memoria que di que pretende dotar á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental de máis persoal para "reducir ás encomendas de xestión" con empresas públicas como Tragsa cuxo persoal subcontratado vén facendo habitualmente as función da falta de persoal propio. Pois ben, indo ao meollo da proposta, vemos que realmente hai un saldo neto negativo de postos, o que vai a obrigar a todo o contrario: aumentar as subcontratacións. O que fan é amortizar postos de persoal funcionario creados para dar cumprimento á execución de sentenzas de subcontratación ilegal para crear outros postos de persoal funcionario.
Os números están claros, na secretaría xeral anterior crean 10 postos e amortizan 17, e deses 17 que eliminan un total 10 están ocupados por persoal laboral indefinido non fixo. O que se di, reforzo, moito reforzo non hai, máis ben todo o contrario. Xa que logo, de novo, a consellaría segue fomentando que os postos se sigan creando por sentenza xudicial de cesión ilegal de traballadoras e traballadores.
Outras modificacións
Nesta proposta van outras modificacións de menor impacto como cambios de denominación, cambios de adscrición dos postos a outras unidades administrativas ou apertura de postos a outras titulacións.
Informa tamén a consellaría que en breve remitirá proposta de modificación da Axencia Galega de Infraestruturas. A reunión para tratar as dúas modificacións tería lugar o venres 13 de febreiro ás 12.30 horas na sala de xuntanzas da Secretaría Xeral Técnica desta Consellería en San Caetano.
Ningún comentario:
Publicar un comentario