E dicimos ben, "promete". E é que chega ano electoral con dobre cita en maio e en novembro. Xa se notou tamén no levantamento das restricións do Goberno de Madrid sobre o cadro de persoal dos efectivos públicos das diferentes Administracións, o que lles vai permitir a cobertura en casos puntuais de ata 1 de cada 2 vacantes.
Primeiro de nada queremos aclarar que entre anunciar unha Oferta de Emprego Público (OEP), publicar o Decreto de OEP e finalmente convocar os procesos selectivos desas prazas ofertadas hai unha boa diferenza que pode tardar varios anos; 3 segundo a normativa vixente e varios máis consonte á realidade. Convén recordar que a Xunta aínda ten sen convocar centos de prazas das OEPs de 2008 e 2009, incluídas prazas de promoción interna.
En segundo lugar, botamos en falta nese anuncio o reforzo de servizos públicos tan esenciais como os servizos sociais de prestación directa (residencias de maiores, de persoas con discapacidades, etc). Aprezamos o énfase na cobertura de postos de labor inspectora ou asesora pero cremos que os servizos públicos non só se deben reducir a inspeccionar ou asesorar sobre o que están privatizando ou deixando en mans de entidades benéficas.
Que postos pensan ofertarlle á xente de novo ingreso? Non entendemos como por un lado multiplican por catro a OEP e logo no día a día na Xunta seguen en pé propostas de amortización coma a de 130 postos públicos de Medio Rural. Tampouco resulta moi coherente co énfase do anuncio da OEP que ata propoñan eliminar postos que están excepcionados pola lei da taxa de reposición 0, como son os do Servizo de Defensa e Protección contra Incendios Forestais.
Os datos puros e duros
Tralo Consello da Xunta Feijóo anunciou os seguintes datos. E aquí é onde vén a maxia pois, comparada coa pírrica OPE do 2014 (aprobada tan só un par de meses antes), multiplícase por catro os datos e no caso da Administración xeral ata por sete.
Tralo Consello da Xunta Feijóo anunciou os seguintes datos. E aquí é onde vén a maxia pois, comparada coa pírrica OPE do 2014 (aprobada tan só un par de meses antes), multiplícase por catro os datos e no caso da Administración xeral ata por sete.
En concreto, a oferta de emprego público da Administración galega para o ano 2015 contará con 446 prazas correspondentes a persoal docente, 344 prazas para persoal sanitario e 373 para persoal da Administración xeral. A OEP de 2014 incluíu 273 prazas: 117 en Educación, 103 no Sergas e 53 en Administración xeral.
No que nos toca en Administración Xeral prevense 373 prazas, das que 265 son da quenda libre e 108 para promoción interna. A oferta de prazas comprenderá áreas como a loita contra a fraude fiscal e o control do gasto público, o asesoramento xurídico, a informática, os gardacostas, as ensinanzas náuticas e marítimo-pesqueiras, a veterinaria, a subinspección urbanística ou os axentes ambientais, entre outras.
Nas próximas datas concretarase a distribución das prazas por sectores e especialidades, unha que se vez se determine a repartición nas distintas mesas sectoriais.
Taxa de reposición de efectivos ao 50% pero ao 0% noutros
Neste aumento da OEP de 2015 ten moito que ver o cambio na lexislación orzamentaria tanto estatal como autonómica. Baste comparar o artigo 13 da Lei de Orzamentos para 2014 e a Lei de Orzamentos para 2015, no que a taxa máxima de reposición de certos efectivos pasa dun 10% a un 50%.
Ademais, no texto do 2015 aparecen unha serie de funcións que se entenden que deben ser "necesariamente públicas" pois se permite a cobertura dunha de cada dúas prazas. O resto que non aparece aí, non se cubre, como non se leva cubrindo durante os últimos anos, aumentando con iso a idade media dun cadro de persoal xa de por si envellecido. E mentres gran parte da nosa mocidade no paro ou emigrando.
E de non cubrirse o resto de servizos públicos acabarán desaparecendo ou sendo privatizados, a forza da sucesiva xubilación do persoal existente na actualidade, coma no caso dos servizos sociais onde non deixan de aumentar os concertos pero non o financiamento nin o reforzo de persoal dos centros públicos.
En definitiva, este anuncio non é máis que outra medida efectista de cara a galería eleitoral, que ademais é insuficiente e non solventa as graves problemáticas e deficiencias nas prestacións dos servizos públicos que con OEPs coma estas camiñan cara a privatización ou á extinción.
Descargar formato CIG-Informa
Descargar formato CIG-Informa
Ningún comentario:
Publicar un comentario