Demandan, entre outros, grúas, padiolas, camas, sillas e baños xeriátricos
O Comité de Empresa de Traballo e Benestar da Coruña vén de remitir un escrito dirixido á conselleira, Beatriz Mato, en demanda da adquisición urxente de material, grúas, camas e sillas xeriátricas, baños xeriátricos e padiolas para os centros da Terceira Idade e de Atención a Persoas Discapacitadas da provincia da Coruña.
No escrito lembran que a Consellaría de Traballo e Benestar se comprometeu diante das organizacións sindicais representadas no Comité Intercentros do persoal laboral da Xunta de Galicia, a efectuar unha dotación de guindastres de elevación, guindastres de bipedestación e á compra de camas e sillas xeriatricas, así como tamén a cubrir as necesidades de baños xeriatricos e padiolas de varios centros de atención a persoas maiores e CAPD da Coruña.
Subliñan que esta compra de diverso material para Residencias de Maiores e CAPD da Coruña “é fundamental para darlle a atención adecuada e profesional que os usuarios destes centros necesitan” e inciden en que o seu uso “é urxente e imprescindible” para evitar sobre esforzos e condicións de traballo infrahumanas que causan accidentes laborais, lesións e baixas pola enorme carga de traballo que se acumula nestes centros. “Agravándose polo deterioro e obsolescencia que ten o material que se esta a usar ou mesmo ao carecer de ningún tipo de guindastres cos que poder traballar adecuadamente”.
Lembran que este compromiso adquirido polos dirixentes de persoal da Consellería de Traballo e Benestar foi que os guindastres e demais material necesario, entrarían en funcionamento a principios do verán de 2015, “tendo en conta que son xa varios os anos que son necesarios, é moito o tempo no que se continúa a traballar en condicións de alto risco para o persoal e os residentes”, matizan.
Concurso deserto
Pola información que ten o Comité de Empresa, o concurso convocado para efectuar estas compras foi declarado deserto “polo que se está a producir un retraso considerable na adquisición do material de primeira necesidade para as Residencias de Maiores e CAPD da Coruña, nas que se continua a traballar con material obsoleto, inservible ou directamente sen ningún”.
Por iso solicitan que “se depuren as responsabilidades” a que haxa lugar polo retraso na adquisición destes materias fundamentais, para a prestación de servizos en Residencias de Maiores e CAPD da Coruña; se inste a tomar as medidas oportunas para que dun xeito inmediato e, sen mais dilacións, se proceda á dotación de guindastres de elevación, guindastres de bipedestación, camas e sillas xeriatricas e baños xeriatricos e padiolas para as Residencias de Maiores da provincia da Coruña e ao Centro de Atención a Persoas Discapacitadas”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario