Por petición popular, recuperamos para descarga o que fóra o gran éxito do Boletín especial do "DOG (non tan) de coña" aló por novembro 2011 cando Feijóo aínda estaban comezando cos primeiros desbroces dos Servizos Públicos.
Tras unha remodelación da Xunta e o reforzos que lle chegaron desde Madrid, afrontamos un duro 2012 e 2013 para os Servizos Públicos e as traballadoras e traballadores públicos que os facemos posibles. Despois comezaron a aparecer nos medios casos de corrupción (como se antes non existira) e cambiou a percepción pública de que o desfalco non viña tanto de ter uns bos servizos públicos senón dunhas poucas persoas que sacan tallada das súas privatizacións; persoas que vivían e roubaban a todo tren e logo pedían sacrificio aos que menos tiñan... De cambiar ata cambiou a perspectiva política e ata o PP se apuntou ao carro da rexeneración democrática, trala cura de humildade do 24M, pasou polo taller de chapa e pintura e cambiou por enésima vez de logo e portavoz.
Agora que o petamos coas cifras macroeconómicas, da igual que a miseria e a precariedade laboral se instalasen nas vidas de boa parte da cidadanía, xa non se fala de "crise", nin de "prima de riesgo", nin de "déficit" e ata sube o teito de gasto público e baixa o prezo do petróleo. Con Feijóo desfollando a margarita, no 2016 no noso país volve ser ano eleitoral e a TVG será todo en cor rosa pese ao que tenten dicirnos eses malvados señores de negro que veñen de Europa.
Quen sabe, quizais volvamos interceptar en breve un novo DOG especial, desta volta sobre a "recuperación económica".
Ningún comentario:
Publicar un comentario