Daqueles pos, estas lamas sería o resumo perfecto para o que está acontecendo no novo hospital de Vigo: privatizacións de servizos, menos camas, caos nos traslados, sen laboratorio central e co parking de repago para terminar de facer caixa coa sanidade pública. Esto resultou na monumental protesta coa que o persoal público e usuarios recibiron onte á conselleira de Sanidade que ía alí a facerse a foto.
A cousa xa non comezou ben cando a Xunta escolleu o sistema de "concesión de obra pública" ao prezo total de 1.566,4 millóns de € no canto de asumir a propia construción do hospital por 457,6. Que hai un intento descarado por privatizar a sanidade, dada a súa rentabilidade, non se lle escapa a ninguén. O quiz da cuestión son as trampas administrativas e complicidades que se producen con iso, do que en San Caetano, entre papeis e informes preceptivos, sábese moito.
Achegamos un interesante artigo que analiza a trampa legal utilizada pola Xunta ao recurrir ao contrato de concesión de obra, no canto de recorrer ao de colaboración público-privada. Hai que dicir tamén que o contrato actual de concesión non ten nada de concesión pois inclúe financiamento, subministros ou xestión de servizos (que para colmo algúns nin estarán no mesmo centro). A todas luces, de querer privatizar o hospital e case todo o que o rodeaba, tiñan que ter recurrido á modalidade de colaboración público-privada. Non se fixo porque nesta modalidada hai que facer estudo de avaliación previa onde se ten que demostrar obxectivamente que o contrato coa empresa privada é a mellor opción desde todos os puntos de vista, tamén o económico.
A maiores houbo moita presa en facer o informe preceptivo da Intervención Xeral que se evacou favorablemente nun só día (con toda a complexidade da documentación); todo co obxecto de poder aprobalo no Consello de 6 de maio de 2010 antes da entrada en vigor do Real Decreto de medidas extraordinarias para a redución do déficit público. Este RD establece a necesidade dun informe preceptivo e vinculante do Ministerio de Economía e Facenda para as fórmulas de contratación de financiamento privado, dado o considerable impacto a longo prazo sobre as contas públicas. Demasiados informes, demasiados atrancos.
Sobre o traspaso do servizo público de saúde a fondos de inversión e multinacionais e amigos, recomendamos estas lecturas:
Ningún comentario:
Publicar un comentario