Publicación destacada

O Radón na Xunta ou como obter boletos para un cancro de pulmón

luns, 23 de novembro de 2015

A Xunta non cubre nin todas as baixas por maternidade nin ningunha paternidade

Nota pública da Xunta de persoal dos Servizos Centrais

É preciso que se recolla por lei a obrigatoriedade das Administracións públicas de cubrir as baixas, canto menos, en todos os casos de conciliación da vida familiar e laboral.

Do mesmo xeito, propoñemos que se cubran temporalmente todas aquelas prazas que teñan previsto ofertar con carácter definitivo no ano 2016.


Neste contexto de pulo económico, que parece indubidablemente constatado polo Goberno galego, non entendemos os problemas de infradotación e falta de cobertura de postos vacantes que se están a producir na Administración autonómica, e en particular nos Servizos Centrais onde a cobertura temporal de postos é algo excepcional.

Denunciamos sobre todo a non cobertura con carácer xeral de baixas derivadas de incapacidade temporal por motivos de conciliación da vida familiar e laboral como son: maternidades, paternidades, adopción, acollemento, redución por garda legal, risco durante o embarazo ou risco durante a lactación natural. E isto, a pesar de que existe reserva legal de posto e non presentan un incremento de gasto para a Administración autonómica.  Por suposto, tampouco están cubrindo con carácter xeral as baixas por incapacidade temporal, independentemente do tempo que leven vacantes e por tanto tamén de que lle supoña un custo menor á Administración autonómica cubrilas porque están subsidiadas pola Seguridade Social ou mutualidade correspondente.


A día de hoxe, a cobertura temporal destas baixas non está garantida por norma e queda ao que cada unidade, centro ou departamento estime oportuno solicitar e ao que os departamentos competentes en materia de orzamentos e función pública decidan informar. Citamos como casos concretos onde non se soen solicitar a cobertura, nin sequera das maternidades, a consellaría de Facenda ou a de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.  Por suposto, as paternidades ou a reducción de xornada por garda legal xa non se cubren en ningún centro dos Servizos Centrais.

Resulta paradóxica a aposta do Goberno Galego pola “Política Social” e a conciliación da vida familiar e laboral para fomentar a natalidade, despois da última remodelación do Goberno, e a falta de implementación de medidas e políticas concretas ao respecto, incluso as máis sinxelas como a cobertura destas baixas que ademais non lle ocasionan gasto adicional pois a nómina do persoal funcionario queda cuberta mediante subsidio pola Seguridade Social ou mutualidade correspondente.

Este feito repercute non só na calidade dos servizos públicos senón tamén na produtividade dos seus centros de traballo, así como unha mala política de igualdade na Xunta. Este verán denunciamos xa a falta de persoal para cubrir as vacacións en diferentes servizos nas Consellarías de Medio Ambiente e na de Medio Rural que, ademais dos inconvenientes para a cidadanía, presentaban importantes desaxustes para o persoal que ve incrementadas as súas atribución e tarefas cotiás, obrigado mesmo a realizar tarefas dun nivel superior ao que deberían desempeñar.

Taxa de reposición

No proxecto de Lei de Orzamentos 2016 recollese o aumento da taxa de reposición ata o 50% con carácter xeral en todos os postos e ata o 100% en determinados postos de servizos públicos taxados. Porén, mantense ao igual que na Lei de Orzamentos de 2015 a limitación aos chamamentos temporais que seguen sendo excepcionais.

Así pois, non ten sentido que se levante a restrición para a cobertura definitiva de postos vacantes pero se manteña a mesma restrición para a súa cobertura temporal. En consonancia, demandamos que a Xunta retire a limitación ao chamamento de cobertura temporal de postos na mesma intensidade que se fixo para a súa cobertura definitiva, comezando por asegurar a cobertura das baixas por incapacidade temporal derivadas de motivos de conciliación da vida familiar e laboral, como é a maternidade.

De todo o anterior, esta xunta de persoal dirixiu queixa a Valedora do Pobo e aos departamentos competentes da Xunta en materia de Igualdade, Función Pública e Orzamentos.

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2015

Novas relacionadas:

Actuacións do último pleno da Xunta de Persoal SSCC de outubro


Ningún comentario:

Publicar un comentario