Publicación destacada

O Radón na Xunta ou como obter boletos para un cancro de pulmón

luns, 23 de novembro de 2015

Novidades temarios EGAP, calidade irregular e non oficialidade

Xa cando coñecíamos que ía haber novas modificacións nos temarios que rexerán as probas de acceso aos corpos xerais (libre e promoción interna), a EGAP publicaba no seu web os temarios correspondentes ao acceso libre A2 e A1 (só en castelán, ollo). Recordamos que os temarios correspondentes a promoción interna foron publicados entre xullo e setembro. E onde están os de C2 e C1 de libre?


O curioso disto é que, tras tanto agardar, xa podían ter metido as actualizacións recollidas no DOG 18 de novembro, ou sexa, que aínda terán que vir (como no caso de promo interna) unha nova versión destes temarios cos últimos cambios. A nota de edición final destes temarios é do 12 de novembro. O compromiso incial da EGAP era telos listos antes do 15 de setembro.

O peor de todo é que a día de hoxe non hai previsión para a publicación actualizada destes temarios que empregan moitas opositoras e opositores para preparar estas probas ("canto antes" dixo o director xeral da Función Pública) A única data que se nos facilitou é que os primeiros exames non serán antes do 1 de abril. Confiamos e solicitamos á EGAP que as actualizacións estean listas, como moito, o mes que vén.

Calidade irregular nos temas e non vinculación para os tribunais

Son moitas as queixas do persoal con relación á calidade irregular dos temas, sobre todo nas versións en galego onde se nota o corrector automático. En todo caso, nas versións en castelán moitas veces nótase tamén o corta e pega de normas, algunhas veces duplicados ou cortando parágrafos pola metade. Por suposto, bótase en falta unha organización máis esquemática e unha exposición máis clarificadora dos apartados de xursiprudencia. Especial atención merecen os temas de sectorial do A1 dun nivel moi pobre. Agardamos que a EGAP revise os temarios e redunde nun aumento da súa calidade, organización e claridade expositiva.

Por último, outra das críticas que xenera unha gran inseguridade entre as opositoras e opositores é que estes temarios, como se recorda en todas as primeiras páxinas, non teñen carácter oficial nin son vinculantes para os tribunais. Así pois, estes poden irse pola tanxente e terminar preguntando calquera cuestión relacionada co epígrafe do tema aínda que tanxencialmente (autonomía do tribunal).

Nos temas de normas lexislativas non hai posibilidade de intepretación e resulta máis obxectivo do que hai ou non que estudar, que non é o caso dos temas abertos. O ideal, o máis xusto, sería preguntar sobre normas concretas. De decir volver ao pasado, a Xunta debería ter feito uns temarios de calidade e de carácter oficial. 

Polos corredores de San Caetano coméntase que iso nunca vai suceder, que suporía "facerlle competencia ás academias". En fin, cómpre recordarlle á Xunta a súa obriga de servizo público, máis nunha situación como a actual que non todo o mundo pode permitirse ir a unha academia, e máis tendo en conta as poucas oportunidades laborais na nosa terra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario