Publicación destacada

O Radón na Xunta ou como obter boletos para un cancro de pulmón

luns, 16 de novembro de 2015

Actuacións do último pleno da Xunta de Persoal SSCC de outubro

No último pleno ordinario que se celebrou no órgano de representación do persoal funcionario que traballa nos Servizos Centrais da Xunta de Galiza, chegáronse aos varios acordos, todos por consenso, relacionados coa penalización da Xunta á conciliación familiar do seu persoal, a non cobertura de vacantes, baixas e maternidades, falta de precisión nas datas de Función Pública, traslados de unidades administrativas, dependencia das secretaría xerais técnicas dos postos base,  ano de imputación do FAS, altos prezos da cafetaría de Gaias e outros temas que están aínda abertos, relacionado coa denuncia á Valedora do Pobo e a publicidade das RPTs.




Reclamación da cobertura das vacantes coa lista de interinos/as.

Logo de que o goberno central acordase subir a taxa de reposición con carácter xeral ao 50% non é lóxico que isto non se traslade á cobertura das prazas vacantes de xeito temporal. Así mesmo, hai unha problemática nalgunhas consellarías, por exemplo en Facenda ou Educación, onde non se cubren nin as maternidades, o que supón un enriquecimento económico, cando non inmoral, xa que esas nóminas estallas a pagar ao persoal a Seguridade Social como subsidio. Así mesmo, hai que facer fincapé en que se deben de cubrir tamén as paternidades (polo mesmo ca no caso anterior) e tamén as baixas por IT. Acórdase presentar denuncia pública, amparo á Valedora e escrito a Igualdade e Facenda.
Non se lles enche a boca con iso de que estamos saíndo da crise? pois que o demostren...


Esiximos un cronograma fiable por parte da Función Pública.

Xa está ben de que Barreiro presente a cada pouco previsións que nunca se cumpren, sen ir máis lonxe: publicación das listas de adm. e excl. do concurso de traslados e dos procesos selectivos, previsión de resolución destes, etc... O concepto do tempo para Función Pública non é o mesmo que para o resto de mortais, cando falan do mes que vén acaba sendo tres ou catro meses... e iso se temos sorte.
Un pouco de seriedade, por favor...


Esiximos que nos notifiquen os traslados da unidades administrativas.

Turismo, Local, Xustiza, Deportes, Política Lingüística, Emigración, creación de novas consellarías... En todas estas unidades administrativas a información sobre cando, como e, ás veces, onde se vai facer o traslado de centro de traballo brila pola súa ausencia. Que lles costa informar ao persoal traballador sobre circunstancias que inflúen sobre a súa vida diaria, como é saber en que lugar vai desenvolver o seu traballo? A este respecto a Xunta de Persoal remitiu un escrito a todas as secretarías xerais lembrándolles a normativa que nos ampara como órgano de representación ao respecto de ser informados destes traslados. Algo que xa se fixo no ano 2012 a todas as Secretarías Xerais Técnicas e que foi outro asunto que non contestou a Administración.



RPT de Vicepresidencia, mal precendente o de pór a todo o persoal subalterno dependendo da Secretaría Xeral Técnica (SXT)

Nalgúnha proposta de RPT do pasado xa vimos intentos de facer depender os postos base das SXTs; na actualidade fanse depender da dirección do centro de traballo, porén as SXTs tamén son centro de traballo e facer depender calquera posto delas para movelos ao seu antollo é, canto menos, unha burla e unha falta total de seguridade xurídica para o persoal.

Falan de racionalidade e a realidade é que o que hai detrás é o intento de agochar as amortizacións dos postos vacantes en unidades fóra de San Caetano e facer que o resto do persoal rote sen máis garantía algunha nunha sorte de mobilidade forzosa. Pois non, o centro de traballo é sempre aquel onde se prestan de xeito permanente ou habitual os servizos.

Acordouse emitir informe contrario a esta modificación e advertir da súa inseguridade xurídica e baleirado do sentido do concurso de traslados, tanto aos membros da Mesa Xeral de Negociacións, como específicamente á Secretaría Xeral Técnica da consellaría.


Que Facenda tramite o Fondo de Acción Social no seu tempo. 

Xa que, cando menos, supón un trastorno ao persoal que o recibe (só por casos relacionados coa dependencia) ter que realizar todos os anos declaracións complementarias debido ao retraso na resolución por parte da Administración.



A cafetaría do Gaiás, prezos para turistas que pagan as traballadoras e traballadroes públicos.

A concesionaria desta cafetaría ten uns prezos que non hai nin nas cafetarías da Quintana, debe de ser para compensar que non vai nin dios por aló. Pois o persoal traballador non está para compensar as perdas, esiximos uns prezos como o que é, unha cafetaría de empresa, onde a maioría dos clientes (senón todos) de luns á venres pola mañá, son persoal da Xunta. Non pode haber esa diferenza de prezos entre as cafetarías de San Caetano e a EGAP e esta.
Menos tarxetitas "Club Gaiás" e asumamos a realidade: A Cidade da Cultura é un fracaso, tanto no arquitectónico-cultural como no económico e se queren facer diso un centro de traballo, pois que poñan unha cafetaría en condicións decentes, sobre todo, económicas.


Respostas ao Valedor do Pobo e a Función Pública.

Con respecto ao primeiro, resulta que este órgano independente que ten que velar polo correcto funcionamento da Administración (a nosa patronal) dalle toda a razón do mundo cando nos queixamos de que non nos responden aos nosos escritos e nos pide paciencia e que teñamos confianza na Xunta... non, se é que vai ser ese o problema... Acórdase presentar nova reclamación con respecto aos escritos non respostados máis recentes, que son posteriores a esta resolución da Valedora para que vexa que ben cumpriu a Xunta a súa recomendación.

Con respecto a Función Pública anteriormente tiñamos pedido que se publicasen as RPTs en formato excel e con información actualizada (información real de se está vacante, en comisión, etc...). Pero resulta que o amigo Barreiro nos di que nanai, que o que hai no web é o mellor que nos poden ofrecer, pois en resposta ímoslle contestar que se lle preguntamos por mazás queremos que nos respondan con mazás, non que nos traian pexegos e de paso recordarlle a outra pila de escritos sen responder que temos.
Estes de mazás e peras entenden moito...

Ningún comentario:

Publicar un comentario