Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 13 de novembro de 2015

Dúas novas sentenzas a prol do pagamento da parte devindicada do complemento específico da paga extra do 2013

A vantaxe de ser a Xunta, que non pagas o que é de lei ao teu persoal e non pasa absolutamente nada... xa irán á Xustiza se queren cobrar.

O Xulgado do Contencioso Administrativo Nº 1 de Ourense e o Nº 1 de Pontevedra veñen de ditaminar senllas sentenzas nas que se estabelece o pagamento do complemento específico das pagas extras. O Goberno galego segue negándose a restituír este concepto adiando o seu pagamento, supostamente, ao ano 2017. O que xa confirmou é que nada de recuperalo con efectos retroactivos, non sendo a xente que está indo aos xulgados pola parte divindicada do ano 2013.

No ano 2013, o goberno de Feijoo decidiu recortar, no pagando o complemento específico (ou concepto equivalente) as dúas pagas extras de todo o seu persoal pasando a ser Galiza unha das escasas comunidades nas que se recortaba este complemento nas pagas extras. Recorte que continúa hoxe en día e que está previsto que se prorrogue até o 2017 e co que aproximadamente están a quitarnos uns 200 millóns de euros por ano.

As sentenzas, inciden nos fundamentos xurídicos das sentenzas que xa recoñeceran o pagamento dunha parte da extra de Nadal de 2012; isto é, a Xunta descontou ilegalmente unha parte da paga extra de xuño de 2013, ao se aprobaren os Orzamentos para ese ano o 1 de marzo de 2013, polo que o recorte da parte devindicada nos meses anteriores é ilegal. As dúas sentenzas recollen que á cantidade que se ten dereito a percibir débenselle engadir os xuros desde a data de reclamación. A correspondente ao Tribunal Nº 1 de Pontevedra, ademais de ser firme, condena en custas á Administración, sen que caiba interposición de recurso.

Trátase dun comportamento absolutamente antidemocrático e irrespectuoso da Xunta co seu persoal, toda vez que o Goberno galego é plenamente consciente de que a xustiza continuará a recoñecer o mesmo dereito que xa recoñeceu para a do 2012. Así llo fixemos ver ao conselleiro de Facenda, reclamando que se fixese efectiva a recuperación, cando menos, desta parte proporcional da paga de xuño de 2013 e non obrigar o persoal da Xunta a continuar novos procedementos xudiciais para exixirlle o cumprimento das súas obrigas retributivas.

A CIG reclamou recentemente na Mesa Xeral de Función Pública que se pagase inmediatamente a parte da paga extra de xuño de 2013, que está a ser recoñecida polos tribunais. No entanto, o Goberno galego negouse, adiando o pagamento e provocando deste xeito, como xa lle anunciamos, unha nova vaga de demandas nos xulgados.

É unha auténtica irresponsabilidade e unha burla ao seu persoal que, cando xa existen sentenzas claras que condenan a Administración galega a facer fronte ao pagamento dunha parte da paga extra con custas, o goberno mire cara a outro lado para prolongar todo o posíbel no tempo un pagamento que finalmente terá que efectuar.

A CIG seguirá promovendo reclamacións contra o recorte ilegal da paga do ano 2013.

Novas relacionadas:

Ningún comentario:

Publicar un comentario