mércores, 16 de decembro de 2015

Dúas sentenzas obrigan á Xunta a pagar a totalidade das pagas extras do 2013

Son xa dúas as sentenza que lle recoñecen ao persoal funcionario dos servizos centrais da Xunta a cobrar de xeito íntegro os dous complementos específicos das pagas extras de 2013. Este complemento específico na Xunta oscila entre 400€ nun posto de subalterno/a ata 1500 nun posto de subdirección. A estas cantidades as sentenzas súmanlle os xuros de demora e ata 400 € de costas xudiciais. As sentenzas son firmes e non cabe recurso.

No ano 2013, o goberno de Feijoo decidiu recortar o complemento específico (ou concepto equivalente para o persoal laboral) nas dúas pagas extras de todo o seu persoal pasando a ser Galiza unha das escasas comunidades nas que se aplicou un recorte adicional. Recorte que continúa hoxe en día e que está no proxecto de Lei de Orzamentos que se prorrogará mínimo este 2016, medida co que aproximadamente están a quitarnos uns 200 millóns de euros por ano.

Nestas dúas sentenzas fica como novidade que ao existir silencio na reclamación salarial en vía administrativa, o xuíz recoñece que o sentido deste é positivo e polo tanto estima na súa totalidade a reclamación da persoa traballadora. As gran maioría das sentenzas anteriores centrábanse só no fundamento xurídico da irretroactividade do recorte da paga extra de xuño dese ano, ao se aprobaren os Orzamentos o 1 de marzo de 2013, polo que o recorte nos meses anteriores de xaneiro e febreiro é ilegal. Este recorte estimabámolo nunha nota anterior en 33 millóns de euros.

Cómpre recordar que se pide a totalidade dos dous complementos específicos nas dúas pagas extras de 2013 en base a que o EBEP recoñece que as pagas extras se establecen con carácter básico e polo tanto non se poden recortar estas cunha lei autonómica, un argumento que xa levou a un tribunal de Castela A Mancha a promover unha cuestión de inconstitucionalidade.

Para o persoal laboral a reclamación fíxose en vía de conflito colectivo e resolveuse no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza en termos similares pero non é firme e está recorrida pola Xunta co obxecto de atrasar todo o que poida o inevitábel.

A Xunta leva desoíndo as nosas advertencias da ilegalidade das súas actuacións; é plenamente consciente do seu comportamento pero xoga co efecto numérico das demandas. Estas actuacións que conlevan uns sobrecustos e saturación da vía xudicial aos que lle da igual facer fronte á Administración autonómica porque non sae do peto dos seus responsables políticos.

Descargar CIG-Informa

Fálase en:



Ningún comentario:

Publicar un comentario