Publicación destacada

O Radón na Xunta ou como obter boletos para un cancro de pulmón

mércores, 9 de decembro de 2015

Novo sistema baixas: o persoal facultativo incompetente, a persoa traballadora delincuente e as mutuas entidades todopoderosas

A CIG denuncia que o novo sistema de xestión por IT é “un ataque frontal e directo contra a clase traballadora". 

O pasado martes, día 1 de decembro, entraba en vigor o novo sistema de tramitación das incapacidades temporais derivado da aplicación dos cambios lexislativos introducidos tras da aprobación do Real Decreto da Incapacidade Temporal e da nova Lei de Mutuas. Cambios que a CIG xa denunciou no seu momento e que afectan directamente aos dereitos e contraprestacións dos traballadores/as traballadoras por atacar directamente á clase traballadora”.

A modificación do sistema de tramitación das Incapacidades Temporais está intimamente ligado á reforma funcional das mutuas que pasan a ser as salvagardas dos intereses económicos das empresas, contra os dereitos dos traballadores e seguindo as directrices dun goberno de dereitas e neoliberal.

Neste sentido, Fernando Sabio, director do Gabinete Técnico de Saúde Laboral da central sindical, entende que agora se ve con claridade o que a CIG xa advertía cando estas reformas foron aprobadas. “Preténdese montar un sistema no que ás Mutuas se lles dá o encargo de reducir substancialmente as baixas dos traballadores/as, tanto no seu número, como na súa duración co obxectivo de rebaixar a aportación económica en base á desprotección, primando o criterio economicista sobre a saúde e a protección dos traballadores/as”.

Sabio denuncia que ás mutuas se lles dan unha serie de consignas para que fagan solicitudes de altas aos médicos do SERGAS. “Se estes queren que a/o paciente siga de baixa teñen que meterse nun proceso de argumentación e xustificación ben fundamentado. E aínda así a mutua pode recorrer ao INSS para que reconsidere esa situación”.

Diante da cantidade de altas que dá o INSS atendendo ás peticións das mutuas, o director do Gabinete entende que este organismo da seguridade Social tamén debe ter indicacións no sentido de axilizalas mesmo en contra do criterio da/o medica/o de cabeceira. “Como consecuencia comeza a haber cantidade de demandas nos xulgados que curiosamente gañan as/os traballadoras/es fronte ao INSS e a mutua, así que ao final os elementos de garantía non funcionan porque están politicamente intervidos”, conclúe.

Nesa dirección van tamén, ao entender de Fernando Sabio, outras modificacións introducidas. “Antes ás mutuas non se lles permitía usar fondos para facer fronte a demandas de tipo xudicial como consecuencia de actuacións incorrectas das mesas”, explica, “porén agora habilitouse un fondo de garantías e as mutuas poden tirar del para facer fronte a actuacións polas que sexan condenadas polos xuíces”.

Sabio asegura que isto implica que un traballador que ten que ir contra a mutua e contra o propio INSS por unha alta indebida, terá que pagar as taxas correspondentes para se enfrontar á administración, mentres a mutua actúa sen ningún tipo de problema porque sabe que pode contar con ese fondo para pagar todos aqueles casos que perda.

“Debería haber unha responsabilidade penal para os médicos das mutuas que sendo conscientes do que fan, actúan cun criterio economicista saltándose por completo o código deontolóxico básico da medicina”, denuncia Sabio, para quen “é tremendo, porque debería actuar a fiscalía -que tamén está intervida politicamente- dun xeito autónomo e con iniciativa propia, cando se atopa a mutuas e médicos destas que acumulan ducias, en ocasións centos, de sentenzas en contra por altas improcedentes con graves consecuencias”.

Diante desta situación Fernando Sabio considera “inadmisíbel que con este sistema economicista se cualifique ao médico/a de incompetente, ao traballador de delincuente e ás mutuas de todopoderosas para facer o que queiran”. Unha situación que, ao seu entender, desequilibra totalmente a balanza cara un lado deixando ao traballador/a desprotexido/a e sen contido dereitos fundamentais como o dereito á saúde ou á vida amparados pola lei do paciente, a lei sanitaria e a propia Constitución. 

Preme para ler a Análise completa publicada polo Gabinete no Boletín de Saúde Laboral.

Preme para descargar o Cadro-resumo sobre o novo sistema de baixas médicas

Ningún comentario:

Publicar un comentario