Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 10 de decembro de 2015

Adianto de Nadal para "o funcionariado"

Clica na imaxe para descargar o CIG-Informa
Din no PP que "fixeron os deberes", que por iso nos devólven o que era noso. Non, os deberes fixémolos nós, en todo caso.

Aproxímase o Nadal (e a aprobación dos Orzamentos 2016) e seguen soando ecos nos medios da sorte que temos "o funcionariado" da Xunta pois imos cobrar unha enésima devolución de paga extra de 2012. Algún xornal fala mesmo de "adianto de Nadal" e é que esa paga dá para moito... para moito xogo político.

Este ano cobraremos 5 pagas extras: xaneiro, maio, xuño, outubro e a que está por chegar de decembro. Desiguais si, e 3 con atrasos, pero non é de estrañar que logo a opinión pública se forme unha idea que non é correcta e que as traballadoras e traballadores públicos temos que andarlle aclarando mesmo ás nosas persoas máis próximas.

A través dos medios de comunicación a xente faise unha idea equivocada de que nos devolven cartos case todos os días: cando anunciaban a devolución, cando aprobaban a norma, nalgúns casos cando a debatían e ao final cando se cobraba definitvamente. Para maior agravio, na Galiza cobramos aínda en máis cachos (e máis tarde) que no resto do Estado: en xaneiro un 12,5%, e maio un 12,5%, en outubro un 25% e a saber como cobraremos o outro 50% en 2016. Iso de xeito bastante groso, polo miúdo o tedes aquí.

Desde que aló polo 2014 comezarán os brotes verdes, houbo tropecentas notas na prensa cos seguintes palabras: "funcionarios" - "paga extra". Facede a proba en calquera buscador de internet e as entradas de notas dos medios de comunicación son enormes. E aínda seguen sendo enormes se deixamos de lado todas aquelas anteriores a 2014 e nos centramos só no 2015 e só na paga extra aquela de nadal de 2012. Non é de extrañar a percepción da opinión pública de que nos devolven a tutiplén e polo tanto que si, que a Xunta vai ben e a economía fetén.

Agora volven anunciar que imos cobrar un 50% ao longo do 2016 e teremos unha suba salarial adicional do 1%, e que en 2017 imos recuperar ata as pagas extras completas... en fin, esto último é só unha promesa para 2017 pero tamén o colan con todo o que fale dos Orzamentos de 2016. En fin, non sabemos que ten de bo cobrar cun atraso de 4 anos unha paga extra, con que aínda por riba nola troceen en cachos e nola devolvan sen xuros e como quen nos da o aguinaldo graciosamente. Eses cartos son nosos, eran nosos, son o noso traballo, non un aguinaldo. Igual que son nosos os complementos específicos nas extras que deixamos de cobrar.

Se queren recordar nos medios de comunicación a quen ten fortuna, que recorden os que teñen verdadeiras fortunas que amasan en sobre e esconden en Suiza. Din no PP que "fixeron os deberes", que por iso nos devólven o que era noso. Non, os deberes fixémolos nós, en todo caso, traballadores, parados, estudantes, dependentes, xubilados, enfermos en lista de espera... as persoas que nos gobernan, e as grandes fortunas ás que defenden, non fixeron o mesmo esforzo, por non dicir ningún, ou máis ben ata o pasaron bastante ben á nosa costa. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario