Publicación destacada

O Radón na Xunta ou como obter boletos para un cancro de pulmón

venres, 4 de decembro de 2015

Menos discursos e máis concursos: cousas que ían ser no 2015 e serán no 2016 (se é que son)

"Menos discursos e máis concursos" foi un dos lemas estrela
das concentracións de San Caetano
ACTUALIZACIÓN (30/12/2015): a estas alturas aínda non temos nada do pouco que dicían a comezos deste mes que estaría en decembro: non hai lista definitiva de persoas admitidas e excluídas do concurso de traslados de corpos xerais, non hai proposta de refundición de categorías laborais (e polo tanto seguen sen ter data para convocatoria do concurso de persoal laboral), non houbo reunión para mirar os cambios no Decreto das listas de substitución e non houbo mesa para "negociar" as novas instrucións de persmisos; destas dúas últimas cuestións xa se presentaron alegacións. Que pasa na Función Pública? Esiximos unha xestión eficiente e o director debería asumir a súa responsabilidade polas dilacións reiteradas e inexplicábeis da maioría dos procesos.

Estes días, entre reunión informal co director de Función Pública e Mesa Xeral, ofrecéronse algunhas pinceladas deses asuntos que van máis lentos que o cabalo do malo.

Atención especial merecen os concursos de traslados porque estaba previstos de xeito permanente no V Convenio Colectivo, estaba prometido ao inicio do novo goberno no 2009 (tamén para persoal funcionario)  e mesmo no último debate do estado da autonomía o conselleiro de Facenda avanzaba para o 2016 "concursos máis áxiles, sinxelos e con maior periodicidade". Só temos promesas que non valen nada e un uso político do noso dereito de mobilidade e hoxe en día única forma de facer carreira profesional por méritos propios. Baste recordar a última nota de prensa sacada pola Xunta por mór da publicación da lista provisional de persoas admitidas e excluídas. Moi triste...

A continuación un resumo con información varia sobre Función Pública cunha liña común: todas aquelas cousas que lle poden sacar partido político pois se moven aos ditados da súa política; o que lles interesa mover pois o moven rápido, o que non lles interesa pois van dando largas e onde dicían o mes que vén, logo é o seguinte e onde dicían 2015 convértese en 2016.

Concursos de traslados

Unha desas cuestións que estiran como o chicle e onde máis cachondeo temos. Din que están traballando nos aspectos técnicos do concurso permanente, escusa que xa levan empregando desde o ano pasado. A promesa incial do concurso permanente data da chegada ao poder do PP no 2009, inspirada tamén no que recolle o convenio colectivo, que non é promesa senón norma. Recupera a promesa o actual conselleiro en outubro. Hai verdadeira intención de facer un concurso permanente?

Concurso xeral: o único en firme é que a mediados de decembro publicarán a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas (e a ver...). Se se lle pregunta para cando as puntuacións provisionais, así xa non dan unha estimación nin de coña. Iso si, o que si teñen claro é que van quitar aínda algunha praza máis por "vindeira amortización" que no DOG publican como "circunstancias sobrevidas"; tamén hai retiradas por execucións de sentenza ou "erros" Como sigan tardando tanto en resolvelo, aínda van volver con outra vaga de amortizacións e retirada de máis postos. Viva a inseguridade xurídica de non saber se ao que estás concursando existirá ou non dentro duns meses. Aquí resolución DOG

Recordades cando se convocou o concurso e decía o director de que "ían intentar resolvelo antes de final de ano"??? (igual se refería xa a final do 2016)

Concurso especial: Función Pública segue sen dar datas de convocatoria, que ao mellor para o ano que vén, en función de como vaia o tema de adaptación das titulacións e as escalas coa publicación da lei de emprego público. A este ritmo, porque non facer o concurso coas vellas escalas e logo xa facer a adaptación? Co concurso non cambian os postos, cambia a xente de posto. Non poden ter secuestrado "sine die" o noso dereito á mobilidade profesional.
 
Concurso de persoal laboral: Tampouco dan datas e desta volta a escusa é que teñen no caixón unha reclasificación das categorías laborais; desto parece que "antes do 23 de decembro" mandarán a proposta completa e logo alegacións.... Como no caso anterior, e visto que tampouco ten moito interese dado a rapidez da reclasificación, que saquen o concurso xa e logo fagan a adaptación. Non poden ter secuestrado "sine die" o noso dereito á mobilidade profesional..

Outros: do de informática lanzan a pelota ao tellado da AMTEGA; o de estatística foi xa a Mesa Xeral; o de persoal veterinario que para comezos do 2016 mandarán o borrador das bases; o de axentes medioambientais (C1) "poderían sacalo no 2016".

Procesos selectivos

Outra cuestión que estiran como o chicle e da que non se cortan en sacar rédito eleitoral, sobre todo se falamos das convocatorias máis grandes en número como poden ser as recentes de corpos xerais (libre e promo interna). Aquí a única novidade é en acceso libre; onde dicían novembro (antes dixeron outubro) agora din decembro e ollo que falamos só da publicación provisional da listaxe de persoas admitidas e excluídas.

Por suposto, nada dos temarios da EGAP, nada de perfilar mellor os prazos das probas que "non antes do 1 de abril", nada da publicación dos tribunais...

Nos de persoal veterinario está previsto para primerio cuadrimestre do ano que vén; bases xa aprobadas en Mesa Xeral.  No de persoal de gardacostas está paralizado por un problema coas titulacións requiridas; previsión de convocatoria para o primeiro trimestre do 2016...


Outros

Novas Instrucións de permisos, vacacións e licenzas: amplian o prazo de alegacións ata o 4 de decembro pero din que en decembro o queren ter finiquitado para que entre en vigor o 1 de xaneiro do 2016.

Decreto de listas: "ao longo do mes de decembro" convocarán para celebrar unha reunión e estudar as alegacións presentadas e ampliar algunhas cuestións novas pero nada dun novo Decreto e por suposto, nada de utilizar o propio decreto, vamos, nada de retirar as restricións aos chamamentos temporais, nin sequera para maternidades/paternidades. Outro tema que ía ser este ano e xa, con sorte, teremos decreto modificado e adaptado aos tempos para o ano que vén.


Orientadores/as laborais para oficinas de emprego: onde ían comezar os chamamentos en novembro, ao final din que a partir do 1 de decembro (A Coruña: 21, Ourense: 12, Lugo: 13, Pontevedra: 24). Recordamos que os chamamentos fannos pola listas do A2 con requisitos específicos de titulacións de Graduado Social, Traballo Social e Educación Social. Esto anunciárono a principios de ano coa OPE, pero está claro que as persoas desempregadas poden agardar...

OPE 2016: anuncian unhas 200 prazas en Administración xeral fronte ás 373 do 2015 (265 acceso libre; 108 promoción interna).

Ningún comentario:

Publicar un comentario