Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

mércores, 8 de xuño de 2016

Persoal laboral da Xunta concéntrase en San Caetano para exixir a restitución de todos os seus dereitos laborais

Denunciaron que as recentes medidas aprobadas polo PP son “claramente electoralistas”

Persoal da Xunta de Galiza concentrouse esta mañá en San Caetano, diante da estación de autobuses de Compostela, convocado polo Comité Intercentros do Persoal Laboral, para manifestar o seu rexeitamento ás recentes medidas aprobadas polo PP, que consideran “claramente electoralistas” e para exixir a restitución de todos os dereitos “cercenados tras cinco anos de políticas de recortes e austeridade”.

Ao remate da concentración deron lectura a un comunicado no que lembraron que as empregadas e empregados públicos levan sufrido, desde o ano 2010, todo tipo de recortes: diminución do 5% do salario desde maio de 2010; eliminación da paga extra de decembro de 2012, aínda pendente de devolver; conxelación salarial no ano 2011 e sucesivos;  nova perda de poder adquisitivo a través da eliminación do complemento específico das pagas extras (medida por certo aplicada só en Galicia); eliminación das axudas do Fondo de Acción Social; redución do complemento por incapacidade temporal e do salario por enfermidade; eliminación dos días de descanso adicional por antigüidade; redución dos días de asuntos propios; supresión do dereito a comedor; eliminación da compensación por traballar en domingos e festivos; redución do descanso semanal a día e medio; non cobertura de vacantes e taxas de reposición insuficientes para que os centros de traballo conten cun cadro de persoal necesario para atender as demandas dos usuarios e garantan a conciliación laboral e familiar dos traballadores; concursos de traslados que deberían convocarse anualmente, pasan ata cinco e seis anos entre convocatorias; ....

Diante disto, exixiron a reversión da Lei 1/2012 de medidas no emprego público, especialmente no que se refire á suspensión do artigo 19 do Convenio Colectivo do Persoal Laboral, e a derrogación da disposición adicional décimo cuarta da Lei 1/2014, de 19 de decembro de orzamentos xerais da comunidade autónoma de Galicia para o ano 2015, pola que se suspende o art. 19.1 do convenio colectivo, así como o primeiro parágrafo do punto 3.3.8 do acordo polo que se establecen as condicións especiais de traballo do persoal do servizo de prevención de incendios forestais de Galicia.

Ademais, demandaron a restitución dos artigos do Convenio Colectivo suspendidos: 100% das retribucións en caso de IT, dereito a comedor, compensación por traballo en domingos e festivos, gratificación por xubilación; ...

Xunto a isto, pediron a recuperación do Fondo de Acción Social; a recuperación do poder adquisitivo perdido nestes últimos anos (en torno a un 25%); a convocatoria inmediata do concurso de traslados nos termos establecidos no Convenio Colectivo e que se recupere unha auténtica negociación colectiva que, fuxindo de intereses electoralistas, permita a restitución paulatina dos seus dereitos económicos e laborais.

Novas relacionadas:


Ningún comentario:

Publicar un comentario