Publicación destacada

O Radón na Xunta ou como obter boletos para un cancro de pulmón

venres, 17 de xuño de 2016

A desesperación dos concursos na Xunta de Galiza: minuto e marcador

Quen espera, desespera... di o refrán, pero pouco lle importa á Xunta, avances tecnolóxicos a parte, a desesperación de milles das súas traballadoras e traballadores públicos que xa se volveu resignación vendo a periodicidade irregularidade e imprevisión na convocatoria e resolución de concursos. Que o peor xa non é que os concursos foran cada 2, 3, ou 5 anos, se soubéramos a ciencia certa que realmente ían a ser con esa periodicidade e ían respetar os prazos tamén da resolución.

No concurso xeral, a Comisión de valoración segue examinando ao redor das 1.000 reclamacións presentadas, reuníndose 3 veces a semana e cunha previsión de ter a resolución definitiva antes de cumprir o 15 de xullo, prazo límite dos 6 meses desde a publicación da lista definitiva de persoas admitidas e excluídas (DOG 15 de xaneiro); o prazo dun ano xa pasaron del o mes pasado. A última información que temos, da boca do propio director xeral da Función Pública, era a toma de posesión diferida para setembro que xustifica en evitar líos na organización dos servizos e nos propios períodos vacacionais do persoal.

Líos estes que se minimizarían cos concursos permanentes, como tamén se reducirían as comisións de servizo, pero igual iso xa interesa menos. E que foi dos concurso permanentes daqueles que falaba o conselleiro a finais do ano pasado e o director a principios deste? A excusa era a licitación do contrato do programa para facer posible... de facelo con recursos propios nada, pero canto menos as bases, ou os seus borradores, onde están?

Onde están tamén ese borrador das bases do concurso de traslados do persoal laboral dos grupos V e IV que ían mandar "antes do verán" onde antes dicían "nas vindeiras semanas"?. Agora semella que se dilúe aínda máis o compromiso e din que "antes de que remate a OPE 2016"... antes de que remate a OPE 2016!!?? Pero se aínda non comezou, aínda non hai borradores e nin ten pinta que vaia comezar este ano, e moito menos antes das eleccións.... cando as rás crien pelo, quer dicir. O director de Función Pública di que nada de concurso para os grupos III, II e I, como lle solicitamos... onde queda o concurso anual aquí? e o permanente? Os últimos concursos de persoal laboral foron convocados no 2011.

Outro bluf foi o concurso do persoal informático, que ao paso que van coas privatizacións, acabarán extinguíndoo. O caso é que Función Pública pasou a pelota ao AMTEGA e AMTEGA... pois aínda estamos agardando pola AMTEGA. O último concurso das escalas de informática foi convocado no 2013. Tamén convocado no 2013 foi o último das escalas de Finanzas e non hai noticias de nigún vindeiro.

Do concurso de corpos especiais, nada, reiteradas veces dixo que non ía convocar, a pesar de telo solicitado... xa sabedes que resulta un concurso que se convoca case cada 10 anos e o último resolveuse "aínda" a comezos do 2014. E vivan as comisións de servizo! E se non a ver como se busca a vida profesional ou o dereito ao traslado cun concruso cada decenio.

Cuestión a parte merece o persoal veterinario, que ademais de desesperar polo concurso (o último foi convocado en 2011) anda pendente da convocatoria de proceso selectivo e da reunión da comisión de seguimento. Comparade a información destas dúas notas de:  xuño 2015 e abril de 2016. Agora resulta que ao longo deste mes van a mandar borradores da convocatoria deste proceso selectivo (e máis do de gardacostas). E respecto da comisión de seguintento, a finais do mes pasado estaban agardando por unha consellaría... do concurso nada.

Xa dicíamos a comezos de ano, cando a convocatoria do concurso de Estatística (para a semana se reune a súa Comisión de Valoración, e que seguramente acabará nunha soa sesión, dado as poucas prazas e persoal afectado), xa dicíamos que este ía ser o primeiro e último do ano.... e desgraciadamente imos gañar a aposta. É o que ten apostar sobre seguro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario