Publicación destacada

O Radón na Xunta ou como obter boletos para un cancro de pulmón

venres, 3 de xuño de 2016

AS COUSAS GÁÑANSE LOITANDO. Reintegro da parte devindicada da paga extra de 2013


http://www.elcorreogallego.es/img/noticias/20110520/cp20f04602565_517877.jpg
A loita sindical ten moitas vertentes, dende a máis primaria e directa, como é manifestarse na rúa, escraches, etc... pasando polas típicas recollidas de sinaturas, cartaces, queixas, escritos..., até a demanda xudicial, que é de onde provén esta novidade, esta proposta a “motu propio”, que semella que parte da grandísima boa vontade da Administración, sempre velando polos nosos intereses e que agora nos vén dicindo que nos vai pagar un cachiño da extra de 2013, unha parte do complemento específico. Pero a verdade é que nola pagan porque, no seu momento, meteron a pata até o fondo aprobando un recorte salarial nos orzamentos de 2013 en marzo, cando xa levabamos un par de meses de ano. Aprobaron os orzamentos tarde e agora teñen que apoquinar con isto.

De aquela chapuza veñen estes ingresos, daquel recorte dos nosos complementos específicos, que aínda non cobramos nas extras actuais -un claro agravio comparativo con respecto ao persoal do Estado e dos concellos- temos agora unha nova argucia eleitoral para os catro titulares de prensa que buscan e que agora xa teñen. En fin... España va bien! dicía o outro...

Logo da presentación de multitude de sentenzas, logo que de que o conflito colectivo do persoal laboral da Xunta obtivese unha sentenza favorable no Superior de Xustiza de Galiza no ano 2014 e que a Xunta, erre que erre, o levase ao Supremo co obxecto de atrasar todo o posible o inevitable e sen máis expectativas que gastar os cartos da cidadanía en reclamacións estériles xudicialmente pero moi frutíferas desde o punto de vista político. Logo que de moitas funcionarias e funcionarios chegaron até a xulgado a reclamar o que era seu, cando caían unha por unha as sentenzas favorables nos xulgados.... Agora vannos pagar.

Como colectivo traballador que somos, temos que ter claro que as cousas conséguense loitando, non queixándonos nos cafés. Se fose así non teríamos nin a cuarta parte dos dereitos que temos nin tampouco, dese xeito, conseguiremos recuperar todo aquilo que nos roubaron.

Dende aquí, queremos facer un recoñecemento público a todas e todos aqueles que presentaron reclamación contra este recorte, que puxeron a cara por todas e todos nós. Os primeiros en presentar estas reclamacións foron as compañeiras e compañeiros da CIG-Ensino, e dende hai ano e medio, dende que no ámbito dos Servizos Centrais, a CIG-Autonómica de San Caetano decidiu iniciar unha campaña que se chamou “Reclama o que é teu (se queres)”, dende aquela, ducias e ducias de funcionarias e funcionarios presentaron unha reclamación en vía administrativa. Perto de 50 destas acabaron nos xulgados de Compostela, algunhas aínda están pendentes de resolución, e todas, unha por unha, foron caendo ao noso favor.

Agora xa é indiferente e case é o de menos se eses 150 ou 200 € de media que nos van pagar vai ser neste ano ou en dous prazos, realmente, cremos que iso é o de menos. Porque o obxectivo principal, que nos pagaran a parte devindicada da paga extra de 2013, aquilo que nos propuxemos dende a CIG con esta campaña, no seu momento, está logrado.

Pero ollo! Non nolo regalan, é noso. E para rematar, unha pequena reflexión: Pagaríannolo igual se non se tivese loitado antes? Agora xa non o podemos saber, saberémolo no seguinte recorte...

Máis información:




Ningún comentario:

Publicar un comentario