O día 10/03/2022 tivemos unha reunión “informal” á que nos convocou Función Pública para falar sobre o Real Decreto-lei 32/2021, de 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral e sobre a Lei 20/2021, de 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade.
Hai que dicir que finalmente nada nos trasladou en relación á reforma laboral e o que fixeron foi básicamente informar a grandes trazos sobre a lei de temporalidade.
Despois de facernos un resumo da lei 20/2021, destaca o director xeral que a data tope que van tomar para determinar o cómputo das prazas afectadas polos procesos de estabilización (concurso-oposición e concurso de méritos) vai ser o 30 de decembro de 2021, data da entrada en vigor da lei. Entendemos que o que van facer é ter unha foto fixa a esa data das prazas existentes que cumpran cos requisitos.
En relación ao requisito de “ocupación ininterrompida” das prazas parece que tomarán como criterio o concepto que se establece no borrador de criterios da Secretaría de Estado de Función Pública, aínda que este borrador non sexa de obrigado cumprimento e simplemente sexa unha recomendación.
Lembrou o DXFP que o art. 20 da Lei 22/2021 de Orzamentos Xerais do Estado di que non computan para a taxa de reposición as prazas de persoal indefinido non fixo.
Nestes procesos de estabilización tamén irán as prazas vacantes que cumpran os requisitos, tanto si figuran na RPT como si non figuran, tamén as do entes instrumentais e as que son a tempo parcial e as fixas-descontínuas.
A maiores na OEP ordinaria de 2022 se incluirá a taxa de reposición do 2021 que é de 700 prazas.
No caso dos procesos de concurso-oposición pretende simplificar o baremo que aconsella o Estado dando prioridade a experiencia profesional na escala que se convoque.
No caso do concurso de méritos, considera Función Pública que o baremo do Estado (60% os méritos profesionais e 40% os méritos académicos) non é o máis beneficioso para o persoal.
Das prazas de concurso-oposición e de concurso non se detraerán ningunha para promoción interna pero si para a quenda de discapacidade.
Antes da elección de destino destes procesos manifesta que terá que haber un concurso de traslados do persoal funcionario de carreira.
Advirte que todo isto se vai negociar no ámbito da Mesa Xeral dos Empregados Públicos onde están representados os 4 sindicatos (hai que lembrar que esta reunión era “informal” e estaba SEPGA).
En relación á valoración da experiencia profesional o director xeral comenta que teñen os informes da Asesoría Xurídica da Xunta que confirman que teñen que valorar por igual o tempo traballado nesta ou en calquera outra administración da Unión Europea no mesmo corpo ou escala (segundo o director xeral, esa é a xurisprudencia do TXUE e que coincide cos criterios xurisprudenciais do TSXG).
Aclara tamén que nos procesos de concurso non pode haber exame de galego, polo que terán que ver como se esixe o coñecemento si como requisito ou como mérito. E ante os criterios de desempate di que se non hai outros mellores serán os que se estableceron nas convocatorias en curso.
O que nos conta o director xeral non é nada novo, polo que para saber ao que nos enfrontamos teñen que achegarnos, entre outras cousas, os borradores das convocatorias onde aparezan os criterios e a identificación das prazas que eles consideran que se axustan ao disposto na lei de temporalidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario