Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

luns, 29 de febreiro de 2016

Cursos INAP 1º semestre: aberto o prazo ata o 8 de marzo

Está aberto o prazo ata o martes, 8 de marzo, para presentar as solicitudes para as distintas accións formativas organizadss desde o Instituto Nacional de Administración Pública (INAP) no que se inclúe unha ampla oferta de cursos de teleformación para as empregadas e empregados públicos das diferentes Administracións públicas:

"Moita atención todos os que preparan oposicións..." Moita atención tamén para o acordo do persoal laboral

... "a Xunta convocará este ano 714 prazas de emprego público no eido da Amdministración xeral". Así comezaba a nova do Telexornal sobre a OPE 2016 da Administración Xeral da Xunta. Xa está, xa teñen o seu titular e uns cantos minutos de gloria adicional  na TVG, deixando claro que é a maior oferta desde 2009 e que a estas prazas hai que sumarlle as de Ensino e Saúde.

O problema de todo esto é que esta oferta quédase ridícula para compensar todos os recortes de prazas públicas que houbo estes anos, para acabar coas privatizacións e co aumento da temporalidade e para cumprir co dereito á promoción profesional do seu persoal (que aquí non hai limitación de taxas de reposición nin farrapo de gaitas). Ver datos das desfeitas de emprego público destes últimos 4 anos.

Conflitos de funcións asignadas ao persoal funcionario

A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais diante das númerosas queixas recibidas con relación a diversos conflitos de funcións asignadas ao persoal funcionario, vén de dirixirse á directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa co obxecto de que aclare e determine as diferentes cláusulas de peche dos decretos de estrutura e impulse o establecemento dun catálogo de postos que remate coa elevada discrecionalidade e conflitos laborais asociados.

Borrador dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social para o exercicio económico do ano 2015

Chega outro ano máis o borrador dos criterios do Fondo de Acción Social (FAS) do 2015, ou do que queda del, máis ben, trala lei de medidas de 2012: o relativo á axuda para a atención de persoas con discapacidade. Recordamos que o persoal laboral ten este dereito recoñecido xa no V Convenio Colectivo no artigo 35. Descargar borrador

A redución do FAS á mínima expresión sigue prorrogada  a través da Disposición Derradeira Terceira da Lei de acompañamento de orzamentos 2016. Xunto con este recorte tamén segue prorrogada suspensión de varios artigos do Convenio Colectivo (entre eles o 19 do descanso en domingos e festivos); outras "medidas temporais" xa as incluíron como definitivas na lei de emprego público como a de "pagar por enfermar".

venres, 26 de febreiro de 2016

Unha empresa pública galega cobra 17€ por cada curriculo recibido

En xaneiro coñecíamos que AirEuropa cobraba 60€ por realizar unha entrevista de traballo, loxicamente sen garantir nada e montouse unha boa, como non podia ser menos. Era unha mostra do degradado que está o traballo no Estado Español e que motiva o que a ministra do ramo chamou "espírito aventurero" da xente nova.

Pois ben, non hai que irse tan lonxe, no noso pais, temos unha "empresa pública" que cobra 17€ por cada curriculo que lle deixes. A cousa é tan abusiva que chegan a cobrar 17€ para botar o currículo de admnistrativo/a e outros 17€ se estás interesado/a, por exemplo, noutro posto do cadro de persoal, como enxeñeiro/a. O peor é que a entrega dese curriculo non garante que te vaian chamar, de feito, na dita empresa pública os chamementos temporais están bastante limitados.

xoves, 25 de febreiro de 2016

Achégase a semana máis intensa dos asuntos da Función Pública

Imaxe da portada do Boletín do mes de febreiro
"Para a semana que vén dirán algo" ese é o resumo dos asuntos máis variopintos de temas de Función Pública que van a cámara superlenta tratados na Comisión de Persoal do pasado 24 de febreiro: que si nos dirán algo do concurso, tribunais, temarios, decreto de listas, paga extra...

Semella que "a semana que vén" vai a ser intensa se non for que xa nos deron moitos motivos para desconfiar e poucas datas concretas, aínda que este ano si que hai interese político en sacar cousas de cara a galería pública, sobre todo as que teñen que ver con emprego público. En canto a outras dúbidas concretas, estaría ben vir coa información debaixo do brazo, que a maioría dos asuntos, senón todos, son temas formulados e reformulados cento de veces.

Só hai duas cousas que concretan "máis ou menos": que NON van convocar escala de Consumo (OPE 2014) e que os EXAMES de corpos xerais de persoal funcionario serán en maio para a promoción interna e os de libre, máis ou menos, un mes despois. Como dicíamos no Boletín de febreiro: "un pouquiño de seriedade, por favor". Imos aos asuntos menos concretos:

Derradeiros cambios no texto definitivo das instrucións de permisos, vacacións e licenzas

Respecto da última versión, o texto xa definitivo e remitido en correo masivo pola Dirección Xeral de Función Pública aos correos corporativos da Xunta, houbo varios cambios dos que a maioría era de pura lóxica, como o do permiso retribuído para as empregadas públicas a partir da semana 37 de xestación, outros van na liña de endurecer o exercicio destes permisos para o persoal laboral que traballa a quendas sen compensación adicional, ademáis que deixaron fora varias cuestións como a definición de enfermidade grave ou a ampliación da xornada de verán para persoal con fillos/as menores de 12 anos.

No prazo de súa semanas crearase unha comisión de seguimento Administración/sindicatos "para velar polo desenvolvemento e a resolución dos problemas que poidan xurdir na aplicación destas instrucións e, no seu caso, tamén poderá propor no futuro modificacións da mesma". Nesta comisión de seguimento participarán Función Pública e as consellerías de Medio Rural e Política Social, sen prexuizo de que asista calquera outra consellería. Agardamos que teña máis éxito que a da Flexibilidade e o Teletraballo e agardamos que a inclusións específica destas consellarías non sexa para seguir poñéndolle trabas ao persoal laboral no exercicio dos seus dereitos.

RPT de Educación: xuntanza do 23F

O martes 23 houbo unha xuntanza convocada pola consellería de educación para tratar a súa proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo, consistente, en grandes liñas, en dotar de persoal auxiliar algúns colexios (aqueles que contasen con máis de 400 alumnos, ou con 350 e servizo complementario de transporte e/ou comedor). A proposta implicaría o desprazamento de 35 funcionarios e funcionarias de IES, así como a amortización de 77 (moitas delas sen dotación orzamentaria, outras 8 ocupadas con persoal interino, e 3 en comisión de servizos)

A consellería comeza informando que a para a financiación das creacións pretende amortizar 23 prazas de profesores de relixión, algo que non aparece na memoria funcional que nos entregaron. Van a sacar a relixión das escolas públicas? Estanse volvendo laicos?

A grandes liñas, esto foi o que manifetou a CIG:

mércores, 24 de febreiro de 2016

Borradores de vindeiras convocatorias de escalas de persoal funcionario

Seguindo co indicado polo director xeral de Función Pública de convocar neste primeiro semestre as prazas que quedan das diferentes escalas das OPEs de 2014 e 2015, agás Subinspección de consumo e Axentes Fac. Medioambientais, achegan agora os seguintes borradores:
  • A1, escala superior de Estatística: 4 prazas (1 promoción interna). Descargar borrador 
Dan de prazo até venres, 26 de febreiro, para alegar.

Aberto o prazo para a solicitude de prazas en escolas infantís públicas e concertadas

No DOG do 24 de febreiro publicáronse tres convocatorias para o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 anos:

Mellor sería investir máis cartos en centros públicos que concertar prazas na privada. O prazo para solicitar o ingreso, en todas as convocatorias, remataría o 25 de marzo pero ao ser festivo esténdese ao 26 de marzo, tal e como figura na sede electrónica da Xunta.

ACTUALIZACIÓN: correción de erros no DOG do 4 de marzo para a convocatoria das dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais e máis das concertadas.


Os datos do Mercado de Traballo en 2015 confirman que ter hoxe un traballo non garante saír da pobreza

O 31% de asalariados/as en Galiza tivo uns ingresos dun máximo de 6.800 euros anuais


Os Gobernos central e galego, sustentados polo PP, repetiron como un mantra en 2015, que estabamos saíndo da crise. Porén, este período de reformas laborais, ‘austeridade’ e recortes de todo tipo en políticas sociais deixa tras de si un regueiro de vítimas: miles de galegas/os desempregados/as, de traballadores/as pobres, de excluídos/as aos que xa nin se lles recoñece o dereito a cobrar unha prestación e miles de mozos/as que tiveron que recorrer á emigración como única alternativa laboral.

martes, 23 de febreiro de 2016

A CIG rexeita a proposta de Oferta de Emprego Pública 2016 por insuficiente

Van xa varias xuntanzas entre sindicatos e función pública para discutirmos a proposta de Oferta de Emprego Público para o ano 2016. O último borrador entregado pola Administración obrigaría a que os sindicatos renunciasen por un ano á aplicación do artigo 9.4 do convenio colectivo, referente á acumulación das prazas que non se ocupen por promoción interna do persoal laboral.

O proceso de negociación está xa moi avanzado (pasou pola Mesa Xeral o día 11, e está previsto que pase pola Comisión de Persoal o mércores 24). A marxe de manobra é moi curta. En grandes liñas, a proposta:

luns, 22 de febreiro de 2016

A promoción interna non ten limitación de taxa de reposición: a cutre oferta para persoal laboral

"Non computarán dentro do límite máximo de prazas derivado do límite máximo da taxa de reposición de efectivos, aquelas prazas que se convoquen para a súa provisión mediante procesos de promoción interna". Isto non nolo inventamos nós, senón que o di o artigo 20. Un. 4. in fine  da lei 48/2015, de 29 de outubro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2016 (BOE 30.10.2015)

Xa que logo non entendemos as microfertas que fan este ano (e levan facendo) para a promoción interna de todo o persoal público da Xunta de Galiza. A promoción interna de corpos xerais de persoal funcionario está mal, moi mal, con OPEs acumuladas desde 2009, sen datas de exame, con cambios de modelo, cunha nova oferta raquítica para 2016... que xa terminarán acumulando coa raquítica oferta de 2015. Pero é que a promoción interna en escalas ou en persoal laboral xa é directamente ciencia ficción. Xa que nos putearon tanto estes anos, o menos que podían é tratar de facer real o noso dereito á promoción profesional, que a lei non o impide e non supón aumento de persoal por riba da taxa de reposición.

Ultímanse as instrucións de permisos, vacacións e licenzas

Trala recente publicación no DOG da recente publicación das instrucións de permisos, licenzas e vacacións para o persoal docente, ultímanse as instrucións de permisos, licenzas e vacacións para o persoal da Administración xeral.

Exclúen sen maior razón o persoal que traballa nos centros do Sergas; referímonos a persoal non sanitario de corpos xerais da Xunta e da lei 17 que traballa maioremente nas antigas direccións provinciais (agora xerencias) e tamén en hospitais.


No último borrador que xa case podemos considerar o derradeiro, aparecen cambios no de poder xuntar moscosos e vacacións, o gozo por separado de ata 6 días de vacacións e  algunhas matizacións para o persoal que traballa a quendas.

Seguen sen incluír o permiso retribuído para embarazo a partir da semana 37 (ou 35 en embarazo múltiple) que recolle o EBEP na súa DA 16ª e que precisa adaptación de cada Administración e semella que aquí non están pola labor.

8.486 persoas coa flexibilidade mais só 112 co teletraballo

A Administración remítenos os datos acumulados das flexibilidades horarias e do teletraballo con relación á data de 31 de xaneiro.

Este mes destacou sobre todo polo aumento de novas resolucións aprobadas para o teletraballo (19), a maioría (16) nos servizos centrais, sendo un dos aumentos máis destacables desde os inicios destas modalidades de réxime horario. Non houbo denegacións. Este aumento corresponde ao desbloqueo das reiteradas e pouco argumentadas denegacións para o persoal que realiza tarefas informáticas que se tratou nesta reunión.

De todos os xeitos, o datos totais do teletraballo (112), tres anos despois da súa implantación só se poden cualificar como de fracaso, tendo en conta as estimacións inciais da propia Aministración de máis de 2.000 potenciais persoas beneficiadas.

A excepcionalidade das libres designacións convertida en norma

Seguen facendo pequenas modificacións no documento que recolle os "criterios de excepcionalidade para a cobertura de postos de xefaturas de servizo ou equivalentes por libre designación". Descargar último borrador

De feito xa lle están dando ata un enfoque público que ata saltou ás páxinas de La Voz de Galicia. Despois da inevitable comparación co "bipartido" vén a crítica e ata a propia redación de La Voz recoñece que "son tantos os supostos que escaparán ao criterio xeral que a selección por concurso específico que estipula o novo marco normativo quedará desvirtuada".

Deben ter tanto medo que ata por concurso específico se lle poida escapar o control político nos mandos intermedios da Administración, concurso que por lei pode acadar ata un 45% de libre designación. Por suposto, despois vén a excepción da excepción, ou que os postos 25 tamén poidan ser por LD/Concurso específico. Xa anuncian que o "marxe de negociación" vai a ser mínimo e así está sendo. Consideramos estes criterrios como un insulto á profesionalidade, independencia e capacidade de formación do persoal funcionario da Xunta de Galiza.


250 comisións de servizo entre decembro de 2015 e xaneiro de 2016

Achégase as listaxes de postos de persoal funcionario en comisión de servizo, prórrogas, adscricións e revogacións de comisións dos pasados meses. Descargar decembro. Descargar xaneiro.

Entre o último mes do ano pasado e o primeiro deste, concedéronse un total de 98 novas comisións de servizo, un lixeiro, ou non tanto, repunte tendo en conta as datas festivas que collen a estes meses. Así mesmo, prorrogáronse 152 comisións de servizo, un número similar ao dos meses pasados.

Xa nos queixábamos en decembro de cando se resolvería o concurso, pero cada día que pasa aínda é máis grave este retraso, xa que incrementa esta forma de provisión de postos e impide que as prazas estean a disposición por medio duns criterios obxectivos, como levamos reclamando dende sempre. A data de hoxe, aínda non sabemos cando se vai resolver o concurso e a coña é que vemos como hai postos que van camiño de 6 anos en comisión de servizos.

Que foi dos temarios de oposicións da EGAP?

A verdade é que pouco importa xa cando os publiquen tendo en conta que se botan enriba as hipotéticas e incertas datas dos primerios exames, que a xente xa tivo que buscarse a vida para estudar, e sobre todo porque non teñen carácter oficial e non son vinculantes, o que implica o pouco rigor que se emprega na súa elaboración e xa non digamos nas versións en galego. En calquera caso vai información por se vos resulta de interese:

O director xeral de Función Pública faise agora responsable da súa cordinación, debido que "a EGAP non da resolto". Recoñece que están pendentes de adaptación dos cambios lexislativos publicados en novembro un total de 22 temas. Asegura que a maioría estarán publicados en febreiro, e todos en marzo.

Sobre os méritos moi específicos e as xefaturas de sección por LD: RPT Presidencia

Séguese coa modificación da RPT dos órganos superiores da Presidencia. Da última xuntanza do 15 de febreiro e sobre as últimas correccións, chama a atención as seguintes pinceladas:

Xefatura de Sección de Cordinación

Seguen coa teima de que sexa de LIBRE DESIGNACIÓN. Desde a CIG mostramos a nosa máis rotunda oposición e máis baseándose no argumento de “asesoramento e dependencia directa dun alto cargo”, mostrámoslles RPT’s onde hai postos de distintos niveis dependentes de altos cargos e todos son de concurso; de feito preguntóuselles cantos posto deste formato coñecían, ao que non souberon que contestar, pero dixeron que mirarían nas RPT’s das consellerías para saber si os hai. 

Novo borrador das vindeiras convocatorias de escalas de Administración especial e corrección de erros dos anteriores

Trala remisión a pasada semana dos borradores de Química, Bioloxía e Enx. Industrial, achéganos agora Función Pública un novo borrador (para unha soa praza) que quedou descolgado das anteriores: o do proceso de consolidación de Química, ou sexa, de concurso-oposición, no lugar de só oposición, como eran as anteriores.  Dan de prazo ata martes, 23 de febreiro para presentarlles consideracións. Descargar novo borrador

Advírtennos tamén dun erro nos anteriores borradores, máis en concreto no de Química, que figuraban mal o número de prazas convocadas. Onde dicía 2 de acceso libre debería dicir 1, xa que a outra praza é para este proceso de consolidación. Así pois o número de prazas ofertadas na totalidade destes borradores viría a ser:

Reinicio da actividade laboral dos/as traballadores/as de duración fixo-descontínua

Dacordo coa comunicación recibida o 17 de febreiro de 2016, por parte da Conselleria do Medio Rural, os/as traballadores/as do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) da Xunta de Galicia, que ocupan postos de duración fixo-descontínua (9 meses), comenzarán a prestar novamente servizo o vindeiro día 1 de marzo.

A Secretaría Xeral Técnica e as xefatura territoriais de cada provincia serán as encargadas de realizar os trámites adecuados para que a incorporación se produza nesa data.

martes, 16 de febreiro de 2016

Promoción interna: 2012 aspirantes competirán por unha das 320 prazas en datas aínda sen determinar

Ao fin, publícanse no DOG de 16/02/2016, as listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas nos distintos procesos de promoción interna de corpos xerais de persoal funcionario. As listaxes provisionais foran publicadas no mes de outubro do ano pasado e as convocatorias publicáranse no mes de maio. Estas convocatorias acumulan prazas de varias ofertas de emprego público de 2009, 2011 e 2012, sendo as prazas de libre xa convocadas e resoltas anos atrás.

Finalmente serán 2012 as persoas aspirantes que loitarán por unha das 320 prazas sen aínda coñecer as datas dos exames. As peores ratios atópanse no C1 e no A2 próximo ás 15 e ás 12 persoas por praza respectivamente. Pola contra, no A1 e C2 as ratios son próximas a 2 persoas por praza. Porén, iso non garante nada xa que non é novo nesta Administración o de deixar prazas baleiras.

A continuación deixámosvos uns cadros resumos cos diferentes datos e as ligazóns ás listaxes definitivas tanto de persoas admitidas como de persoas excluídas, esta última publicada xunto coa resolución:

AMTEGA: nova reunión do 12 de febreiro

O 12 de febreiro houbo unha nova reunión para falar da microproposta de modificación da RPT da AMTEGA se ben se seguiu falando doutros temas de interese para o persoal público que traballa nesta axencia.

Sobre a modificación da RPT

a) Xefatura de sección de coordinación económica e protección de datos (nova creación):
Eliminan o mérito de experiencia en xestión económica. Manteñen o mérito de formación en Xestión económica e engaden o de formación en Protección de datos (este mérito é novo e aínda non ten código).

b) Xefatura de departamento de sistemas (área de infraestruturas e telecomunicacións): Sobre a apertura á Administración local seguen insistindo na necesidade de facelo. Opoñémonos en base á non reciprocidade das administracións locais. En todo caso, convenio cos concellos que sexan recíprocos. Non entendemos en que pode contribuír a esta praza o persoal dos concellos. Volvemos recalcar que están preparándolle o posto para alguén do concello de Santiago, que tras eleccións municipais quedou sen carguiño… recordándolles que isto é un xeito para entrar pola porta de atrás, xa que no caso de cesalo neste posto quedaría integrado na Amtega.

Convocadas probas para a obtención de determinados Carnés Profesionais e Habilitacións Profesionais no ano 2016

Convocadas probas para a obtención de determinados Carnés Profesionais e Habilitacións Profesionais no ano 2016 na orde do 1 de Febreiro de 2016  (DOG 11 de Febreiro de 2016).

Consulta na seguinte ligazón a información desta convocatoria, na que se indican os carnés e habilitacións convocadas, así como os requisitos a cumprir, documentación a aportar, prazos e o procedemento a seguir.

luns, 15 de febreiro de 2016

Modificación profunda dos postos de persoal funcionario non docente nos centros de ensino

A proposta da Consellaría de Educación suporía un importante cambio na distribución dos postos de persoal funcionario, con numerosas creacións, eliminacións e desprazamentos dende IES a colexios.

A Consellería de Educación enviounos unha proposta de modificación da súa RPT que busca dotar de persoal auxiliar administrativo todos os colexios de educación infantil e primaria que teñan máis de 400 alumnos/as ou 350 no caso de dispoñer de servizos complementarios de transporte e/ou comedor, atendendo así a demanda dos equipos directivos dos centros. Descargar proposta

Para atender esta importante reasignación de efectivos, desprazan 35 auxiliares administrativoos de diferentes IES (13 de concellos de Coruña, 4 de Lugo, 8 de Ourense e 10 de Pontevedra) e crean 63 novos postos (a maiores de regularizar en RPT outros 11 xa dotados previamente), que financian mediante a eliminación de 77 postos existentes, dos que 8 están ocupados por persoal interino que se vai á rúa e 3 por persoal en comisión de servizos. Os postos eliminados incluen postos de persoal subalterno, auxiliares administrativos e algunhas xefaturas de secretaría.

venres, 12 de febreiro de 2016

Xa son catro as sentenzas que recoñecen o dereito a cobrar as pagas extras de 2013 íntegras

Levan bo ritmo as sentenzas das pagas extras de 2013. Son xa catro as sentenzas que lle recoñecen ao persoal funcionario dos servizos centrais da Xunta de Galiza o dereito ao cobro íntegro dos complementos específicos nas pagas extras dese ano. A última sentenza recaída nos Xulgados do Contencioso de Compostela, o 29 de xaneiro, recoñece o dereito a cobrar 1.013,92 € máis xuros de demora e condena a 400€ en costas á Xunta de Galiza. A sentenza é firme e non cabe recurso.

No ano 2013, o goberno de Feijoo decidiu recortar o complemento específico (ou concepto equivalente para o persoal laboral) nas dúas pagas extras de todo o seu persoal pasando a ser Galiza unha das escasas comunidades nas que se aplicou un recorte adicional. Recorte que continúa hoxe en día e que continúa na Lei de Orzamentos do 2106, medida co que aproximadamente están a quitarnos uns 200 millóns de euros por ano a todo o persoal que cobramos da Xunta.

Vannos pagar a todo o persoal da Xunta os complementos específicos substraídos nas pagas extras 2013?

A día de hoxe só vai cobrar o persoal funcionario que vaia ao Xulgado ao non ter a posibilidade legal de presentar conflito colectivo.

As pagas extras de todo o persoal funcionario son incompletas ao ter desde maio de 2010 recortados os compoñentes de soldo e trienios que se empregan para calcular a paga extra; ao persoal laboral se lle aplica o recorte linealmente. Porén, na Xunta todo o persoal témolas máis icompletas aínda ao non inlcuír estas o complemento específico (ou equivalente para persoal laboral).

Son varias as sentenzas que están recaendo sobre a substración dos complementos específicos nas pagas extras de 2013 para o persoal funcionario. As sentenzas están recoñecendo o dereito ao cobro da totalidade no caso do silencio administrativo que ditaminan positivo ao non existir norma específica que diga o contrario que a Lei de Procedemento Administrativo.

Por outra banda, e na práctica totalidade dos casos, recoñecen a reclamación subsidiaria de 1/3 do complemento específico da paga extra de xuño ao entrar en vigor a Lei galega de Orzamentos do 2013 con dous meses de atraso, o 1 de marzo.


O Boletín - febreiro 2016: "Un pouquiño de seriedade, por favor"

Xa está dispoñible en versión electrónica o número 225 do Boletín dos Servizos Centrais na Xunta de Galiza:


Nesta edición:
  • Editorial: Un pouquiño de seriedade, por favor (nos asuntos da Función Pública)
  • En destaque: Outras oposicións da Xunta no Tribunal Supremo. A directora xeral pantasma. La Voz non chega a fin de mes
  • Novas breves: concursos de traslados, procesos selectivos, normativa, retribucións, sentenzas pagas extras 2013, RPT
  • Humor: Na túa ou na miña (versión da TVG do programa de Bertín Osborne)

Corrección de erros: na nova "Outras oposicións da Xunta no Tribunal Supremo", a sentenza da que se fala fai referencia á convocatoria do A1 do 2008 pero acceso libre (oposición) , non á de consolidación (concurso-oposición). Porén, as oposicións de consolidación tamén están no Tribunal Supremo e o resto que nesa nota se comenta é certo.

Sr director xeral da Función Pública: non se burle do persoal que prepara a promoción interna

Esta semana ía saír no DOG a resolución da listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas nos procesos de promoción interna de copos xerais de persoal funcionario... e de novo, non saiu. A pouca transparencia e imprevisión nestes procesos xa é VERGONZOSO (con maiúsculas). 

Temos que recordarlle ao sr. director xral que veñen de acumular 3 ofertas de emprego público (2009, 2011 e 2012), que da oferta de emprego público de 2009 si convocaron e resolveron as oposicións que había pola quenda libre (non era pois un problema orzamentario), que desde entón hai moita xente preparando estas únicas, escasas e cambiates probas para promociónar profesionalmente, con máis ou menos, ou mesmo ningunha, interupción. Non sobran os cartos, non sobra o tempo. O que lle están facendo ao persoal funcionario coa promoción interna non ten nome, ou mire, máis ben si, chámase BURLA.

O respositorio legal do Aranzadi-Westlaw tamén está dispoñible para o persoal da Consellaría de Facenda

Tralas queixas recibidas por non ter un acceso directo a este repositorio legal, puxémonos en contacto coa Dirección do CIXTEC e conténstannos que si se pode acceder desde a Consellaría de Facenda pero hai hai que solicitalo persoalmente; ou sexa, que non é de acceso directo.

Agradecemos a cordial resposta do CIXTEC pero vémolo como unha solución transitoria e gustaríanos que se traballara por integrar todos os recursos transversais da Xunta en igualdade de acceso e condicións para todo o seu persoal.

Estimados Sres.

En relación co seu correo de data 5 de febreiro de 2016 no que expresan a súa inquedanza pola imposibilidade dun usuario a hora de acceder a base de datos xurídica de Aranzadi (Westlaw), informar que a base de datos xurídica Aranzadi (Westlaw) é accesible para calquera usuario da Consellería de Facenda que estea debidamente autorizado.

Protocolo para o mellor adiamento ao coñecemento dos Tribunais de Xustiza do acoso laboral na Xunta de Galicia en prol da mellor indefensión e máis doada eliminación da vítima

Do protocolo eterno fronte ao acoso laboral na Xunta comezou a rular un borrador en outono do 2014, houbo alegacións, reunións e mesmo comparecencias paralamentarias debido a súa intención de cubrir o expediente e, a pesar diso, do seu lento desenvolvemento. Recordamos que declaraba a Xunta que a finais do ano pasado "ultimaba" algo que xa levaba en borrador desde 2014 e cando na Administración do Estado levaban con un protocolo aprobado desde 2011 e agora falan de establecer un "cronograma" de negocacións... de cara á galería eleitoral.

Esto nas formas porque no fondo o dito protocolo carece de utilidade práctica pois o seu enfoque é errado, nin prevención, nin auxilio e apoio á presunta vítima. Un protocolo que busca o políticamente correcto para "dejarlo todo igual salvo alguna cosa". Algunhas cuestións non son de ius, son de sentido común e rozan o esperpéntico: escribir que "auténticas situacións de acoso laboral" deben ser sancionadas "pero non como acoso laboral" é de traca, escribindo en linguaxe costumbrista. Se é auténtico acoso, debe ser sancionado como tal; e, se non debe ser sancionado como acoso laboral é porque non é acoso laboral. Por non escribir,  que a propia definición de acoso laboral é errónea por mal copiada ao querer cambiala e traducila, ou que pretender definir co propio término incluído na definición non é admisible.


Primeira convocatoria de actividades de formación continua da EGAP

No DOG do 12 de febreiro publicouse a convocatoria da primeira vaga de actividades de formación continua da EGAP para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. No DOG do 11 aparecen publicadas a convocatoria das actividades para o persoal da Administración Local e máis de Xustiza

Hai 10 días naturais de prazo para matricularse nas actividades formativas desde as 8:00h do sábado, 13 de febreiro ata as 14:00h do luns, 22 de febreiro, coma sempre telemáticamente a través da seguinte ligazón. O número máximo de cursos que se pode solicitar durante o prazo de presentación de solicitudes limítase a 6 en todas as convocatorias cuxo prazo de matrícula sexa coincidente.

Borradores de vindeiras convocatorias de escalas de Administración especial

Achéganos Función Pública os borradores das seguintes convocatorias de escalas de Administración especial:

Proxecto de orde de convocatoria de procesos selectivos para o ingreso no corpo facultativo superior de Administración especial da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de Ciencias, especialidades de Química e Bioloxía e escala de Enxeñeiros, especialidade de Enxeñaría Industrial. Descargar borrador

Proxecto de orde de convocatoria do proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de Enxeñeiros Técnicos, especialidade de Enxeñaría Técnica Industrial. Descargar borrador

Alegacións até o 19 de febreiro.

martes, 9 de febreiro de 2016

A OPE 2016 polo miúdo, as prazas que faltan e o resto a cámara superlenta

Agora si, o 8 de febreiro, entregan a oferta pública de emprego de 2016 para Administración xeral con todo luxo de detalles e sen erros.  A información que facilian vén desglosada por escala e/ou categoría profesional e despéxanse a dúbida en promoción interna de corpos xerais, que na nota do Consello falaba de Corpo Administrativo (A2). Descargar borrador

ACTUALIZACIÓN (12/02/2016): descargar novo cadro anexo prazas OPE 2016 ; isto é un borrador e pode sufrir modificacións.

ACTUALIZACIÓN (18/02/2016): descargar novo cadro anexo prazas OPE 2016 (variacións en prazas de enx. de montes e enx. tec; persoal informático promoción interna separada; persoal laboral promoción interna separada); isto é un borrador e pode sufrir modificacións.

En calquera caso, "para ir ao máximo" das taxas de reposición que lles permitían desde Madrid, cremos que faltan prazas. Falaban da cobertura do 100% das vacantes en "servizos prioritarios" e o 50% no resto. Estanse deixando vacantes sen ofertar. Por outra banda, ata que convoquen e resolvan estas "necesidades" deberían cubrilas temporalmente as que non o estean.

Do resto de cuestións, case todo palla, que si para vindeiras semanas, que si nos dirán algo, todo sen concretar. O peor o dos concursos e as opos de corpos xerais que non hai nin palla. Iso sí, non escatiman en reunións, aínda que sexa para non dicir nada novo; hai ordes de arriba de aparentar diálogo e bo rollito. O único que se concreta, a parte da propia OPE 2016, é o que tamén vai este xoves á mesa xeral: criterios de excepcionalidade para cubrir servizos por LD, instrucións de permisos, vacacións e licenzas e a convocatoria das 6 prazas de ordenanza para persoas con discapacidade intelectual. (Fai clic para obter os últimos borradores).

AMTEGA: resumo da reunión do 5 de febreiro

O 5 de febreiro houbo unha reunión para falar dunha microproposta de modificación da RPT da AMTEGA se ben se tocaron outros temas de interese para o persoal público que traballa nesta axencia.

Sobre a proposta de modificación da RPT

Xefatura de sección de coordinación económica e protección de datos (posto de nova creación): solicitamos a retirada do mérito en experiencia. AMTEGA: manifestan disposición a reconsiderar a nosa alegación de retirar a experiencia e poderían substituilo por engadir o mérito de formación en protección de datos.

Vindeiros actos de elección de destino e prazas ofertadas: enx. tec. minas

A semana pasada foron A1 Arquivos e A2 Bibliotecas e esta semana tócalle a A2 Enx. Téc. de Minas que tiveron unha convocatoria simultánea. Achéganos Función Pública as prazas que se ofertarán para a elección de destino definitivo das persoas aspirantes que superaron este proceso selectivo.  

Visitas para realización de avaliación de riscos laborais e medidas de emerxencias nos centros de Servizos Centrais

Achégannos desde o Servizo de Prevención de Riscos Laborais a listaxe cos centros de Servizos Centrais da Xunta de Galiza que serán visitados proximamente para a realización da avaliación de riscos laborais e medidas de emerxencias.  Entre estes centros, figuran: o Museo das Peregrinacións, o Restauro, a Amtega, AGADIC, Turismo (novas instalacións A Barcia), Meteogaliza ou Política Lingüística (novas instalacións San Roque).

Para calquera cuestión, podedes contactar con nós en cig.sancaetano@xunta.es

venres, 5 de febreiro de 2016

Recollida de sinaturas: Por unhas datas certas e con antelación suficiente nos exames de oposicións da Xunta

Asina a petición en Change.org e mándalle a túa queixa ao director da Función Pública, ao conselleiro de Facenda e mais aos grupos parlamentares da oposición para que fagan presión política.

O dos procesos selectivos na Xunta de Galicia é de coña. No canto de que o proceso sexa a ferramenta para conseguir o fin de cubrir unhas prazas, o proceso convírtese no propio fin. Os tempos, as datas dos exames, non as marca un obxectivo de cubrir X prazas para unha data determinada, a praza xa se cubrirá en función de como ande o proceso E en función de que vai andando o proceso? Nós cremos que en función non das necesidades dos servizos públicos, senón en función de intereses meramente políticos.

Publícase unha Oferta Pública de Emprego, logo a saber cando se convocan as prazas (ou as que finalmente se convocan) e logo a saber cando serán os exames, xa por non falar de cando tomarás posesión. Mentres noutras Administracións, os exames son sempre nas mesmas datas e son confirmados con exactitude coa convocatoria, na Xunta só poñen un "o primeiro exame non será antes de...", algo que non permite facer unha preparación en condicións, nin conciliar a vida laboral, familiar e persoal non sendo que non teñas máis vida que as oposicións.

Da Oferta de Emprego Público para 2016, de procesos selectivos e outras novas

O pasado 3 de febreiro houbo unha reunión co director xeral de Función Pública desas de moita palla e pouca chicha, a maior chicha xa nola anunciou onte Alberto Núñez Feijóo en exclusiva tralo Consello da Xunta: o desglose da Oferta de Emprego Público de Administración xeral para 2016 (ver ao final desta nota).

O que si deu a entender o director xeral é que hai intención de convocar case todo o que está pendente das OPEs pasadas (excepto corpos xerais, que eso seguramente acabará acumulado para non variar). Ningunha información nova de ningún concurso. Ningunha información de cando van pagar o 50% da paga extra do 2012 que nos deben e que ía este ano (deixaranno para que o anuncie Feijóo tras un consello da Xunta moi próximo as eleccións galegas, apostamos?)

Nótase que estamos en precampaña que saen ofetadas prazas (o dobre que o ano pasado) e agora éntralles a presa por convocar o que falta e facer exames (que tampouco hai unha data clara). Aínda que agora si, porque lles interesa políticamente, deámoslle algo máis credibilidade que de costume a que algo van facer aínda que tampouco ofrecen datas moi claras.

Imos por partes:

Vindeiros actos de elección de destino e prazas ofertadas

Achéganos Función Pública dúas microlistaxes de prazas que se van ofertar nos actos de elección de destino dos procesos selectivos das especialidades de A1 Arquivos e A2 Bibliotecas convocados en 2014. Dan de prazo até 4 de febreiro para achegar calquera consideración.

- A1 Arquivos (corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala facultativa de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade de arquivos) Descargar prazas

- A2 Bibliotecas (corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade de bilbiotecas) Descargar prazas.

A Xunta segue sen transparencia no rexistro de convenios

A falta de transparencia é o elemento necesario para favorecer a corrupción e o dispendio público.

Ultimamente escoitase moito falar de transparencia mais só na teoría, non tanto na práctica. De feito, na Xunta a teoría xa viña do 2006 e logo volveron a sacarnos unha teoría no 2015 sen sequera levar a práctica a do 2006; pasaba coas retribucións do persoal de Gabinete e coas convenios, por exemplo. Semella que todos estes movementos son máis obrigados polas circunstancias que porque o actual goberno crea nela xa que moito non a practica.

Nestes meses vimos de ver unha fornada de publicación de convenios no DOG atrasados do ano anterior, mesmo correspondentes aos meses de maio, xuño, xullo e agosto do 2015 como o recente caso dos da Consellaría de Presidencia publicados no DOG do 4 de febreiro de 2016. En calquera caso, a única transparencia está no nome do convenio e na achega económica. Nada sabemos das condicións en detalle, algo de moito interese no caso dos convenios, por exemplo, cos medios de comunicación.

Novos bloqueos sen sentido da Rede Corporativa da Xunta

No Xornal Praza.com a Rede Corporativa Xunta bloquea varios banners, eses anuncios con imaxes cambiantes ao final da páxina. Comprobamos fóra da intranet da Xunta  a ver se podían resultar "ofensivos" e comprobamos que o que se capa son anuncios dos que se poden atopar a diario nese medio: Médicos Sen Fronteiras, Editorial Xerais, etc.

O que nos chama a atención é que non bloquean os anuncios, por exemplo, da Voz de Galicia ou Faro de Vigo, sobre Gadis, por exemplo, que ademáis están máis arriba e resultan máis molestos. Cal é o criterio para bloquear a publicidade dunha páxina que ten a Rede Corporativa da Xunta?

Por certo, no voso navegador de internet podedes utilizar o seguinte complemento para bloquear estas publicidades, en función de gustos propios, non que volos bloquée a AMTEGA segundo non sabemos moi ben que criterios.

Novas relacionadas:

Zona verde de aparcamento en San Caetano dispoñible por "domicilio profesional"

O aparcamento para as traballadoras e traballadores públicos de San Caetano segue sendo un grave problema e iso a pesar da implantación da flexibilidade horaria. Resulta máis que evidente que as prazas contratadas pola Xunta no aparcadoiro da estación de autobuses son máis que insuficientes e iso implica unha sobreocupación de todas as prazas da veciñanza.

Tras varias xestións da Xunta de Persoal conseguiuse que abiran ao aparcamento unha franxa fronte a Consellaría de Facenda que levaba moitos anos pechada, o que liberou unhas 40 prazas. Porén, seguen sen abrir a totalidade en base á "alerta xigadista nivel IV". Chegou a proporse a reserva do frontal de San Caetano como zona de aparcamento exclusiva para persoal da Xunta, canto menos no horario de máxima afluencia entre 7:30 e 15:30h pero sen éxito.

A conversión de varias zonas da veciñanza en zonas verdes pode parecer que emperou a cousa pero abre unha nova prosibilidade que non todo o mundo coñece: a tarxeta de residente por "domicilio profesional". Preguntando no concello, esto é aplicable, por suposto, tamén para o persoal das Administración públicas. 

Doazón de sangue en San Caetano

A vindeira semana, a de entroido, estará a unidade móbil do Centro de Transfusión de Galiza en fronte da cafetaría de San Caetano. Se qeuredes doar, podedes acudir o luns, martes, mércores ou xoves en horario de 9:30h a 14:30h.

En Galicia precisamos cada día entre 400 e 500 doazóns de sangue para que moitos doentes podan recuperar a súa saúde e, mesmo salvar a vida. Cada día os hospitais galegos atenden unha media de 3.000 urxencias, realizan máis de 500 intervencións cirúrxicas e levan a cabo 3 transplantes de órganos e tecidos.

Acceso ao repositorio de Aranzadi-Westlaw desde a intranet corporativa da Xunta

Está dispoñible desde a intranet o servizo de repositorio legal e de xurisprudencia do Aranzadi-Westlaw, clicando nesta ligazón.

En principio, parece que está aberto a todo o persoal con acceso á intranet corporativa da Xunta.

Ademáis, na anterior ligazón pódese atopar outros repositorios legais que ofrecen información especializada en materia de lexislación e xurisprudencia como "El Derecho", "EUR-Lex" e Iustel.

Función Pública ofrece unha praza a unha funcionaria para executar unha sentenza pero acaba adxudicándoa en comisión de servizo

A Xunta de Persoal da Coruña entende que a Dirección Xeral potou "pola peor maneira posíbel de solucionar o problema" xa que implica prexudicar a máis traballadores
A Xunta de Persoal funcionario da Xunta de Galiza na provincia da Coruña vén de denunciar publicamente a actuación da Dirección Xeral de Función Pública, que para resolver o prexuízo ocasionado a unha traballadora á que baremara erroneamente no concurso de traslados, lle ofreceu unha praza similar á que lle correspondía. Oferta á que a funcionaria accedeu para non prexudicar a tres compañeiros que tamén concursaran canda ela. Porén, días despois a Consellaría racha coa súa proposta e propón a cobertura da vacante en comisión de servizos a outra traballadora.

xoves, 4 de febreiro de 2016

Modificación de xornada de Entroido: martes 9 e mércores 10 de febreiro

Tal e como todos os anos, saca a Xunta, cun par de días de antelación, a tradicional resolución anual de modificación de xornada para luns e martes de entroido. 

A dita modificación é de aplicación a todas as empregados e empregadas públicas da Administración xeral e consiste, con carácter xeral, nunha redución de xornada de 1:15 á partires das 14:00h o martes e de 1:15h ata as 9:00h do mércores. A esta redución habería que aplicarlle as peculiaridades do réxime de flexibilidade horaria tal e como foron comunicadas aos correos electrónicos corporativos da Xunta por parte da Dirección Xeral da Función Pública.

mércores, 3 de febreiro de 2016

Enchufando amigos dos concellos na AMTEGA

A AMTEGA aproveita a convocatoria da reunión para  modificación da RPT (despois de rematado o prazo de presentar alegacións) para intentar colarnos un cambio de última hora. Descargar documentación

Concretamente pretenden que o posto de  xefatura departamento de sistemas poida ser ocupado por persoal da Administración local e polo sistema de Libre Designación. Nin sequera se lle esixe ser de escalas ou corpos informáticos ou ter unha titulación informática.

Intentan xustificar esta modificación dun único posto de traballo cunha memoria funcional de 5 páxinas, o que nos resulta sospeitoso porque normalmente non se estenden tanto.

Seica lle están preparando o posto para algún amigo dun concello que quedou sen “carguiño” tras as últimas eleccións locais.

 

O PP conmemora o Día da Marmota na Xunta de Galiza

Do mesmo xeito que Bill Murray vivía atrapado no tempo na famosa película e espertaba constantemente no Día da Marmota, as empregadas e empregados públicos da Xunta temos unha experiencia similar que se repite periodicamente no tempo coa leria da funcionarización.

Leva rescatando regularmente este tema nos medios dende hai máis de catro anos e, lonxe de aclarar absolutamente nada, xenera expectativas e frustracións a partes iguais entre o persoal da Xunta de Galiza.


martes, 2 de febreiro de 2016

Aberto o prazo para anotarse á campaña de vixilancia da saúde

No DOG do 1 de febreiro, publícase a convocatoria para anotarse, de xeito voluntario, aos recoñecementos médicos periódicos.


Novo ano, nova campaña de vixilancia da saúde o persoal da Administración xeral. É aplicable a todos os traballadores da Xunta de Galicia, agás ao persoal que presta servizos nos centros docentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ao persoal e centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e ao persoal de entes públicos e fundacións, que teñen as súas campañas de vixilancia da saúde específicas.