venres, 5 de febreiro de 2016

A Xunta segue sen transparencia no rexistro de convenios

A falta de transparencia é o elemento necesario para favorecer a corrupción e o dispendio público.

Ultimamente escoitase moito falar de transparencia mais só na teoría, non tanto na práctica. De feito, na Xunta a teoría xa viña do 2006 e logo volveron a sacarnos unha teoría no 2015 sen sequera levar a práctica a do 2006; pasaba coas retribucións do persoal de Gabinete e coas convenios, por exemplo. Semella que todos estes movementos son máis obrigados polas circunstancias que porque o actual goberno crea nela xa que moito non a practica.

Nestes meses vimos de ver unha fornada de publicación de convenios no DOG atrasados do ano anterior, mesmo correspondentes aos meses de maio, xuño, xullo e agosto do 2015 como o recente caso dos da Consellaría de Presidencia publicados no DOG do 4 de febreiro de 2016. En calquera caso, a única transparencia está no nome do convenio e na achega económica. Nada sabemos das condicións en detalle, algo de moito interese no caso dos convenios, por exemplo, cos medios de comunicación.

Actualmente o atraso vai máis lonxe, xa que o rexistro de convenios leva sen actualizar desde marzo do ano pasado e iso a pesar de estaren obrigados xa pola anterior lei de transparencia. A Xunta admite a paralización e atribúeo á "falta de persoal", que non é de estrañar vendo como van de lentos os procesos selectivos aquí desde que se ofertan ata que finalmente se cubren os postos.

En calquera caso, lenta vai tamén a publicación da nova lei de transparencia que aprobada en decembro aínda non se publicou no DOG. Na lei non fala demasiado de como será ese novo rexistro aínda que suxire, e así o avanzou a Xunta, que será similar, co cal seguirase a precisar certificado dixital persoal para solicitar unha copia do convenio e non será publico como publicos son os pregos dos contratos administrativos e a resolución de adxudicación, por exemplo.

Novas relacionadas: 

Ningún comentario:

Publicar un comentario