luns, 15 de febreiro de 2016

Modificación profunda dos postos de persoal funcionario non docente nos centros de ensino

A proposta da Consellaría de Educación suporía un importante cambio na distribución dos postos de persoal funcionario, con numerosas creacións, eliminacións e desprazamentos dende IES a colexios.

A Consellería de Educación enviounos unha proposta de modificación da súa RPT que busca dotar de persoal auxiliar administrativo todos os colexios de educación infantil e primaria que teñan máis de 400 alumnos/as ou 350 no caso de dispoñer de servizos complementarios de transporte e/ou comedor, atendendo así a demanda dos equipos directivos dos centros. Descargar proposta

Para atender esta importante reasignación de efectivos, desprazan 35 auxiliares administrativoos de diferentes IES (13 de concellos de Coruña, 4 de Lugo, 8 de Ourense e 10 de Pontevedra) e crean 63 novos postos (a maiores de regularizar en RPT outros 11 xa dotados previamente), que financian mediante a eliminación de 77 postos existentes, dos que 8 están ocupados por persoal interino que se vai á rúa e 3 por persoal en comisión de servizos. Os postos eliminados incluen postos de persoal subalterno, auxiliares administrativos e algunhas xefaturas de secretaría.

Está programada unha reunión para o día 18. Dende a CIG xa enviamos unha solicitude de aprazamento da xuntanza, pois a proposta da consellería é bastante máis que unha simple modificación da RPT e necesitamos tempo para difundir a información e recibir o que nos quera transmitir o persoal. Trasládase a xuntanza para martes, 23 de febreiro.

Pola nosa parte a cousa non vai quedar aí. Levamos tempo detectando un importante incremento dos conflitos en centros de ensino o que motivou que xa en outubro do ano pasado solicitaramos unha xuntanza con Educación para falarmos dos problemas e expoñerlles diversas demandas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario