venres, 5 de febreiro de 2016

Recollida de sinaturas: Por unhas datas certas e con antelación suficiente nos exames de oposicións da Xunta

Asina a petición en Change.org e mándalle a túa queixa ao director da Función Pública, ao conselleiro de Facenda e mais aos grupos parlamentares da oposición para que fagan presión política.

O dos procesos selectivos na Xunta de Galicia é de coña. No canto de que o proceso sexa a ferramenta para conseguir o fin de cubrir unhas prazas, o proceso convírtese no propio fin. Os tempos, as datas dos exames, non as marca un obxectivo de cubrir X prazas para unha data determinada, a praza xa se cubrirá en función de como ande o proceso E en función de que vai andando o proceso? Nós cremos que en función non das necesidades dos servizos públicos, senón en función de intereses meramente políticos.

Publícase unha Oferta Pública de Emprego, logo a saber cando se convocan as prazas (ou as que finalmente se convocan) e logo a saber cando serán os exames, xa por non falar de cando tomarás posesión. Mentres noutras Administracións, os exames son sempre nas mesmas datas e son confirmados con exactitude coa convocatoria, na Xunta só poñen un "o primeiro exame non será antes de...", algo que non permite facer unha preparación en condicións, nin conciliar a vida laboral, familiar e persoal non sendo que non teñas máis vida que as oposicións.

Sodes moitas as persoas que nos preguntades unhas datas máis aproximadas que as dadas últimamente polo director xeral e sobre todo pola súa certeza e cada vez máis as que estades xa non desesperadas senón cabreadas e nos dicides que lles trasmitamos o voso cabreo. Máis aló do que lle dicimos en persoa (e mesmo o que xa algún de vos lle ten dito polos corredores) animámosvos a deixar constancia escrita da vosa queixa, por exemplo a través da seguinte petición a través de Change.org que inclúe recollida telemática de sinaturas e envío automático da queixa tanto ao responsable directo (o director xeral) como ao seu inmediato superior (o conselleiro de Facenda).  Por outra banda, tamén llo diriximos aos grupos políticos da oposición no Parlamento galego para que contribúan a facer a oportuna presión.

Tamén podedes mandarlla a xente que coñezades que padece (ou padeceu) o mesmo ca vos ou aos máis próximos, á vosa familia e amigos. Podedes describir en "por que asinas" o teu caso particular e como che afecta na túa vida e na da túa familia esta actitude chapucera nas oposicións da Xunta. O caso é que a petición colla forza para que poidamos chamar a atención non só das persoas a quen vai dirixida, senón tamén dos medios de comunicación, para multiplicar o seu efecto.

A/A director xeral de Función Pública
A/A conselleiro de Facenda 
A/A Grupos políticos da oposición no Parlamento galego

Somos 15.500 persoas admitidas provisionalmente as que estamos pendentes dunha data do primeiro exame das oposicións de corpos xerais de persoal funcionario na Xunta de Galicia: 13.499 persoas para 89 prazas de acceso libre e 2015 persoas para 320 prazas de promoción interna. 

Estas prazas veñen xa de acumular varias ofetas de emprego público (de 2013 e 2015 as de libre e mesmo de 2009, 2011 e 2012 para as de promoción interna). Tras a incerteza de estar preparando durante anos unhas oposicións que non sabemos cando se van convocar, temos que seguir soportando unha nova incerteza, unha vez convocadas, e mesmo xa coas listas provisionais de persoas admitidas publicadas, non temos seguridade do mes exacto da realización nin sequera do primeiro exame, xa non digamos dos seguintes.

Coas convocatorias inciais en maio de 2015 existía unha previsión de realización dos primeiros exames de "non antes do 15 de xaneiro" que tras a modificación dos temarios en novembro pasou a ser "non antes do 1 de abril". Nas últimas reunións cos sindicatos informou o director xeral que serían en maio-xuño, dependendo da dispoñibilidade das instalacións de Silleda, pero sempre antes do verán. Ese cambio nas datas, esa imprecisión de "non antes de..." pero sobre todo a experiencia de anos anterios nos di que non podemos fiarnos ata que vemos a data anunciada no DOG. Tal imprecisión impide preparar unhas oposicións en condicións serias e concilialas coa vida familiar, persoal e laboral e tanto o director como o conselleiro deberían sabelo pois son funcionarios. Son as menos as persoas que poden pasar anos, ou mesmo meses, en exclusividade dedicándose a preparar unhas oposicións noite e día, sen facer outra cousa.

Por se non fora bastante, os temarios actuais que prepara a Xunta, a través da EGAP, fican sen actualizar, con varios erros, e algúns deles aínda sen publicar (como o C2 e C1 de libre aos que se presentan máis de 10000 persoas). Vale que só pretenden ser unha axuda porque non son vinculantes (aínda que deberan selo se pretenderan facer uns procesos transparentes e obxectivos) pero... como se pode preparar en serio estas oposicións cos temarios aínda se publicar e cando os exames van a ser presuntamente a 3-4 meses vista!?

Iso por non falar do número incalculable de xente que esta pendente de que se convoquen decenas de prazas de pequenas escalas que foron ofertadas no 2014 e 2015, que non saben se poñerse a preparar ou para cando.

Tal imprevisión é inadmtible no ano que corre e nunha administración do tamaño da Xunta de Galicia. Deberían tomar exemplo doutras Administración como Estado ou Xustiza onde o mes de realización dos exames coñécese xa coa convocatoria.


Todas estas miles de persoas temos familias, traballo e/ou outras ocupacións, amáis de vida persoal. Veñen os meses de verán polo medio, as vacacións escolares e temos que organizar os nosos fogares. O que nos están facendo é unha vergonza. Preparamos estas oposicións porque na situación actual é das únicas saídas laborais dignas que vemos neste país, porque queremos progresar profesionalmente no caso da promoción interna, con máis ou menos espectativas e con máis ou menos probabilidades, pero merecemos repecto. 

Esiximos unhas datas certas e inamobibles dos exames das oposicións nas Xunta e coñecelas coa antelación suficiente da data da convocatoria pero agora que para estas 15.500 familias xa é tarde, esiximos coñecer esas datas de xeito inmediato. Todas estas persoas somos cidadáns e tamén votamos. Lémbreno.

Novas relacionadas:

2 comentarios:

  1. Poque e de xustiza, por o menos saber cando se acerca a data para poder preparar a oposición, asignade. Saúdos Fulgencio.

    ResponderEliminar
  2. Eu asinei e iso que non me presento. Pero é de xustiza!!!

    ResponderEliminar