Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 3 de marzo de 2016

Unha semana intensa en asuntos de Función Pública que ao final resultou ser un "bluf"

Parafraseando a Rajoy polo do "bluf" e con perdón, esta semana íamos saber moitas cousas ou iso dicían na reunión da semana pasada pero, como xa prevíamos, quedáronse nunhas poucas cuestións basicamente relacionadas con borradores de procesos selectivos de escalas, que van seguir convocando este ano, na liña dos procesos xa convocados de non enterarnos das datas dos exames ata pouco antes do día D e na liña tamén de seguir controlando políticamente a designación dos tribunais... que o de facelo por sorteo como en Ensino non interesa.

Outra cuestión sangrante tamén é o decreto de listas de substitución, modificación puntual, tan puntual que por suposto seguirán cobrando 17€ por apuntarse a cada lista pero ollo que se non tes traballo nin prestación de desemprego e levas apuntado/a máis de 6 meses no paro, fanche un xeneroso desconto do 50%....

Ao lío:

Na xuntanza que as organizacións sindicais tivemos có director xeral de función pública o mércores 2 de marzo, tratamos os borradores do decreto de listas de substitucións, de instrucións de funcionamento dos tribunais dos procesos selectivos, de estatutos do IGE e de bases de convocatoria dos procesos selectivos de varias escalas e especialidades.

Convocatorias de procesos selectivos


Tratamos as bases dos procesos selectivos para ingreso na escala de letrados/as, superior de estatística, química, bioloxía, enxeñería superior e técnica industrial, das ofertas de emprego dos anos 2014 e 2015. A todas elas a CIG presentou alegacións escritas a finais de febreiro.

Informa o director que deron traslado ás consellerías das alegacións que presentamos aos temarios das partes específicas. Teremos outra xuntanza unha vez que teñan resposta. Non aceptan que conste a nota de corte nas bases, nin mudar a forma de acceso. Nada respostan ás alegacións de tipos de probas.


A CIG mantén as alegacións escritas xa presentadas, e que resumimos no seguinte:
Exercicios en letrados/as: non hai ningún exercicio obxectivo, polo que defendemos substituír algún dos que propoñen por un test con respostas alternativas. Existe unha diferenza considerábel entre as puntuacións dos exercicios primeiro a cuarto, e o quinte e sexto. Propomos reducir esta diferenza.

Exercicios nos demáis procesos: tan só é obxectivo o primeiro, e solicitamos que o segundo, de suposto práctico, en troques de ser de desenvolvemento escrito sexa substituído por un suposto práctico tipo test con respostas alternativa. A puntuación máxima de todas as probas é a mesma; solicitamos que a ou as probas obxectivas teñan un maior peso.

Nota de corte fixada nas bases.

Duración dos procesos: rematalos dentro do ano.

Sistema de acceso: concurso-oposición.

Tribunais sen designación directa a dedo, e sen presenza de libres designación, formado por especialistas nas materias que non fagan necesaria a presenza de asesores.

Promoción interna separada dos procesos libres, con exercicios e notas de corte diferentes, co 50% da oferta, vertical e horizontal.

Dereito a comparar exercicios: nos exames de temas e nos prácticos de desenvolvemento se lle debería permitir, a toda persoa opositora que o solicite, poder comparar o seu exame co das dúas persoas que obtivesen a maior e a menor puntuación, do mesmo exercicio.

Idioma de Galiza: defendemos que a proba de idioma sexa obrigatoria como método que garanta que o persoal da Administración de Galiza é competente para entender e atender aos cidadáns no idioma propio de Galiza. Alternativamente, a CIG daríase por satisfeita e aceptaría a eliminación da proba de galego se as persoas candidatas tivesen que realizar un dos outros tres exercicios obrigatoriamente en galego, de xeito que así tamén quedaría demostrado o coñecemento do idioma.

Temas:
  • Substituir temas por normas de dereito positivo: entendemos que o futuro funcionario/a vai realizar o seu traballo en base á normativa existente polo que demandamos unha revisión do temario na liña de substituír temas por normas de dereito positivo ou, cando menos, indicar as normas concretas materia de estudo. Caso de manter temas, elaboración de manuais por parte da EGAP cos contidos e referencias bibliográficas necesarias.
  • Concretar: a redacción actual dos epígrafes é difusa, aberta en exceso. Insistimos na necesidade de substituír os temas por normas de dereito positivo e en todo caso propomos unha maior concreción. É excesivo que entre a totalidade do ordenamento xurídico da Unión europea, polo que deberían concretar as normas obxecto de estudo. 
  • Solicitamos xustificación da existencia de funcións nesta escala relacionados cos contratos do sector público, subvencións ou a facenda da Comunidade Autónoma. Caso negativo, pretendemos a retirada destes temas.
  • Parte específica: en xeral, a parte específica necesita unha revisión de cara a concretar as normas de dereito positivo materia de estudo. O temario chega ao absurdo nalgúns casos en que a persoa opositora terá que demostrar que domina conceptos básicos da facultade como análises volumétricos, técnicas espectrométricas, ... para un licenciado/a en química. Propomos que en todos os epígrafes se indique cal ou cales son as normas de dereito que debe estudar a persoa opositora.

Decreto de listas


A Administración informa en primeiro lugar que esta vai ser unha modificación puntual do decreto, tal e como xa nos comunicaran previamente, na que só se van mudar algúns puntos concretos que xa foron acordados na comisión de seguimento e que consideran que melloran a xestión das listas. Dín que están abertos a algunha puntualización máis pero que para entrar nunha modificación máis sustancial abrirase unha negociación máis adiante, unha vez aprobadas estas modificacións que formulan:

Artigo 7: As modificacións de datos persoais producirán efectos na xestión de listas dende o día seguinte da súa presentación. Non aceptan a nosa petición de que durante 3 anos se manteñan as dúas formas de presentación (telemática e por rexistro) xa que dín que xa levan tempo convivindo e que a administración porá os medios necesarios para que todas as persoas teñan a posibilidade de facelo telemáticamente.

Artigo 15: A suspensión de chamamentos será efectiva ao día seguinte do que se solicita. Non aceptan a nosa petición de que se reduza a efectividade da incorporación de 30 a 15 días.

Artigo 18: Non penalizarán as renuncias a prazas de xornada igual ou inferior á metade da xornada ordinaria ou de carácter discontínuo con actividade igual ou inferior a seis meses. Tampouco aceptan a nosa petición de apertura dunha lista específica para este tipo de contratos nin a proposta de mudar “6 meses de servizos efectivos” por “3 meses de contrato”. Neste punto tamén solicitamos que a incorporación de novo ás listas tras o período de penalización sexa de xeito automático salvo comunicación contraria por parte do/a interesado/a. Dín que isto non é posible xa que pode haber xente que xa non estea interesada e non comunique, defuncións, etc.

Ademáis das modificacións puntuais destes artigos, están dispostos a estudar algunhas das alegacións da CIG, tales como:
  • Que nas categorías de Técnico, Xefe de cuadrilla, Peón condutor e Peón (II-39, III-100, V-014 e V-014 A) exista unha nova casilla para que se anote nela a voluntariedade de ser chamado/a ou non para as brigadas helitransportadas.
  •  Que se poida agrupar concellos nas listas que agora teñen ámbito provincial, estudando unha posible ampliación do número de ámbitos para así asegurar que a administración non teña dificultades á hora de cubrir as prazas.
  •  Que a xestión das listas sembre sexa dende Función Pública, dín que están dacordo e que están estudando a maneira de facelo efectivo.

Aceptan estudar a posibilidade de reducir o tempo de penalización dun ano a 6 meses ou ao tempo que se estime.

A semana que vén convocarán unha reunión para respostar a estas últimas cuestións pero practicamente dan por pechado o documento.

Instrucións relativas ao funcionamento dos tribunais


Volve a Xunta a presentarnos un novo borrador sobre as instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección.

Unha vez máis seguen sen aceptar as nosas principais alegacións:
  • Tribunais por sorteo fronte a tribunais de designación política: a experiencia noutras áreas como en Educación, onde parte dos tribunais se elixen por sorteo entre os funcionarios/as docentes funciona, é máis obxectivo, máis democrático, máis transparente, e tecnicamente se demostra a mesma competencia. Isto, fronte aos tribunais poboados de libres designacións e afíns, é unha garantía de que os procesos van transcorrer con obxectivade e imparcialidade.
  • Subsidiariamente, e mentres isto non se implante, esiximos que un dos membros sexa proposto pola parte social. Non queremos deixar sós nos tribunais aos membros nomeados a dedo pola Administración.
En relación a isto xa expoñíamos no 2011 o seguinte:

Só é aceptable a presenza de LDs nos tribunais se a maioría dos membros son elixidos por sorteo, e eliminando o actual presidencialismo no funcionamento e a elaboración dos exames.
 Só é aceptable a non presenza de membros nos tribunais designados polas organizacións sindicais se establecen competencias fortes para a comisión de control que nos dean capacidade efectiva de fiscalización dos procesos.

Polo demais o texto introduce cuestións xa tratadas en relación á loxística, unha comisión de control xa demandada pero na que só estarán as organizacións sindicais que asinen as instrucións (unha chantaxe para forzar o noso apoio) e algúns avances menores.


Descargar: Proposta da Administración

Borrador de Estatutos do Instituto Galego de Estatística

Envíanos a Administración un borrador de Decreto polo que se aproba o estatuto do organismo autonómo IGE.

En relación ás cuestións de persoal creemos que varios artigos teñen que ser matizados para que sexan máis nidios en relación ao tipo de persoal co que conta este ente, que é persoal funcionario e laboral do ámbito da Función Pública da Administración da Xunta de Galiza. De aí que consideremos que no artigo 23 se debe recoller literalmente isto.

En relación ao artigo 25 sobre procesos de selección e provisión de postos de traballo pensamos que tamén se debe establecer claramente que os procesos de selección de persoal e provisión de postos de traballo do IGE serán os que con carácter xeral se establezan para o persoal funcionario e laboral do ámbito da Función Pública da Galiza.

E finalmente, ao igual que no resto dos entes, vimos solicitando que se cree unha comisión de control con participarción sindical para o estudo, asesoramenteo, información, control e seguimento dos contratos celebrados ao abeiro das normas de contratación do sector público que pola súa natureza poidan dar lugar a cesións ilegais de traballadores ou a contratos en fraude de lei.

Novas relacionadas:






1 comentario: