mércores, 9 de marzo de 2016

O Tribunal Supremo confirma o zasca a Feijóo no recorte das pagas extras de 2013

Vimos de coñecer a primeira sentenza positiva do Tribunal Supremo ao respecto do conflito colectivo da paga extra 2013 que xa non admite máis recursos. Recordamos que se presentaron varios conflitos colectivos polo recorte nas pagas extras do 2013 en función do ámbito do persoal laboral afectado ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG).

Pois ben, o TSXG no 2014 fallaba favorablemente as reclamacións subsidirias de varios colectivos de persoal laboral, tanto da Administración xeral da Xunta de Galiza como dos diferentes entes instrumentais autonómicos. Nestes casos non se admitía a devolución do total do recorte nas pagas extras do 2013 (sobre un 5% da masa salarial) pero si da súa parte devindicada ao entrar en vigor a Lei de Orzamentos dese ano o 1 de marzo.

Porén, a Xunta embarcouse nunha espiral de recursos de casación ante o Tribunal Supremo (TS) co obxecto de atrasar todo o posible o inevitable e sen máis espectativas que gastar os cartos da cidadanía en reclamacións estériles xudicialmente pero moi frutíferas desde o punto de vista político. Case dous anos despois, o TS dille á Xunta que non ten razón e desestima o primeiro de tantos recursos de casación, adquirindo polo tanto firmeza a sentenza do TSXG. Iso si, non lle impón costas á Xunta polas molestias ocasionadas.

A sentenza en cuestión afecta ao persoal laboral que no 2013 traballaba na Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galiza. Porén, son varios os conflitos colectivos de varias entidades instrumentais pero sobre todo, polo número de persoal afectado, o que máis destaca é o do persoal laboral da Administración xeral da Xunta de Galiza, que entendemos que o TS acabará fallando no mesmo sentido. O que non podemos saber é cando virán estaoutras sentenzas e sobre todo, cando se executarán e se o farán de xeito universal; estas dúas últimas cuestións son, ademais, decisións que orbitan dentro do terreo político.

No ano 2013, o goberno de Feijoo decidiu recortar o complemento específico (ou concepto equivalente para o persoal laboral) nas dúas pagas extras de todo o seu persoal pasando a ser Galiza unha das escasas comunidades nas que se aplicou un recorte adicional. Recorte que continúa hoxe en día e que continúa na Lei de Orzamentos do 2016, medida co que aproximadamente están a quitarnos uns 200 millóns de euros por ano a todo o persoal que cobramos da Xunta.

Para o persoal funcionario a única posibilidade xudicial vén sendo a reclamación individual e neste sentido son xa decenas as sentenzas favorables na reclamación subsidiaria e, dadas as peculiaridades da vía do contencioso-administrativo,  son xa 5 (canto menos nos servizos centrais da Xunta) as sentenzas favorables no sentido de recuperar a totalidade do recorte nas dúas pagas extras no caso de silencio administrativo.

A Xunta leva desoíndo as nosas advertencias da ilegalidade das súas actuacións en canto a reclamación subsidiaria. Tamén ignora a nosa demanda lexítima da devolución destes complementos a todo o persoal afectado polo recorte. Estas actuacións implican uns custos e saturación da vía xudicial aos que lle da igual facer fronte porque non sae do peto dos seus responsables políticos. O único que declaran é que "respectan as sentenzas" ao mesmo tempo que sacan peito coa recuperación nos Orzamentos de 2016 do 50% que falta por pagarnos daquela outra paga extra de 2012. Que por certo,  din que pagarán este ano pero non aclaran cando, aínda que sospeitamos que será pouco antes das eleccións autonómicas.



Novas relacionadas:

Ningún comentario:

Publicar un comentario