Publicación destacada

O Radón na Xunta ou como obter boletos para un cancro de pulmón

martes, 22 de marzo de 2016

Outro bluf de xuntanza por mor dos futuros concursos de traslados

O venres, 18 de marzo, houbo unha xuntanza para falar do "vindeiro concurso de traslados dos grupos IV e V do persoal laboral da Xunta de Galiza". Pois ben, foi unha desas reunións das que non achegaron cousas que deberían ter achegado: borrador e prazos.

Por certo, que a convocatoria era para "falar" non só dos criterios do vindeiro concurso de traslados dos grupos IV e V senón que tamén sacaron o temiña do concurso permanente tanto de persoal laboral como funcionario. Pero como no caso do anterior, tampouco había criterios dos que falar, só falar de que proximamente nos enviarán eses criterios, tanto dun como doutro. Tampouco aclaran como de vindeiro no tempo será ese concurso de persoal laboral e como de vindeira será a implementación do concurso permanente, que isto afectaría tamén ao persoal funcionario. Resulta evidente tamén que á volta da esquina hai eleccións autonómicas.

A Administración comeza falando sobre o que xa estaba máis que falado na anterior convocatoria: a simplificación das bases e o cambio de categoría. Neste sentido formularon dous puntos fundamentais: a preferencia absoluta ou non na mesma categoría á hora de adxudicar un posto e unha fase de resultas ao estilo da do concurso da administración xeral.  Logo, anuncia o que levan anunciando estes últimos meses e que están traballando nos criterios do concurso permanente. A partir da semana santa nova convocatoria de xuntanza, agardamos que xa cos criterios por escrito enriba da mesa para comezar a negociar, si é que deixan.

Do concurso permamente mantemos un maior escepticismo pois é algo que xa tiña que ser implantado no 2010, do que levamos moito escoitado e pouco feito; aínda anunciaron vai pouco que estaba a AMTEGA preparando os pregos do contrato para o programa informático (como non, non podía ser feito na casa con recursos propios). Do concurso do persoal laboral, ese que ten que ser con periodicidade "previsiblemente" anual, ese que xa debería ter sido estes anos todos atrás permanente, pois igual convocan este ano e todo, que o último foino en 2011 e agora está recollido dobremente por escrito tamén nun acordo, aínda que só para grupos V e IV.

Todo isto vén porque no Debate do estado do país se lles deu por facer bandeira política dos concursos do traslados e logo viñeron as notas na prensa do número de participantes e prazas ofertadas do concurso xeral. A ver, que nos alegramos que a partir de agora (xusto que se aproximan as eleccións) se lles acorde que os concursos deban ser máis áxiles e con maior peridicidade, mesmo que se poñan en marcha os concursos permanentes, aínda que con anos de atraso, pero agardamos feitos, non palabras. Mentres, a casa sen varrer e comisións de servizo e adscricións a moreas.

Novas relacionadas:



Ningún comentario:

Publicar un comentario