Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

martes, 28 de decembro de 2021

É hora de establecer o réxime especial de teletraballo obrigatorio ante a actual situación sanitaria

U-lo sentidiño da Xunta  coa saúde do seu persoal?

Dende comezo deste mes de decembro a incidencia da COVID na Galiza ten aumentado de maneira exponencial chegando hoxe a superar a barreira dos 2.300 contaxios diarios con unha incidencia total de máis de 27.000 persoas contaxiadas e máis de 1.000 casos por cen mil habitantes (a recomendación da OMS está en 50 casos) e cunha situación insostible nos centros sanitarios.

Aínda que a vacinación masiva, o uso de máscaras e a redución da interacción social é importante o feito e que os contaxios están aumentando en gran número.

Manifesto das cinco Xuntas de Persoal sobre o informe do Consello de Contas que constata numerosas irregularidades de Función Públi


Tras o Informe de Fiscalización de Gastos de persoal da Administración Xeral durante os exercicios 2014 e 2019 do Consello de Contas, onde conclúe que se cometeron numerosas irregularidades na xestión do persoal da Xunta de Galiza, as xuntas de persoal funcionario analizaron o seu contido que ven de ratificar o que veñen denunciando nos últimos dez anos. Así elaboran un manifesto que dirixen ao conselleiro de Facenda e Administracións Públicas no que se trasladan as eivas, solicitan o cese do director xeral de Función Pública e se propoñen solucións como:

martes, 21 de decembro de 2021

Felices festas a todo o persoal de Servizos Centrais

Este ano que remata foi un ano duro, todos seguimos a sufrir a pandemia e  en maior ou menor medida houbo problemas en todos os ámbitos.

Dende as tradicionais problemáticas do día a día (concursos, promoción interna, procesos selectivos, teletraballo, flexibilizacións, permisos e licenzas, organización..) xúntouselle toda a casuística do COVID (máscaras, reubicación de espazos, mámparas, teletraballo COVID, xestión de contaxios etc).

Pero resistimos... e aquí estamos, grazas a tod@s polo esforzo deste ano, os servizos públicos se mantiveron pese a quen pese e polo esforzo diario de todo o persoal..

A CIG de SSCC tamén pasamos momentos malos, pero tratamos sempre de ter o local aberto, un teléfono de contacto e estar atento a todas as vosas queixas, dúbidas e reclamacións.

Só dexexarvos unhas boas festas e se aínda ledes esto a tempo que toque algo dese sorteo...

Actuacións da Xunta de Persoal

 En Nadal tivemos reunións da Xunta de Persoal (onde a CIG é maioritaria) e tamén da comisón permantente, as principais actuacións desenvoltas foron:

  • Solicitude de información das  obras dos novos edificios administrativos a construir na antiga estación de autobuses.
  • Solicitude de reunión co novo conselleiro de Facenda e AAPP.
  • Fondos next-generation. Que pasa con eles?. Achegamos escrito a todas as secretarías xerais técnicas solicitando información de proxectos que están en marcha, persoal que participa neles, horas extra concedidas, e procedementos de selección de persoal.
  • Impulso do Manifesto en contra das políticas de persoal da Xunta de Galicia.
  • Elaboración dos informes de flexibilización por motivos familiares.
  • Recollida de informacións sobre as concesións e denegacións de teletraballo.
Recordamos que das cinco organizacións sindicais presentes na XXPP só tres participan activamente, e dúas nin están nin aparecen. Co tempo xa informado... para que cada pau aguante a súa vela.

Calquera persoa funcionaria de servizos centrais pode poñerse en contacto connosco a través do noso correo xuntadepersoal.sscc@gmail.com pois para eso estamos, para recoller todas as vosas queixas, suxestións e demandas e tentar solucionalas. Temos o ámbito de traballo de servizos centrais e non depende de nos a solución de problemáticas xerais (concursos, procesos selectivos) pero podemos ser correa de queixa e indignación do que toque.

Manifesto da Xunta de Persoal de SSCC en contra das políticas de persoal da Xunta de Galiza

A Xunta de Persoal de SSCC ,a proposta da CIG, aprobou na derradeira permanente un manifesto en contra das políticas de persoal da xunta de Galicia. Este acto enmárcase no contexto do Informe publicado polo  Consello de Contas onde non deixou títere sen cabeza ao analizar  a xestión do persoal da Xunta de Galicia por parte da Dirección xeral da Función Pública. O Manifesto podes descargalo aquí.

Para máis inri o goberno galego, por parte do seu presidente,  escudouse vanalmente que parte da culpa da súa ineficacia está en que os procesos selectivos tardan porque os sindicatos piden 6 meses de tempo entre convocatoria e exames (que cara dura!!!). Ogallá só duraran 6 meses e non anos como nos teñen acostumados. Aproveitamos o texto para denunciar as principais eivas neste Titanic chamado Función Pública:

  • Concursos de traslados regulares na súa convocatoria (anuais) e rápidos na súa execución (3 meses).
  • Procesos selectivos áxiles e organizados por unha comisión profesionalizada.
  • Promoción interna ampliada e que se base na medición de competencias reais e non exames inasumibles.
  • Organización axeitada de todas as Rpts
  • Comisións de servizo transparentes, obxectivas  e con procesos avaliables.
  • Reactivación  da carreira profesional.
  • Dotación de medios persoais e técnicos á propia DXFP para que poida cumprir en tempo e forma todas as súas competencia.
Este texto foi enviado ao resto de Xuntas de Persoal da Xunta de Galicia para facer un fronte común de todo o persoal funcionario, para facer ver aos nosos xestores e a opinión pública o que se move debaixo da alfombra dos grandes titulares de prensa.

mércores, 24 de novembro de 2021

Mobilización en San Caetano contra a demora do concurso de traslados

Mobilizámonos contra a demora do concurso de traslados e a ineptitude da dirección xeral da Función Pública

Arredor de 200 persoas, entre delegadas e persoal de servizos centrais, rodeamos este martes 23 de novembro, en manifestación, o edificio administrativo da Xunta de Galiza de San Caetano para esixir a dimisión do Director Xeral de Función Pública. É inadmisible a demora do concurso de traslados en seis meses máis, cando leva xa dous anos de retraso. Dilación que afecta tamén a outros concursos de traslados como os de corpos especiais, escalas e persoal laboral que levan, nalgúns casos, até 12 anos dende o último concurso.

luns, 22 de novembro de 2021

Martes, 23 de novembro, é o día do cabreo

Barreiro vaite xa!
Levamos anos denunciando a desfeita na xestión da Dirección Xeral da Función Pública; anos de denuncias nos xulgados, anos de concentracións e mobilizacións, anos de broncas nas mesas do suposto diálogo laboral.

A cousa non mellorou e certamente empeorou e existen unha  manchea de eivas na organización do persoal da Xunta de Galicia: os concursos sen convocar nen resolver, a carreira profesional parada, as comisións de servizo a moreas, os procesos selectivos dando problemas un día si e outro tamén, xa non digamos nada de como se leva o da promoción interna, etc, etc.

Nos últimos meses recibimos centos de chamadas de cabreo por estes motivos, e mañán é o día no que tedes que mostrar ese cabreo. Así, a CIG Administración pública convócavos a todas e todos o MARTES DÍA 23 AS 11.00 HORAS NA EXPLANADA DIANTE DE PRESIDENCIA.

É a hora de berrar e mostrar a nosa indignación e non queixarnos só polos corredores, na cafetaría ou nos locais sindicais.

Acude e faite escoitar!!!!!

venres, 12 de novembro de 2021

As cinco Xuntas de Persoal Funcionario da Xunta de Galiza piden o cesamento do director xeral da Función Pública


Os motivos son a manifesta incompetencia na xestión dos concursos de traslados e dos procesos selectivos.


Levamos xa varios anos nos que se amorean unha serie de despropósitos por parte de Función Pública que teñen un denominador común: o prexuízo dos dereitos das persoas empregadas públicas que desenvolven o seu labor na Xunta de Galiza.

A xestión do persoal pola Dirección Xeral da Función Publica da Xunta está sendo nefasta. Éo tanto na xestión dos procesos selectivos como na adxudicación de postos por concursos de traslados. A tramitación dos procesos selectivos, especialmente os de promoción interna, xa é máis unha carreira de obstáculos que un proceso de promoción dun persoal que xa conta con coñecementos e experiencia acreditada coa súa antigüidade.

luns, 8 de novembro de 2021

Lotaría de Nadal CIG 2021

Xa temos á venda a lotería de Nadal da CIG.  Xogamos o mesmo número e as participacións voltan a ser de 5 euros sen recargo.

Como sempre o punto de venda principal está no local da CIG en San Caetano (soto de Educación).
Tamén para aquelas compañeiras/os de centros de traballo afastados que non poidan achegarse ao local podedes ou ben mandarnos un correo (cig.sscc@gmail.com) ou chamarnos ao local sindical (981 545909) e iremos a levala ás vosas unidades.

Para iso será bo que faledes entre as compañeiras/os que queiran mercala  para pedila toda xunta e non teñamos que volver de segundas.

Ante as desilusión que nos dan cada día (procesos selectivos, concurso, comisións de servizo) a ver se podemos darnos unha alegría.

Concurso de traslados: a realidade pon a cada un non seu sitio

FP intenta puentear á CIG pero nos xa estamos curados destas trapalladas

Hoxe sae no DOG a ampliación de prazo para a resolución do concurso de traslados da Adm. Xeral. O motivo: que se van facer 6 meses desde a publicación da listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas e aínda non se resolveu. Pero é que o escándalo é que desde que se pechou o prazo para participar (aló por decembro de 2019) pasaron 16 meses; 16 meses para publicar unha listaxe de persoas admitidas e excluídas!!! E que non busquen a escusa na COVID porque a Administración galega seguiu funcionando en modo de teletraballo.

xoves, 28 de outubro de 2021

Orzamentos e lei de medidas 2022

 

O acontecido na Mesa Xeral de Empregados Públicos do 15 de outubro non foi pasar o rodete, foi unha falta de respecto a todos os traballadores e traballadoras da Xunta de Galiza. Non teñen escrúpulos e desta vez foi o recente falecemento do conselleiro de Facenda a escusa para non informar debidamente e modificar a lei de emprego público as présas e sen negociar.
Así, Función Pública solucionou en menos de 24 horas o amargo trago de cumprir coa lei e sentarse coas organizacións sindicais previa aprobación no Parlamento destas leis que afectan ao persoal empregado público.


Os Orzamentos para 2022

Non nos deron documentación ningunha. Soltaron uns poucos datos xerais (sen diferenciar nin sectores, nin consellerías, nin moito menos partidas orzamentarias). De seguro que serán máis completos no telexornal da RTVG. Preguntamos e... Isto é o que hai:

  • Suba salarial que marca o goberno do Estado: 2%
  • Recuperación do poder adquisitivo perdido na Galiza: CERO
  • Recuperación do complemento específico nas pagas extras: CERO
  • Recuperación do Fondo de Acción Social: CERO
  • Recuperación das compensacións e dereitos do V Convenio: CERO
  • Recuperación de emprego público: CERO
  • Graos extraordinarios 1 e 2 da carreira profesional: parece que si, pero non se sabe canto, nin onde, nin para cantos.
  • Orzamento para pasar o persoal de incendios de 9 a 12 meses: na “bolsa” (debe ser un caixón de xastre dos orzamentos)
  • Orzamento para as “primas” do persoal escollido para os Fondos de Recuperación e Resiliencia (FRR): unha incógnita.

mércores, 27 de outubro de 2021

Función Pública complica o acceso á información na súa web

Dende hai un par de meses están a modificar o web de Función Pública, cambiando a forma de acceso ás listaxes e á información xeral de procesos selectivos. Agora a información queda mais oculta e pode escapársenos como ocorreu coa data do segundo exame da promoción interna do corpo superior (A1), nova que pasou desapercibida durante días. Tamén cuestionamos que para acceder as listaxes, que son públicas, teñamos que introducir o número dun documento de identidade calquera, aínda que non participemos no proceso.

Así, as novas de procesos xa non aparecen nas novas xerais de Función Pública (saen clasificadas nun cadro específico) polo que coidamos que debera seguir a saír nas novas xerais e ter tamén acceso directo dende o proceso selectivo en cuestión. Fixémosllo saber á Dirección Xeral de Función Publica. Recoñecen a dificultade, din que mellorarán o acceso e estudarán se é necesario ou non ter que introducir o documento de identidade (para a consulta das listas do persoal docente ou do Sergas non se pide).

O caso é que acceder a información dos procesos selectivos hoxen en día é un verdadeiro galimatías.

Concurso de traslados: o xogo do calamar na Xunta de Galiza

Comisión de baremación seleccionando o persoal
O xogo do calamar é a serie de moda e o concurso de traslados leva de moda 5 anos, é unha telenovela que non é turca nin venezolana, é galega, unha telenovela desas que nunca se acaban, disque estamos polos capítulos finais, quen sabe...

A serie televisiva, a de ficción, consiste nun xogo organizado no que os participantes, se perden, son eliminados fisicamente. A telenovela galega, a real, consiste nun xogo organizado no que os participantes, se perden, caerán no mercado negro das comisións de servizo. Na serie de ficción hai un líder supremo que se toma un whisky mentres ve como os participantes son disparados por unha máquina que detecta o movemento. Se erras, morres. Na telenovela real hai un líder incompetente que leva anos e anos facendo burrada tras burrada, que solta mensaxes crípticos nas mesas de negociación, que promete que se resolverán as cousas en períodos de tempo “normais” pero que, realmente, se toma un cubata lendo os resumos de novas sindicais que anuncian a vindeira reunión de non se sabe xa que comisión do inframundo que lle dá voltas a todo pero que non resolve nunca nada.

martes, 26 de outubro de 2021

Adianto do calendario laboral galego para 2022: tres moscosos adicionais

No 2022 ao caer o 24 e 31 de decembro en sábado, haberá dous moscosos adicionais. Adicionalmente, ao caer festivo o 1 de xaneiro en sábado, haberá un terceiro moscoso adicional Descargar calendario

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe, unha vez aprobado polo Consello da Xunta, o calendario laboral de Galicia para o próximo ano no que a Comunidade galega terá como festivos propios os días das Letras Galegas (17 de maio) e de San Xoán (24 de xuño). 

A normativa estatal, fixada polo Real Decreto 2001/1983, establece as 14 festas anuais de ámbito nacional non recuperables, remuneradas e de carácter obrigatorio. Destes 14 festivos, dous son elixidos por cada concello. Dos outros 12 restantes, nove son de carácter obrigatorio e non substituíbles a non ser que coincidan en domingo: 1 de xaneiro, Venres Santo (15 de abril en 2022), 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro. No ano 2022 hai dous festivos nacionais que coinciden en domingo: o 1 de maio (día do Traballo), que se substitúe polo 17 de maio, día das Letras Galegas; e o 25 de decembro (Nadal), que se cambia polo día de San Xoán (24 de xuño). 

martes, 1 de xuño de 2021

Se estás cabreado ou cabreada coa xestión da Función Pública: vente a protestar o xoves, 3 de xuño.

Xa levamos demasiado tempo calados e caladas, a pandemia non nos permitiu facer grandes concentracións nen manifestacións; pero xa é hora de cambiar o paso. Xa o dicíamos vai pouco: hai que respectarse como traballadoras e traballadores públicos, é hora de actuar. Todas e todos xuntos.

A Dirección Xeral da Función Pública co seu emperador en desfeitas ao fronte, o señor Barreiro, xa nos ten hastiados e hastiadas de tanta incompetencia. Primeiro, a imposición a cachos dunha carreira profesional inxusta e agora paralizada, logo vén a desfeita dos procesos selectivos, mal feitos e retrasados, logo sigue co enchufismo no servizo de concursos, engadiu unha funcionarización mal organizada, mantén a trapallada ilegal das comisións de servizo e como punta do iceberg segue a marearnos cun CONCURSO XERAL DESAPARECIDO e outros dos que nin sequera responde.

luns, 10 de maio de 2021

Concursos de traslados: 8.000 postos adxudicados e resolto en menos de 3 meses... pero falamos de docentes


Por unha vez Barreiro cumpriu a palabra que nos deu fai dúas semanas, de que o venres 7 de maio publicarían no DOG a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas no concurso para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos xerais.

Pero aí remata o cumprido. Porque se imos uns meses para atrás, a palabra era que esa mesma resolución publicaríana en marzo, que o baremo provisional sería para marzo/abril e a resolución definitiva para xullo. Así que como mínimo levamos dous meses de atraso sobre o previsto e case ano e medio para publicar unha simple listaxe, porque iso é o que é unha relación de persoas admitidas.

Pero, dous meses de atraso non é nada no calendario do director xeral, sempre e cando non teñamos en conta a demora que acumulamos:

martes, 4 de maio de 2021

Reunión da Permanente da Xunta de Persoal (03/05/2021)

 O pasado luns día tres, reuniuse a Comisión Permanente da Xunta de Persoal, onde tratamos os seguintes temas:

- FLEXIBILIDADE POR CONCILIACIÓN: A nova lei de impulso demográfico amplia este dereito ata que as crianzas teñan 18 anos; pero Función Pública segue a atrancar o tema coa xustificación dunha regulación pormenorizada ; pero xa sabemos que FP é como unha tortuga(e das máis lentas da especie); e despois de cinco meses non fixo nada.
Así que seguimos coma sempre; cada consellería fai o que lle peta: Unhas con bo criterio xa modificaron a solicitude ata os 18 anos ,  outras a base da presión do pesoal modifican puntualmente as peticións (con bolígrafo), e outras "ren de ren" ata que FP non diga algo non implementan a mellora.
A ver seño Barreiro xa está ben, se vostedes aprobaron a lei no Parlamento, vostedes teñen que aplicala, xa faltaría que non se cumplan as propias normas das que un se dota!!! Outra mención esquizofrénica para esta Función Pública.

- CONCURSO: (esto si que é esquizofrénico), aínda que parece que a cousa se move coa vindeira constitución da Comisión de Baremación, temos que seguir presionando, senón igual nos levan a 2022!!!. Veredes proximamente algo polos taboleiros que amosa a indignación do persoal; tamén lla mandaremos a Barreiro e a Valeriano. Esto do concurso da Adm. xeral na Xunta de Galicia é para sair xa como tema principal do programa televisivo Cuarto Milenio de Iker Jimenez.

- MÁSCARAS: Deben pensar que co anagrama da Xunta xa aguantan 150.000 lavados. Pois non señores, se repartistes máscaras en Novembro con un uso total de 4 meses; a cousa xa está amortizada. Compre logo un novo reparto urxente senón imos pensar que o primeiro reparto non foi feito con motivos de saúde senón pura propaganda.

-CARREIRA PROFESIONAL: Señor Barreiro, o que se acorda (aínda que non sexa con nos hai que cumplilo). Xa avisabamos cando se negociou este tema da febleza do acordo.  Hai que abrir xa a petición do segundo grao e as solicitudes do primeiro; cada día que pasa debedesnos cartos. Moitos fondos de resiliencia e nada para cumplir os acordos co persoal.

luns, 3 de maio de 2021

Milleiros de persoas toman as rúas de Galiza convocadas pola CIG para conmemorar o Primeiro de Maio

O pasado 1º de Maio recuperamos a celebración desta importante xornada reivindicativa con 16 mobilizacións en todas as comarcas do noso país.

Unha vez máis puidemos comprobar o maltrato e o silenciamento que a CIG recibe na información publicada desta xornada por practicamente todos os medios de comunicación, comezando polos que son de titularidade pública e seguindo polos que son millonariamente subvencionados con diñeiro público.

venres, 30 de abril de 2021

Nin concursos, nin carreira profesional, nin promoción interna: é hora de actuar

Pasan os anos e "a vida sigue igual" na Xunta de Galiza no que a dereitos do persoal se refire. 

O tema dos concursos, xa cheira, o tema dos proceso selectivos, xa cheira, a carreira profesional, cheira tamén. Esixían os nosos compañeiras e compañeiros de CCOO respecto e dámoslle a razón: as traballadoras e traballadores públicos da Xunta de Galiza merecemos respecto. Pero para merecelo, tamén hai que esixilo. Non podemos ficar caladas e calados, agardando a ver que pasa, contemplando concentracións de 10 delegados e delegadas pedindo concursos, temos que existir que respecten os nosos dereitos, que respecten o noso traballo, que nos respecten.

A xornada máxima laboral semanal é a mesma que vai 30 anos cando se traballaba con máquinas de escribir e cando se ensobraban as notificacións.


En máis de 10 anos de implantación da Administración dixital na Xunta, non supuxo mínimas melloras para o persoal público.


É preciso adaptármonos á xornada laboral máxima doutras Administracións autonómicas e estados europeos co mesmo PIB

O 3 de abril de 1919, tras 44 días de duras protestas e folgas, asinábase o acordo cos sindicatos no estado español que asumía a xornada laboral máxima de 8 horas. Desde entón, a tecnoloxía aumentou a produtividade pero isto non reverteu nunha mellora na reducción da xornada laboral da clase traballadora senón ou ben para reducir persoal ou ben para aumentar a produtividade (sen que iso redunde en mellora salarial).

Son inegabéis os avances tecnolóxicos nos sistemas produtivos e nomeadamente a implantación da Administración dixital e o teletraballo nas Administracións públicas e en particular na Xunta de Galiza. Por que se o que antes se facía en 2h cunha máquina de escribir, agora se pode facer en 5 minutos cun ordenador e sen papel, non hai unha formulación seria de disminuir a xornada laboral?

A CIG convoca un total de 16 mobilizacións este Primeiro de Maio


A CIG conmemora este ano o Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, cun total de 16 manifestacións e concentracións –a central en Vigo-, en todas as cidades e en múltiples vilas da xeografía de galega baixo o lema “Por unha saída galega xusta da crise”. Un lema que, segundo explicou o secretario xeral, Paulo Carril, resume as principais demandas da central sindical para enfrontar a crise económica que viñamos padecendo, agudizada agora pola pandemia.

Nese sentido Carril considerou que é imprescindíbel derrogar as reformas laboral, da negociación colectiva, das pensións, das prestacións por desemprego ou todas aquelas que supuxeron o desmantelamento dos servizos públicos que, “seguen en vigor e están sendo utilizadas para enfrontar a crise neste intre”. Reformas que, denunciou, están tendo “graves consecuencias para a clase traballadora galega”.

mércores, 3 de marzo de 2021

Listas de substitución da Xunta: moitas faltas expectativas nas persoas desempregadas


Achegamos unha guía para non perderse nestes días coas listas de substitución da Xunta de Galiza que vendo segundo que nova na prensa xerou moitas falsas expectativas nas persoas desempregadas. O fundamental é ver o anexo de que listas "abren" e se botades un ollo veredes que son escalas ou categorías moi concretas, con titulacións ou requisitos moi concretos; se cumprides, noraboa, senón, para anotarvos ás que están pechadas só cando superedes algunha proba do último proceso selectivo. 

En calquera caso, o ritmo de chamada das listas vén determinado, por desgraza, non pola necesidade do servizo público, senón polas propias limitacións orzamentarias do capítulo I que se pon a Xunta porque para contratar das listas todo é un problema pero para contratar con Tragsa non, non si? E logo veñen, ademais, as cesións ilegais de traballadoras.

Por suposto segue a manterse o cuestionado cobro por anotarse de ao redor de 19€/lista cuns motivos de exención bastante cuestionables e que non están necesariamente relacionados cos ingresos que se poida ter.

A continuación, deixámosvos toda a información detallada:

venres, 26 de febreiro de 2021

Retribucións do persoal funcionario e laboral da Administración Autonómica para o ano 2021

Xa está dispoñible para descarga electrónica o noso folleto de retribucións para o ano 2021 do persoal funcionario e laboral ao servizo da Administración autonómica de Galiza.

A CIG reparte o folleto de retribucións en papel impreso todos os anos. No ano 2020 tivemos que interromper o reparto por mor do confinamento. Este ano 2021 non o imprimimos tamén pola pandemia. Pero poñémolo a túa disposición en arquivo informático por se queres consultalo e conservalo. Agardamos que para o 2022 a cousa estea normalizada.

Por certo, u-la solicitude da carreira profesional grao II? U-las pagas extras completas recortadas desde 2010?


luns, 1 de febreiro de 2021

CONSELLERÍA DE SANIDADE: O COITELO NA CASA DO FERREIRO

 Pois estamos a luns 1 de Febreiro, xusto no pico da terceira ola, con multitude de restriccións de movemento, recomendacións de non interaccionar, con Feijoo promovendo na TVG o teletraballo por activa o e por pasiva.
A meirande parte das consellerías, e seguindo o dictado do xefe, (algunhas é verdade que remoloneando) teñen implantado algún sistema de teletraballo COVID, no que a presencialidade nas unidades administrativas está en termos do 50%.
Esta cantidade en termos de COVID é moi escasa, pero en moitos casos xa está superada e noutros tentamos que se aumente, pero é algo.
Esto evita por un lado desplazamentos innecesarios, diminue o aforo dos medios de transporte que traen todos os días ao persoal a Compostela e mesmo reduce en grande maneira os contactos no ámbito laboral favorecende que non haxa transmisión comunitaria.

Todas as consellerías  son sensibles a este tema, todas?, TODAS NON, unha irreductible (casi me sae o da aldea gala ....) consellería resístese a esto, trátase para mais inri a propia CONSELLERÍA DE SANIDADE; que parece que a cousa do control da pandemia vai cos cidadáns pero no con ela; dá consellos para os demáis dos que carece para os seus departamentos de persoal.

A día de hoxe non nos consta que haxa permisos de teletraballo COVID nesa consellería, a CIG a través da Xunta de Persoal xa ten enviado escritos de queixa ao conselleiro e ao secretario xeral técnico; pero ata o de agora non temos resposta.

Como haxa algún contaxio en Sanidade en vez de falar con nos van ter que falar co fiscal.... xa non decimos máis.

Reaccionen señores García Comesaña e Fuentes Losada, e fagan algo de xestión de persoal que non só lles pagamos para sair na TVG. Non sexan o Asterix e Obelix desta historia.

venres, 29 de xaneiro de 2021

DENUNCIA SITUACIÓN DOS CONCURSOS DE TRASLADOS

Podemos dicir, e non nos equivocarnos, de que os concursos de traslados na Xunta de Galicia son eternos, de feito en algunhas escalas só se fixo un ou dous dende que existe a Xunta de Galicia, xa non digamos do concurso específico que inda nunca se convocou, e vai por o camiño de quedar nun proxecto máis das ideas da Función Pública Galega, como o da carreira administrativa horizontal para o grupo C1. 

 En concreto se falamos do concurso da administración xeral que este si se convoca, pero con nivel de incumprimento de prazos case era mellor que non o fixera.. Cando era manual en menos de dous anos estaba feito e dende vai uns dez anos cando esta informatizado, só se convocou e resolveu un, o outro esta convocado e pouco mais. Xa se convocou mal, case catro anos despois de resolverse o anterior, polo que participaron tamén os funcionarios dos corpos xerais que tiñan participado no anterior.
Regalo para o cumpleanos de Barreiro


 Deste concurso xeral vense negociando a súa   regulación dende fai máis de seis anos, aprobáronse  as bases do concurso fai case dous anos, e facilitaron  o buzón de postos fai ano e medios, saíron as prazas   para escoller no DOG fai case un ano, e a estas  datas,  nadie sabe cando vai ser a sua resolución. 

 ¡¡¡Un ano despois de facer as solicitudes!!! Menos mal que o concurso esta totalmente informatizado e os datos xa llos facilitan os participantes...en fin, lonxe queda cando o Director Xeral prometeu o concurso aberto permanente, chegounos a dicir aos representantes sindicais, que xa estaba licitado e que AMTEGA se estaba encargando da parte técnica. Para solucionar a demora dos concursos creouse un novo servizo coa única finalidade de xestionar a axilidade e funcionalidade dos mesmos; pero isto no foi así. Cal é exactamente as funcións desenvoltas por esta praza?, quen asume as responsabilidades?. 

Recordemos que esta praza xa foi cuberta con moita polémica e agora máis pois non serve para os intereses que motivaron a súa creación. Todo este tema da demora ten aínda maior gravidade no referente ás escalas da administración especial con concursos diferidos en máis de 8 anos entre eles o que lesiona gravemente os dereitos de mobilidade e carreira profesional de moitos compañeiros/as. Así mesmo levamos anos esperando, pola concreción do concurso específico e poder liberar dunha vez as prazas nivel 25 que reteñen centos e centos de persoal en postos de xefatura de servizo. Mención aparte é o acto manifestamente irregular de retirar prazas do buzón de postos coa escusa da súa amortización ou modificación, e que ao final resultan prazas para os amigos, pois inmediatamente son convocadas en comisión de servizos., exemplos temos varios:

  •  PXA110000215770077 denominado Xefatura de Sección no centro de destino Axencia Para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) 
  • PXA20000215770013, denominada Xefatura de Sección de Xestion Económica no centro de destino Axencia de Turismo de Galicia (ATURGA)
  •  PXA110000215770087, denominada Xefatura sección de Coordinación Económica e Protección de Datos no centro de destino Axencia Para a Modernización tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

 Dende a CIG - servizos centrais imos acometer todas as accións que teñamos na nosa man, tanto legais como sindicais para cambiar esta situación a todas luces vergoñenta; e así : Esiximos que todos os concursos de persoal funcionario se convoquen e se resolvan en menos de un ano, como xa asegurou o responsable de Función Publica en reiteradas manifestacións. Esiximos que non se detraigan as mellores prazas, con disculpas peregrinas, porque así, non se pode ter unha verdadeira carreira administrativa.

Como última nova parece ser que este luns día 1 sairá por fin a listaxe de admitidos; pero xa imos tarde...moi tarde.

OS ACORDOS SON PARA QUE SE CUMPRAN: OS DA CARREIRA PROFESIONAL TAMÉN

 

Os acordos que asina a Xunta de Galiza, sexa con quen sexa, están para cumprirse, neste caso falamos do “Acordo de concertacións do emprego público de Galicia”, asinado entre a Xunta de Galiza e varias organizacións sindicais. Neste artigo queremos falar en concreto do tema da carreira profesional no seu punto Quinto:

 Despois de 40 anos.....meta

Sistema excepcional e transitorios dos grados I e II” onde di    textualmente o citado acordo “No segundo semestre do ano 2020, a Dirección Xeral da Función Pública publicará a  convocatoria    para que aqueles que teñan recoñecido o grado I e  conten cunha   antigüidade de 11 anos, a través deste réxime  transitorio e  excepcional, poidan solicitar o encadramento no  grao II. O dito  grao será recoñecido con efectividade do 1 de  xaneiro de 2021 ou  1 de xaneiro do 2022, segundo este nos  grupos B, C1, C2 e a  agrupación profesional ou nos grupos A1 e  A2 respectivamente, a  aqueles que cumpran os requisitos que se  establezan, e o seu  pagamento fraccionarase en catro ou tres  anualidades    respectivamente tal e como se indica a seguir...” Grupos B, C1, C2 e agrupación profesional, en 2021 o 33,3%.

Isto é o que di literalmente o acordo e a data de hoxe, 25 de xaneiro de 2021, está no apartado do programa “portax”, que é dende onde se debe solicitar, pechado. 

Non se está a cumprir porque no segundo semestre nunca estivo aberto, polo que dende a CIG esiximos que se cumpra xa o citado acordo, que se abra inmediatamente o prazo, que sería o primeiro requisito para solicitalo, e logo que aos traballadores que cumpran o resto de requisitos se lle abone a cantidade correspondente  dende o 1 de xaneiro.

Aínda que este pago xa vai efecturarse con efectos retroactivos, de si conleva unha perda económica para o persoal,  xa que a Xunta non paga con xuros, que debería facelo pola súa mala xestión dos tempos.

E igualmente está a acontecer co persoal dos grupos A1 e A2, que tiñan que ter ingresado na nómina de xaneiro 2021 o ultimo troceado do grao I, e non se veu por nengún lado.

TELETRABALLO COVID: UN REINO DE TAIFAS

 A cousa COVID non pinta nada ben...e a Xunta toma medidas cara a galería sobre todo.

Como xa sabemos dende hai moitos meses a mellor seguranza nos centros de traballo é non estar amoreados, non vir en buses cheos e non sobrepasar unha presencialidade de mínimos.
Menos cartaz e máis teletraballo
Así (tras meses de espera) xa o entendeu a consellería de Cultura e Educación que o pasado día 19 xa aprobou un teletraballo Covid por quenda en grupos burbulla.Despois a cousa complicouse e esta semana tivemos novas restriccións e mesmo unha intervención do presidente da Xunta chamando a aplicación intensiva do teletraballo, mesmo facendo alusión a Adminsitración Pública.E nesto, todos (e sobre todo os departamentos de persoal) estivemos a esperar unha instrucción de Función Pública para ver como se artellaba o tema, no tocante a quendas, ratios,  xustificacións, etc..
Pero xa se sabe, Función Pública nen está nen se lle espera (concurso dixit), e aqui comezou o reino de taifas Galicyan Style, e así:

- Unhas consellerías adoptaron plenamente a instrucción de Cultura (burbullas ao 50%).

Cada un fai o que lle peta

- Outras entenderon a magnitude do problema e foron  máis alá, dando un teletraballo xeral e mantendo uns  servizos mínimos imprescindibles (presencialidade dun  10%).

- E outras como Sanidade (si, si, Sanidade) non fixeron  NADA,  e ata este momento manteñen ao 100% do  persoal adminsitrativo atado ao banco de traballo. Vamos  unha verdadeira cafrada nestes momentos.

A CIG levou á Xunta de Persoal a queixa, e de ahí sairon escritos de denuncia cara o noso presidente, o conselleiro de Facenda e todas as secretarías xerais. Espero que reacciónen os que teñen que xestionar...

Tamén compre decir que os grupos burbulla ao 50% poderían estar ben ahi unhas semanas pero agora movémonos nun contexto diferente onde hai que evitar ao máximo posible a presencialidade. O 50% xa é unha medida ordinaria aprobada para o teletraballo ordinario (que comeza a aplicarse nuns días) pero agora falamos de teletraballo COVID, situación extraordinaria esixe medidas extraordinarias, e iso sería manter un 10% de presencialiade.

Estamos a falar de medidas condicionadas no tempo e que poden e deben ser revisadas cada 15 días, así xa o presidente falou do horizonte do 17 de Febreiro.

Dirixímonos logo a todas as persosas que ocupan as secretarias xerais técnicas para que tomen conciencia deste problema e implementen urxentemente un teletraballo COVID que sexa similar en todos os departamentos e que manteña a mínima presencialidade posible