Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 28 de agosto de 2026

E en que plan estamos cos cursos de galego para o funcionariado?

O novo Plan da lingua galega promete aumentar a formación do funcionariado sen contar cos recursos precisos

Urxe unha solución para o persoal laboral da categoría de titulado/a superior lingüista ao non se corresponder a carga de traballo coa xornada parcial aprobada pola RPT

O día 13 de xullo de 2026 publicouse no DOG a Resolución do 6 de xullo de 2026 pola que se nomean persoal laboral fixo na categoría 40 do grupo I de persoal laboral da Xunta de Galicia, titulado/a superior lingüista, as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos, mediante o sistema de concurso ou de concurso-oposición, para cubrir un total de 18 prazas derivadas dun proceso de estabilización para regularizar a situación do profesorado declarado persoal laboral indefinido non fixo da Xunta de Galicia. Para a toma de posesión declarouse, como para outros procesos con resolución en período estival, a urxencia e así o prazo foi de 15 días naturais desde o día seguinte á publicación no DOG.

Porén, malia que tivo que tomar posesión con urxencia, este persoal atópase neste momento en suspensión de funcións en espera de que comecen os cursos de linguaxe administrativa e xurídica o día 1 de setembro, dado que ata esa data non está convocado ningún dos cursos que este persoal debe impartir.

xoves, 27 de agosto de 2026

Calendario laboral Compostela 2027: vén con dous días de moscosos a maiores

 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou con data 02/07/2026, unha vez aprobado polo Consello da Xunta, o calendario laboral de Galiza para o próximo ano 2027. 

A normativa estatal, fixada polo Real decreto 2001/1983, establece as 14 festas anuais de ámbito nacional non recuperables, remuneradas e de carácter obrigatorio. Destes 14 festivos, dous son elixidos por cada concello. Dos outros 12 restantes, 9 son de carácter obrigatorio e non substituíbles, a non ser que coincidan en domingo: 1 de xaneiro, Venres Santo (25 de marzo), 1 de maio, 15 de agosto (este ano coincide en domingo e a Xunta de Galiza cámbiao polo 19 de marzo, San Xosé), 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro. 

Ademais, outros tres festivos de carácter nacional poden ser substituídos polas comunidades autónomas. Dous deles son o 6 de xaneiro, que nunca se cambia, agás que coincida en domingo, e o Xoves Santo (26 de marzo), que Galiza non troca tradicionalmente. Así mesmo, dáselles a opción ás comunidades entre o 19 de marzo e o 25 de xullo. Sempre se elixe o 25 de xullo, xa que é o Día Nacional de Galiza, tal e como quedou establecido polo Decreto 8/1978, do 10 de xullo (este ano coincide en domingo e a Xunta de Galiza cámbiao polo 17 de maio, Día das letras Galegas).

Pola súa banda, o Concello de Santiago de Compostela aprobou como festivos locais para 2027 a Ascensión e o San Roque, como é tradicional en Compostela. A Consellaría de Emprego, Comercio e Emigración publicou a totalidade de festivos locais para o ano 2027, En data de hoxe non esta publicada no DOG a citada Resolución   .

xoves, 9 de xullo de 2026

Xuntanza con Emprego Público polos autos de extensión de efectos de sentenzas de destino definitivo

 

O venres 3 de xullo de 2026 tivemos unha xuntanza informativa coa directora xeral de Emprego Público na que deu unha serie de información a respecto dos autos de extensión de efectos de sentenzas de destino definitivo.

O 29 de abril a Xunta de Galiza recibiu o veredicto do Tribunal Supremo polo que desestimaba o recurso de casación interposto pola Xunta de Galiza contra tres sentenzas de autos de extensión de efectos.

A Xunta presentou recursos de casación contra todos os autos de extensión de efectos que foron saíndo pero, unha vez emitido este veredicto, o Tribunal Supremo estaos inadmitindo, polo que todos os autos adquiren firmeza e xeran xurisprudencia.

O 22 de maio tivo lugar unha xuntanza cos sindicatos para informar que lles ían enviar unha serie de comunicacións a todas as persoas que promovesen autos de extensión de efectos e que, dependendo da situación desas persoas, elaboraron diferentes modelos de comunicacións.

Tiñan un modelo para aquelas persoas que solicitasen medidas cautelares e xa estaban ocupando o posto con carácter definitivo por execución provisional do auto. A esas persoas o que lle indicaron nese modelo é que permanecerían nese posto no que xa tiñan unha resolución de adxudicación e que, por tanto, non as convocarían para a elección de destino.

Despois había outras solicitudes con autos que non estaban executados de forma provisional ou incluso que aínda non tiñan auto porque estaban suspendidas polo TSXG mentres non se pronunciase o Tribunal Supremo. Agora que o Tribunal Supremo se pronunciou, os autos das solicitudes de extensión de sentenza adquiriron firmeza e xa lles están chegando ás persoas afectadas, que xa poden instar a súa execución á Xunta de Galiza. Para todas estas persoas, segundo a súa situación, Emprego Público elaborou dous modelos:

mércores, 8 de xullo de 2026

A crueldade da DXEP nos actos de elección de destino e RPT da Aturga


Na Comisión de Persoal do pasado venres o único punto da orde do día foi a modificación da RPT da Axencia de Turismo de Galiza (Aturga), na que non se tivo en conta ningunha das alegacións feitas pola CIG na mesa sectorial de persoal funcionario ante a D.X. de Emprego Público e onde a súa directora rabenou a negociación previa dos sindicatos coa Axencia na cal se conseguira a posibilidade de incremento do complemento especifico dos dous postos de técnicos/as de cociña polo cambio substancial de horario. Ante iso, o voto da CG foi en contra desta modificación.

Na rolda de intervencións recordamos que o día anterior rexistramos un escrito dirixido á DXEP no que expresamos o noso total desacordo coa retirada para os vindeiros actos de elección de destino de postos que xa pasaron polos concursos de traslados. Pedimos transparencia nestes procesos e esiximos unha explicación de por que actúan como actúan, así como polos criterios de elaboración das listaxes de postos para os diferentes actos de elección de destino.

Cando o normal sería que esas listaxes estivesen conformadas cos postos que non se adxudicaron no concurso de traslados, o que nos atopamos son listaxes nas que desaparecen postos sen argumento ningún, tendo que facer investigacións e suposicións do que sucede, xa que recibimos multitude de chamadas de parte do persoal notificando que faltan postos, en moitos casos en centros periféricos, co que supón isto nun acto de elección de destino tan masificado. Mentres, o que si inclúen son postos que non pasaron previamente polo concurso de traslados.

As respostas da directora xeral resultan abraiantes, tanto como a súa actitude non negociadora, xa que o que nos veu dicir en repetidas ocasións no transcurso da xuntanza é que a única obriga que ten é a de ofrecer tantos postos como persoas aprobadas. Que simpática! Sen máis explicacións nin argumentos sólidos, resulta cruel a súa negativa a incluir todos os postos vacantes, como sempre esiximos dende a CIG, condenando o persoal a ter que desprazarse ao longo da xeografía galega en busca dun destino definitivo.

Tamén insistiu en que as listaxes de postos que figuran na web de Emprego Público son totalmente informativos, que os postos que van para o acto de elección de destino son "cousa" da Dirección Xeral de Emprego Público, co cal "non se retira nada" e que a directora creou esas listaxes como considerou oportuno. Tal cual.

O totum revolutum de Emprego Público: a nova receita do caos nas eleccións de destino


Hai días nos que un pensa que a capacidade de Emprego Público para sorprendernos chegou ao límite, pero despois supérase. Vaia cristo formaron! Se o obxectivo era xerar o caos absoluto e cabrear a todo o persoal, temos que darlles un aplauso. Conseguírono.

Non sabemos moi ben quen está aos mandos da cociña en San Caetano, pero decidiron que a mellor forma de xestionar os recursos humanos era facer unha boa queimada administrativa: todo para dentro, que arda, e que Deus reparta sorte.

Cunha falta de respecto total e absoluta para os que levamos anos traballando aquí, meteron nunha barafunda monumental a todo o mundo. Dá igual a túa categoría, a túa traxectoria ou o teu esforzo. Na pota de Emprego Público entrou por igual o persoal dos subgrupos A1, A2, C1, C2 e mais a agrupación profesional de persoal funcionario subalterno da Administración xeral.

Todos xuntos e revoltos, sen orde nin concerto. Procesos cruzados onde mesturaron sen pudor o acceso libre, a promoción interna (esa grande esquecida á que agora lle dan a estocada final), os procesos de funcionarización e como o ingrediente estrela, para que a mestura fose aínda máis explosiva, sumáronlle as prazas de estabilización da Lei 20/2021.

xoves, 25 de xuño de 2026

Solicitude de certificado de delitos sexuais

Para aquelas persoas que teñan que presentar certificado de delitos sexuais:

O certificado de delitos sexuais é de carácter obrigatorio para aquelas persoas que exerzan ou vaian exercer unha profesión ou actividade que implique contacto habitual con menores. Pódese descargar directamente desde a seguinte ligazón: Certificado de Delitos de Naturaleza Sexual - sede.mjusticia.gob.es (é preciso dispor de certificado dixital, DNI electrónico ou sistema Cl@ve). Deberá estar en vigor e cunha antigüidade máxima de 3 meses desde a súa expedición. 


luns, 22 de xuño de 2026

Actos de elección de destino definitivo: restritivos e chapuceiros

O venres 15/06/2026 publicáronse os actos de elección de destino de varias escalas, despois de ter rematado o concurso de traslados das mesmas (arqueólogos, facultativos, axudantes e auxiliares de arquivos, bibliotecas e museos, restauración en bens artísticos e arqueolóxicos e delineantes).

O caso máis rechamante é o da escala de delineación, con 15 prazas que quedaron vacantes despois do concurso e tan só ofrecen 6 prazas para as as 6 persoas que teñen que elixir destino. E para máis inri, na DXEP cometeron unha chapuza e “esquecéronse” de que teñen a outra promoción máis con 9 persoas aprobadas pendente de escoller destino definitivo e agora parece que van sacar unha corrección de erros para poder incluír á promoción “perdida” no acto de elección de destino.

Na escala de arqueoloxía onde sobraron 20 vacantes do concurso ofrecen 15 prazas para 15 aspirantes.

No caso de auxiliares de arquivos, bibliotecas e museos hai 57 vacantes sobrantes do concurso e ofrecen 28 prazas para 28 persoas aprobadas.

A XUNTA "NOSTRA": uso de prácticas mafiosas no concurso de traslados. Podería perigar o concurso?

Ameazas de desterro de oficio a quen non ceda o seu posto

Estrañas manobras en Emprego Público para que algunhas persoas renuncien aos postos obtidos no concurso. A lei do silencio chega á Función Pública galega. A DXEP pretende tapar os seus erros xudiciais roubándolle os postos aos persoal mediante a táctica do susto ou trato telefónico. O "trato" é que colles un posto peor; o "susto", que te mandan de oficio onde non molestes. Unha estratexia de extorsión pura e dura que substitúe as garantías democráticas polas formas de Cosa Nostra de andar por casa.

Dende hai uns días, algunhas persoas puxéronse en contacto coa CIG porque dende Emprego Público están instándoas a que renuncien ao seu posto obtido por concurso. O modus operandi é o seguinte:

Alguén de Emprego Público chama por teléfono e dilles que o seu posto está dalgún xeito xudicializado por estar reclamado por outra persoa. Como solución ofrécenlles outros similares na mesma localidade. Eses postos similares, segundo nos comunican, non son tan similares como expresan: a distancia é bastante maior, as funcións serían completamente distintas e, nalgún caso, até ofreceron postos dun nivel inferior.

A "Televenda" de Emprego Público

Parece que na DXEP cambiaron a Lei de Emprego Público de Galiza polo catálogo de Teletenda. Iso de chamar por teléfono para ofrecer un posto de nivel inferior a cambio do que gañaches por concurso é unha estratexia de márketing brutal: "Se renuncia hoxe ao seu posto merecido, regalamoslle un castigo de oficio e un nivel menos! Chame xa!". Só faltou que che ofreceran un xogo de coitelos coa rebaixa de soldo.

xoves, 18 de xuño de 2026

Xefaturas de sección, sentenzas de destino definitivo, persoal veterinario e escolas infantís (MSPF 17/06/2026)

 

Nesta Mesa Sectorial de Persoal Funcionario (MSPF), dende a CIG puxemos enriba da mesa as seguintes cuestións: A1-xefaturas de sección que non saíron no concurso de traslados; chamadas de Emprego Público indicando persoas con tomas de posesión feitas que teñen que elixir outro destino (sentenzas de destino definitivo); aclaración sobre o persoal veterinario que superou concurso e concurso-oposición; escolas infantís: manteñen tomas de posesión o 1 de setembro e comezo de curso o 4 dese mes.

A1 - Xefaturas de sección en corpos xerais que non saíron no concurso de traslados

Pedimos que aclaren que van facer con estes postos. A DXEP confirma que non se poden incluír na listaxe de postos que van ofertar no próximo acto de elección de destinos xa que, como noutras ocasións, deben ofertarse nun vindeiro concurso de traslados. Este sería o caso das que hai no Consorcio e das xubilacións noutras consellarías.

Emprego Público chama a persoas con tomas de posesión asinadas para que elixan outro destino debido a sentenzas de destino definitivo

Trasladamos que están contactando con nós persoas que ocupan postos con tomas de posesión asinadas incluso hai 8 meses ou que participaron no actual concurso de traslados, e que as están chamando para comunicarlles que teñen que elixir outro destino, xa que o que elixiran (ou, incluso, no que levaban meses incorporadas) está afectado por unha sentenza con destino definitivo.

Dende a CIG entendemos que a única solución é duplicar prazas, pero a DXEP contesta que procederán como están procedendo. É dicir, non hai transparencia nesta xestión dunha situación que continuará sucedendo ao longo dos meses.

Criterios de actuación co persoal veterinario que superou o concurso e o concurso-oposición

Calendario de adxudicacións de postos e actos de elección de destino (MSF 17/06/2026)

 

Nesta Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario, a directora xeral de Emprego Públiico trasládanos o seguinte calendario de resolucións de adxudicacións de postos dos concursos de traslados e dos actos de elección de destino:

Informática: van publicar unha corrección de erros para cambiar dúas cuestións: 

  • Modifican o apartado D), referido ao traballo desenvolvido, de xeito que no lugar de tempo desempeñado na escala de participación terá que poñer «nas escalas obxecto da convocatoria» (xa que hai varias escalas). 
  • Modifican a primeira parte referida ás renuncias: anteriormente cada persoa só podía participar dende un subgrupo, pero isto cambiou, e neste caso pode haber renuncias como resultado do concurso, xa que unha mesma persoa pode ter varias adxudicacións, e isto non quedou regulado e teñen que especificar como teñen que proceder.

F0225 – Arqueoloxía; técnica de restauración; técnica de delineantes; de facultativas de arquivos, bibliotecas e museos; de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos; técnica de arquivos, bibliotecas e museos, e auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos: publican no DOG este venres 19 de xuño (toma de posesión en setembro).

F0325 - Corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala de veterinarias: publicarán o baremo provisional en xullo.

mércores, 17 de xuño de 2026

Horario de verán de 2026: corta e pega do de 2025


HORARIO DE VERÁN DE 2026

Horario oficial:


Do 16 de xuño ata o 15 de setembro deberán realizarse 6 horas diarias continuadas de traballo entre as 8.00 e as 15.00 horas. O cálculo do cumprimento da xornada laboral será en cómputo diario.

Horario de flexibilidade automática:

Do 16 de xuño ata o 15 de setembro deberán realizarse 6 horas diarias continuadas de traballo entre as 8.00 e as 15.00 horas. O cálculo do cumprimento da xornada laboral será en cómputo diario.

Ata o 30 de xuño será posible compensar débeda do mes de maio e ata o 31 de xullo, débeda da primeira quincena do mes de xuño. O tramo horario de compensación será de 8.00 a 15.00 horas.

Horario de flexibilidade por conciliación:

Do 16 de xuño ao 15 de setembro deberán realizarse 6 horas de traballo diarias na franxa horaria autorizada pola Secretaría Xeral Técnica na resolución de concesión de flexibilidade por conciliación. O cálculo do cumprimento da xornada laboral será en cómputo mensual.

Ata o 30 de xuño será posible compensar débeda do mes de maio e ata o 31 de xullo, débeda da primeira quincena do mes de xuño.

Horario con redución de xornada de traballo diaria:

Do 16 de xuño ao 15 de setembro deberá realizarse diariamente dentro da franxa horaria autorizada polo órgano de persoal correspondente para a concesión desa redución de xornada o tempo de traballo que se determine mediante a seguinte fórmula:

xoves, 11 de xuño de 2026

Corpos xerais: modificación da RPT, datas de elección de destino e tomas de posesión


Na Comisión de Persoal de hoxe, 5 de xuño de 2026, o único punto da orde do día foi a modificación da RPT de corpos xerais da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, que nace da necesidade de contar con prazas suficientes para dar destino definitivo a todas as persoas de todos os procesos de corpos xerais que están pendentes de que ese acto se realice.

Aínda que non se atenderon algunhas das nosas demandas, o fundamental, que é o saldo neto de ao redor de 170 prazas de nova creación, é para nós positivo. E tendo en conta ademais a urxencia (e isto é unha falta de previsión e deberíase ter abordado moito antes, pois xa era algo sabido), o noso voto foi a favor da modificación da RPT, ao igual que o resto das organizacións sindicais.

Ademais, na rolda de intervencións indicou a DXEP que para corpos xerais (concurso de traslados e actos de elección de destinos) as datas serán as seguintes:

  • Semana do 22 ao 26 de xuño: será a publicación da resolución do acto de elección de destino: 2 días para recibir o código para acceder á aplicación informática, e 5 para a elección de postos.
  • Semana do 13 ao 17 xullo: a resolución cos nomeamentos e a adxudicación de destino definitivo. Nesta resolución indicarán que por motivos organizativos (vacacións) o prazo de toma de posesión comezará o martes 15 de setembro (co cal os cesamentos serán o 14 de setembro). Estas datas incluiranas nesta resolución do 13 ao 17 de xullo e establecerán 15 días para incorporarse (por trámite de urxencia).

mércores, 3 de xuño de 2026

Corpos xerais: RPT para as tomas de posesión, as promocións internas e algo máis


Na reunión da mesa sectorial do luns 01/06/2026 abordáronse varias cuestións relativas ás tomas de posesión de corpos xerais:

 A RPT para incrementar prazas para os actos de elección de destino

En primeiro lugar, o asunto que se levaba á mesa era a RPT da Administración xeral, onde se creaban postos para poder realizar as tomas de posesión.

Créanse 341 postos e amortízanse 170, polo que o saldo neto é de 172 postos creados. Os postos creados son basicamente postos base, excepto 6 C2 con nivel 14, que se crean en centros de ensino. Os postos amortizados son maioritariamente nos Servizos Centrais.

Á primeira pregunta sobre se as prazas son suficientes para facer os actos de elección de destino das 8 promocións de persoal funcionario, di que si. Preguntamos se as prazas amortizadas son vacantes puras, cousa que confirma.

En segundo lugar, expomos que se poden crear postos base nos servizos periféricos porque, se sobraron do concurso, non habería problema en crear máis e que existan máis probabilidades de que as persoas poidan escoller cerca ou a unha distancia razoábel do seu domicilio.

Consideramos que non se deben amortizar prazas en centros pequenos porque aí tería máis repercusión sobre o incremento da carga de traballo. E tamén destacamos que as creacións de prazas de auxiliar e subalterno en centros de ensino, se se fai por ratio, non debería de ter a contrapartida de amortizacións, pois é unha obriga crealas.

Non atenden estas últimas demandas. Aínda así, pensamos que deben actuar con celeridade para ter todo listo para os actos de elección de destino.

A nós non nos saen as contas porque para que comecen a mediados de xuño terían que estar publicados xa.

luns, 1 de xuño de 2026

CCOO, UGT E CSIF, contra as persoas da promoción interna do 2020 e 2023

 

Despois de ter realizado unha masiva concentración o mércores 27, as compañeiras e compañeiros que alí nos concentramos vemos como estes tres sindicatos sacan unha nota botándolle a culpa á CIG, no canto de botarlla á directora xeral, do que pretende facer creando unha incompatibilidade ficticia entre o concurso e as tomas de posesión da promoción interna.

Na Comisión de Persoal deste venres 29/05/2026 a directora insinuou que poderían dar destino á promoción interna do 2023, pero que o confirmarían o luns, e tamén adiou a información sobre as datas e prazos, prelacións, número de prazas, etc, para o luns.

E tamén comentou algo que nos sorprendeu: que se a promoción interna do 2020 e do 2023 escollían agora, entón as persoas desas promocións que collan posto no concurso, aínda que estea aberto ao subgrupo superior, van ter que optar por unha cousa ou outra.

Pensamos que isto podería ser un erro, unha chantaxe, e quixemos estudar a liña de acción á seguir para o luns, antes de pronunciarnos.

Pero hoxe sorprendeunos a demagoxia de CCOO, UGT e CSIF, que calan e, en vez de opoñerse a esta decisión da directora xeral, opóñense á CIG. En realidade están a opoñerse ás persoas das promocións internas e non buscan solución nin rebaten á administración.

Que fan para defender os intereses das persoas das dúas promocións internas?

Estase a crear un problema que non existe e que CCOO, UGT e CSIF validan

luns, 25 de maio de 2026

COMITÉ DE SEGURIDADE E SAÚDE LABORAL DE SSCC AS COUSAS DE PALACIO VAN DESPACIO

O venres 21 de maio tivemos unha xuntanza do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Servizos Centrais coa seguinte orde do día:

1. Aprobación da acta anterior

2. Informe dos asuntos tratados na reunión anterior

3. Dación de conta da elaboración e rexistro do Plan de autoprotección do Edificio Administrativo de San Caetano

4. Dación de conta das últimas avaliacións de riscos emitidas correspondentes a este comité

5. Renovación dos cargos de presidencia e secretaría do Comité

6. Rolda aberta de intervencións

A presidenta iniciou a sesión pedindo desculpas por desconvocar unha xuntanza do Comité onde se incluía na orde do día tratar sobre as medicións do radon e alegou que o motivo foi non dispor de todos os datos para poder informar. Como tampouco dispoñía aínda deles, indicou que se realizará unha reunión extraordinaria sobre esa cuestións. A CIG preguntou por unhas xornadas realizadas sobre o radon ás cales non foron convocados os sindicatos e alegou que foron técnicas e relacionadas con solucións construtivas.

xoves, 21 de maio de 2026

A CIG solicitou unha reunión de urxencia co conselleiro de Facenda ante o pasotismo da directora xeral de Emprego Público respecto ás tomas de posesión


Este luns 18/05/2026, a CIG solicitoulle ao conselleiro de Facenda unha xuntanza para dar solucións e que nos actos de elección de destino participen todas as promocións que estean nesa situación, sen que ningunha quede relegada a un futuro incerto.

As case 500 persoas funcionarias de corpos xerais que concorreron á promoción interna do ano 2023 en convocatorias derivadas das ofertas de emprego dos anos 2020 e 2021 non van poder acceder ao destino definitivo por unha decisión da directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.

Das oito promocións de corpos xerais que están pendentes de obter o seu destino definitivo, unha delas, a promoción interna de 2023 non vai poder facelo, coa conseguinte perda de dereitos.

mércores, 20 de maio de 2026

Concursos de informática, turismo, urbanística, estradas, mobilidade, hidráulico

 

Dos tres novos concursos de traslados que estamos a negociar (Mesa Sectorial do martes 19), un deles, o das escalas de informática, servirá de “piloto” para un futuro concurso aberto permanente do que pouco concreta a Xunta. Os outros dous concursos son: a) Inspección e subinspección urbanística (A1 e A2); b) Turismo (A2); vixilancia de estradas, mobilidade, dominio público hidráulico (C1).

Unha semana antes, o mércores 13, a directora xeral de Emprego Público (DXEP) declarou no Parlamento de Galiza que estaban a traballar nun novo modelo de concurso de traslados aberto e permanente, e que nas vindeiras semanas negociarían coas organizacións sindicais o concurso de informática “que servirá como proxecto piloto” para estar a nova ferramenta informática (refírese ao Fides do Sergas con adaptacións).

A CIG manifestou na Mesa que este proceder é inadecuado, que o correcto sería sentármonos a falar polo miúdo dese novo modelo aberto e permanente que queremos, e non actuar sobre feitos consumados en medio da negociación ordinaria de tres concursos.

martes, 19 de maio de 2026

A directora xeral de Emprego Público segue sen dar resposta para a promoción interna de 2023


Na Mesa Xeral do 18/05/2026 a directora xeral de Emprego Público tampouco quixo dar resposta razoada á demanda de que a promoción interna de 2023 poida participar nos actos de elección de destino definitivo.

A resposta que deu é que aínda hai un prazo de 20 días para presentar a documentación e un prazo dun mes para presentar recursos de alzada.

Sobre isto último supoñemos que coñece que o recurso de alzada non é suspensivo con carácter xeral, xa que a continuación dixo que teriamos que esperar ata o 30 de maio.

Pois ben, entendemos que non habería desculpa para que se no día 30 de maio non está xa resolta a negociación para modificar a RPT e crear postos e abrir outros, preparada a listaxe de postos e feita a resolución para o acto de elección de destino, entón SI PODERÍAN dar destinos. E se remata pouco despois do 30, TAMÉN, porque sería esperar uns días para evitar un mal maior.

Ou o asunto dos prazos é unha desculpa?

martes, 12 de maio de 2026

Corpos xerais: información complementaria sobre actos de elección de destino e tomas de posesión


Complementado a información que onte difundimos, achegamos máis información sobre os actos de elección de destino e tomas de posesión de corpos xerais.

No concurso de traslados adxudicáronse 833 prazas na 1ª fase, 240 en resultas e 2 de oficio. Quedaron sen adxudicar 6 xefaturas de sección e máis ou menos 110 prazas de xefatura de negociado (das que unhas 90 estarían en Santiago).

 Acto de elección de destino

Tal e como vos trasladamos onte, o acto de elección de destinos será único para os dous bloques (os bloques só indican a prioridade na elección, pero non implican actos sucesivos).

Para estes actos están valorando a posibilidade de que se poida escoller, ademais de por posto, por localidades ou niveis, o cal facilitaría o acto de escolla.

Esperan que as datas posesorias finalicen previsiblemente a mediados de xullo.

Teñen que elixir destino nestas tomas de posesión 1.330 persoas do bloque 1 e 762 do bloque 2, que sumarían 2.092 persoas.

BLOQUE 1
FUNCIONARIZACIÓN 5
PROMOCIÓN INTERNA 2020 92
LIBRE 2019 721
PROMOCIÓN ESPECÍFICA 23
LIBRE 2022 489
BLOQUE 2
CONCURSO 2022 635
CONCURSO-OPOSICIÓN 2022 127

 Prazas

Para a elección destas persoas disporase de máis ou menos 2.630 prazas, tendo déficit nos grupos A1 e A2 (sen especificar a cantidade) e superávit nos grupos C1, C2 e AP.

Postos do Consorcio

Corpos xerais: toma de posesión do concurso de traslados e elección de destino