mércores, 30 de marzo de 2016

MALDITA PRENSA SUBVENCIONADA (II)

A prensa subvencionada magnifica o que resta da devolución da nosa paga extra de 2012 e non se pon nin de acordo na cifra.

Estes días sorprendeunos a Xunta, en pleno período festivo, cun reparto de 841.000 € para os medios de comunicación convencionais. Esa que lemos nos bares e que adoita a ter EREs, a traballar con bolseiros e bolseiras, a ter ao seu persoal sen contrato ou, no mellor dos casos, en condicións laborais fraudulentas. Que moitos, como o Correo Gallego, están na quebra económica total pero se adican a facer curiosas campañas noxentas contra outras administracións cando non os untan tan ben.

A Voz de Galicia lévase 481.236,44 €, máis da metade dos 841.236,44 € que se reparten total. O resto dos medios non din nada, todos asumen a supremacía do medio de prócer coruñés, como algo normal porque todos reciben un cacho de pastel suculento. Todos teñen a súa parte e todos calan. Hai un xénero cinematográfico que aborda moi ben este tipo de ambientes...

Por que cobran esta pasta? Teoricamente por “fomento do uso das novas tecnoloxías de información e comunicación entre o alumnado dos centros docentes de Galicia no ano 2016”, e tamén por “fomento da lectura da prensa escrita entre o alumnado dos centros docentes de Galicia no ano 2016”. Isto os conceptos máis xenéricos, pero hai dous medios en concreto que levan pasta por algo máis específico: El Correo Gallego e La Voz por “colaboración para a difusión informativa da capitalidade de Santiago de Compostela” e de novo La Voz por “divulgación de información sobre a investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i) en Galicia no ano 2016”.

A Xunta págalles para que se adiquen a concienciar (ou cando menos o tentan) e a alienar o pensamento da xente, cobran precisamente por isto, non por ir ás escolas a deixar catro xornais que lles sobran e non ían vender en ningún lado. Sexamos serios, isto é o que hai, aínda que cada vez haxa unha conciencia máis crítica grazas a que hai medios de comunicación alternativos. Acaso alguén ten coñecemento real do alcance das campañas que fan nos centros educativos? E cando as fan (que algunha farán), realmente, merecen este custo de miles e miles de euros?

Imos analizar de xeito simple por que cobran exactamente esta pasta poñendo un sinxelo exemplo. Hai xa uns días, o 17 de marzo, todos estes medios de incomunicación recollían o anuncio do conselleiro de Facenda, feito o día anterior, no que se anunciaba que a Xunta vainos devolver o 50% restante da paga extra suprimida no ano 2012.

Todos eses medios recollían, de xeito amplo, o anuncio do goberno galego e de maneira moito máis resumida as reaccións sindicais pero, o máis gracioso foi ver como rivalizaban entre eles para ver quen nos daba máis cartos ás empregadas e empregados públicos, aqueles que rivalizaban anos atrás tamén (temos que lembrar) por ver quen nos situaba como os principais culpábeis da crise e como merecedores de todos e cada un dos recortes que sufrimos (e continuamos a sufrir).

Comparar as portadas dos dous medios con maior difusión neste país é moi chamativo:

17-03-2016. Faro de Vigo: La Xunta devolverá a su plantilla 900 euros de la extra repartidos entre abril y septiembre

Nós, xa postos, quedámonos coa información do Faro, parécenos máis beneficioso para os intereses do conxunto das empregadas e empregados públicos da Xunta de Galiza.

Novas relacionadas:

2 comentarios:


  1. Feijóo dará todo o orzamento de 2016 aos medios de comunicación afíns.

    Posted on 01/04/2016 by TemposGalegos

    Funcionarios e persoal laboral serán traspasados a La Voz de Galicia e Faro de Vigo respectivamente ante o aumento de traballo por mor das eleccións galegas.

    O parlamento galego acaba de dar luz verde ao ingreso de todos os fondos previstos para 2016 a medios de comunicación afíns ao Partido Popular.

    Xornais como LaRegión, Faro de Vigo, Tempos Galegos, El Progreso, El Correo Gallego ou La Voz de Galicia serán os beneficiarios deste montante sen precentes no que o presidente da Xunta parece estar a preparar o terreo para presentarse de novo ás eleccións en gañalas.

    Como xa se viu nas anteriores eleccións galegas, o poder dos medios de comunicación tradicionais, é quen de establecer o calendario político así como encamiñar o debate de propostas en función dos intereses dos seus donos, deste xeito Nuñez Feijóo ata en corto á prensa galega con máis tirada, co que pretende crear un clima favorábel aos intereses do PP de Galicia.

    Por se fora pouco, Feijóo traspasaráa a funcionarios e persoal laboral da Xunta ás redaccións do Faro de Vigo e La Voz de Galicia para “axudar en labores comunicativas”, segundo afirma un comunicado do goberno.

    Desde a oposición califican o acontecido de insólito e ditatorial, e tentarán aunar esforzos económicos para mercar entre todos unha vietnamita que faga a competencia ao goberno, pero discrepancias entre PSdeG eBNG sobre a súa custodia, fixeron polo de agora imposible o acordo.

    ResponderEliminar