Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

martes, 21 de abril de 2015

Por unha lei de protección ao empregado público que denuncie a corrupción

 Empregado público independente: unha garantía contra a corrupción


O pasado domingo 19 de Abril, o programa de Ana Pastor, El Objetivo-Sexta TV, analizou pormenorizadamente o problema da corrupción nas Administracións Públicas desde o punto de vista das persoas que denuncian, nomeadamente o seu persoal funcionario. Ver programa completo.

Así, falouse de dous exemplos (un en Valencia e outro en Cataluña) de dous funcionarios que se opuxeron ás prácticas corruptas dos seus xefes políticos, paralizando os expedientes ilegais, filtrando información e denunciando ante a Xustiza as tramas corruptas que estaban saqueando as arcas públicas, mediante supostas subvencións que sempre acababan no peto de algún espabilado e amigo do xefe político. Isto custoulle multitude de presións, acoso e mesmo despedimentos, pero seguiron facendo o que tiñan que facer, o que era a súa función como traballadores do público.

Istes casos sirven de mostra que a mellor loita contra a corrupción, nace dende a súa xénese, con persoal funcionario independente, ben formado e xustamente remunerado, a independencia e a legalidade na toma de decisión por parte dos técnicos, non deixa marxe de maniobra ao político para prevaricar e malversar. Unha cousa é dirixir a actividade executiva, e outra cousa é saltarse a legalidade, e aí, antes dos xuíces, deben estar o persoal funcionario, garantes do Estado, da legalidade e do ben común.

A prensa en xeral debería axudar a difundir a exemplaridade dos servidores públicos, pois hai centos de casos en todas as Administracións de persoal público que co seu traballo diario, fan que o diñeiro se gaste onde se deba.

Por certo en Galiza, non se está pola labor, pois máis que coñecer e vangloriar a centos de interventores, administrativos ou xurídicos que fan moi ben a súa labor, seguimos mantendo a ovella negra dentro do curral. Falamos do caso de José Manuel Pichel Pichel, imputado no caso Retablo por presunta fraude nas subvencións á restauración de igrexas, e que segue como se nada de Xefe de Departamentos na entidade pública S.A de Xestión do Xacobeo. Non pode ser que a xente que denuncie se converta nun paria e a xente que está do lado da corrupción non só saque rédito ilícito senón que progrese na súa carreira profesional.

Esiximos unha lei que protexa ao funcionariado que denuncie os casos de corrupción


O principal problema da corrupción é que se chega tarde, e se chega tarde porque son as menos as persoas que dan un paso adiante e denuncian no xulgado, con ou sen axuda dos medios e de grupos políticos, e con máis ou menos esforzo das fiscalías e poder xudicial.

Así pois, si son necesarios máis medios humanos independentes na Xustiza para condenar pero tamén nas Administracións para previr. E desde logo, tamén son necesarios máis mecanismos para evitar que o uso de recursos públicos para lucro privado se produza. Entre estes mecanismos demandamos algo que no estado español é descoñecido: unha lei de protección da persoa denunciante. Non só estamos falando do anonimato cando se produce unha denuncia con probas sobre a comisión dun delito, senón do establecemento duns mecanismos de blindaxe que faga que a comparecencia xudicial no cumprimento do seu deber non implique un prexuízo nas súas condicións persoais, profesionais e retributivas.

Non estamos en Sicilia, aquí hai mafia si, pero non delitos de sangue asociada á corrupción. Hai obriga do persoal funcionario de denunciar a comisión de delitos, a actuación contraria as normas, pero a única protección que teñen é a “inamobilidade na súa condición”. Pode parecer suficiente, pero o acoso laboral pode ser tal que o de sentirse en completa soidade é pecata minuta comparada con diferentes mecanismos legais que acaban co funcionario que denuncia apartado nun recanto, coa carreira administrativa (cada vez máis dixital) conxelada e cunha futura avaliación do desempeño( deseñada dixitalmente) tamén negativa.

Mentres países como Estados Unidos, Inglaterra, os países escandinavos e recentemente Irlanda e Grecia desenvolveron este tipo de normas, aquí óptase por dar maior peso á designación arbitraria dos recursos humanos nas Administracións. Deixarse de Códigos éticos patéticos e de leis de transparencia de corta e pega; o que falta aquí é garantir a independencia total do persoal que traballa nas Administracións públicas e establecer mecanismos para a protección das persoas denunciantes de delitos.

A Lei de emprego público e a vulneración da independencia do persoal funcionario


Actualmente sabíamos que cada vez ía habendo máis libres designacións en relación aos postos por concurso, que os concursos non son permamentes nin regulares, que se agochan postos, e que as comisións de servizo pasan do tempo máximo regulamentado, fanse cadeas e se dan sen atender a criterios obxectivos; tamén temos o caso das integracións e dos enchufes a través de empresas.

Coa Lei de Emprego Público, crease a figura do persoal directivo onde poden meter xente da empresa privada con boas remuneracións, consolídanse os concursos específicos como unha sorte de libres designacións encubertas e aínda por riba establece un sistema de avaliación do rendemento completamente subxectivo do que dependerá a permanencia no posto e as nosas retribucións.

A potenciación do dedo na nosa Administración non vai facer máis que poñer outra alfombra vermella máis grande aínda para favorecer a corrupción pois socava a independencia e profesionalidade do persoal público. Así pois, teñen novos elementos cos que aumentar o control político e se perde a tan necesaria independencia nunha Administración pública que debe estar ao único servizo da cidadanía.

É necesario modificar esta aberración da Lei de Emprego Público*, é necesaria tamén unha lei de protección ao denunciante, é necesaria unha maior implicación e independencia dos medios de comunicación, maior participación dos grupos políticos, maiores recursos humanos nas Administracións e nos Xulgados, pero ante todo unha maior implicación da cidadanía na defensa dunha Función Pública independente e profesional. As traballadoras e traballadores públicos somos o escollo natural anticorrupción, mellor ten un escollo forte, polo ben da maioría social, desa maioría que non se lucrou coa corrupción e coa crise financeira.

*Previsiblemente, esta lei de emprego público aprobarase en Pleno o 28 de abril cos votos do grupo parlamentario popular.

E DESPOIS O NOSO PRESIDENTE ANDA FALANDO DE REXENACIÓN DEMOCRÁTICA!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario