Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

mércores, 8 de abril de 2015

A CIG gaña unha sentenza máis que obriga a Xunta a pagar a parte devengada da paga extra do ano 2013

Descargar sentenza
 
Comunícannos as compañeiras e compañeiros da Coruña que a CIG obtivo unha nova sentenza favorábel sobre a obriga da Xunta de Galiza de aboar a parte devengada da paga extra de xuño do ano 2013 (sí, a do 2013). Despois de dúas sentenzas no mesmo senso que llo recoñeceu ao persoal docente, esta nova sentenza recoñece para o persoal funcionario da Administración xeral a obriga da Xunta de pagar a parte devengada no ano 2013 e que foi, como se demostra, ilegalmente retida pola Administración galega con carácter retroactivo.

Esta nova sentenza vén sumarse a outras que gañara tamén a asesoría da CIG sobre a paga extra do ano 2012 que sumadas a outras obtidas no resto do Estado obrigaron tanto ao goberno central como á Xunta a rectificar e pagar o diñeiro do que se apoderaran ilegalmente no ano 2012, aínda que no caso galego estánolo devolendo a prazos.

Esta sentenza demostra que a Xunta de Galiza actúou co seu persoa cun comportamento absolutamente antixurídico, xa que o goberno galego era plenamente consciente de que a xustiza, que xa recoñecera en varias ocasións o dereito á percepción da parte devengada da paga do ano 2012, ía recoñecer o mesmo dereito para a correspondente ao ano 2013.

A CIG xa reclamou na Mesa Xeral de negociación á Xunta para que pagase a parte da extra de xuño do ano 2013, á vista das sentenzas que houbera polo caso, exactamente igual, da extra do 2012. Porén o goberno galego xa desde que se coñeceron as primeiras sentenzas fixo caso omiso e non fai máis que mirar para outro lado presentando recursos de casación para paralizar o maior tempo posíbel o pagamento a través da extensión de sentenza, aínda que saben perfectamente que ao final terán que pagar. Porén, as reclamacións individuais en vía xudicial non se vén afectadas por este recurso de casación nin por estas paralizacións. Reclama o que é teu (se queres): parte devengada da paga extra de 2013

A actitude obstrucionista da Xunta supón unha pésima xestión deste asunto pois supón un gasto innecesario para as arcas públicas, xa que a condea ao pagamento do diñeiro que lles deben aos traballadores vai ligada ao pagamento dos xuros desde o momento en que debeu ser pagada até o momento do pagamento final e máis as costas xudiciais, polo que a factura total será moito maior para as arcas públicas.

Desde a CIG instamos á Consellaría de Facenda e ao presidente da Xunta para que fagan fronte ás súas obrigas e lles paguen a todos as súas traballadoras e traballadores esta débeda que unha vez máis é recoñecida polos tribunais de Xustiza.

Descargar formato CIG-Informa

Ningún comentario:

Publicar un comentario