Actualmente na Xunta de Galiza as súas traballadoras e traballadores públicos coñecemos ben o "dedismo" non só en canto a sistema de promoción profesional e mobilidade, senón tamén de ingreso na Administración polas portas de atrás (que agora xa case son as de diante con relación aos procesos selectivos que se convocan). Por se o actual xa non fora suficiente, a Lei de Emprego Público vén a consolidar o "dedazo" como principio inspirador do que é o funcionamento da Administración autonómica.
Actualmente sabíamos que cada vez ía habendo máis libres designacións en relación aos postos por concurso, que os concursos non son permamentes nin regulares, que se agochan postos, e que as comisións de servizo pasan do tempo máximo regulamentado, fanse cadeas e se dan sen atender a criterios obxectivos; tamén temos o caso das integracións e dos enchufes a traves de empresas.
Coa Lei de Emprego Público, crease a figura do persoal directivo onde poden meter xente da empresa privada con boas remuneracións, consolídanse os concursos específicos como unha sorte de libres desingacións encubertas e aínda por riba establece un sistema de avaliación do rendemento completamente subxectivo do que dependerá a permanencia no posto e as nosas retribucións.
A potenciación do dedo na nosa Administración non vai facer máis que poñer outra alfombra vermella máis grande aínda para favorecer a corrupción pois socava a independencia e profesionalidade do persoal público. Así pois, teñen novos elementos cos que aumentar o control político e se perde a tan necesaria independencia nunha Administración pública que debe estar ao único servizo da cidadanía.
Recomendámosvos o boletín sindical que este mes sacaron as compañeiras e compañeiros de Pontevedra-Vigo centrado maioritariamente no análise dos cambios que esta lei vai provocar no noso día a día, nos nosos dereitos. Tamén podedes atopar un interesante artigo sobre o abuso das comisións de servizo nos postos de LD onde tamén hai comsións cruzadas a tutiplén.
Ningún comentario:
Publicar un comentario