Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

luns, 6 de xullo de 2015

A Xunta de Persoal solicita que non se permita o abuso do bloqueo de xefaturas de sección no concurso a quen non vaia realmente a ocupalos

A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais vén de dirixirse ao director xeral de Función Pública para que tome medidas antes de que se resolve o concurso ante o máis que probable bloqueo de xefaturas de sección no concurso de traslados en activo.

Ao xa habitual de obter unha sección á que finalmente non se toma posesión efecitva por unha comisión de servizos noutro, únese desta volta a casuística da disposición transitoria terceira de lei de emprego público que reserva o posto obtido por concurso ao persoal directivo. Todo isto porque non existe prazo mínimo obrigatorio para permanecer no posto obtido por concurso se se cambia nunha comisión de servizos, nunha LD ou nun nomeamento como persoal directivo.
No DOG de 20 de maio publicouse a convocatoria do concurso de traslados de Administración xeral. Posteriormente, o día 24 de maio entraba en vigor a Lei 2/2015, de Emprego Público de Galicia.

Nesta lei, na súa disposición transitoria 3ª establece que terán a consideración de persoal directivo as vicesecretarías xerais, as subdireccións xerais, as secretarías territoriais e as xefaturas territoriais. Tamén establece que as persoas que estean a desempeñar eses postos coa entrada en vigor da lei, continuarán desempeñándoos. Por último, faise unha reserva do posto obtido por concurso para as persoas que con posterioridade á entrada en vigor da lei acceda a estes postos directivos.

Se nos atemos ao teor literal da lei, esta fala do persoal nomeado con posterioridade á entrada en vigor da lei. Ou sexa, que o persoal directivo que xa esta nomeado no seu posto non ten reserva algunha de posto pois xa estaban en servizo activo nun posto con carácter permanente.

O problema vén no caso do persoal que concursou desde esta situación e obteña un posto, de carácter definitivo e irrenunciable consonte a normativa. Desde este posto estaría en disposición legal de volver a concorrer ao posto directivo desde o que concursou, primeiro en comisión de servizos e logo a través da convocatoria da libre designación, sen existir un prazo mínimo obrigatorio para permanecer no posto que obteña no concurso. Neste caso concreto, ademais, a persoa tería reservado o posto por ser de aplicación a disposición transitoria 3ª da Lei de Emprego Público.

Esta casuística é completamente legal pero resultaría un abuso desta transitoria terceira que non estaba pensada para eses casos pero que os ampararía: 1) porque non existe un tempo mínimo de permanencia no posto obtido por concurso para obtar a un comisión de servizos ou libre designación e 2) porque non existe ninguna norma que impida volver de xeito case inmedito exactamente ao mesmo posto desde o que se concursou.

Esta circunstancia xa creou unha problemática importante no anterior concurso de traslados de Administración xeral co persoal que concursaba desde postos de libre designación sen vontade real de permanecer no posto obtido por concurso.

Estas situacións crearían anomalías no resultado final do concurso xerando unha bolsa de comisións de servizo encadeadas para cuxa concesión non interveñen criterios obxectivos. Crearíase así un “mercado negro” de comisións que deturparía o sentido último do concurso e resultaría inaceptable no momento actual, nos que, máis que nunca, a transparencia, eficiencia e bo goberno deberían ser un imperativo no exercicio da autoridade pública

Dirixímonos a vostede no nome do persoal funcionario dos Servizos Centrais, por acordo unánime do Pleno deste órgano reunido o 16 de xuño, para evitar un abuso tanto desta disposición transitoria como do uso das comisións de servizo posteriores para volver ao mesmo posto obtido por libre designación sen un límite mínimo de permanencia no posto. Do mesmo xeito, solicitamos que non se permitan a autorización das comisións de servizo cruzadas. O contrario constituiría unha burla ao persoal que leva anos no seu posto por concurso esperando un cambio de posto e/ou mellora do seu nivel retributivo.

Así pois instámolo a ditar as instrucións e normativa escrita precisa para poñerlle remedio eficaz a estas posibles situacións antes de que sucedan, como xa sucederon en anos anteriores, tendo en conta, ademais, o agravamento que se pode dar neste concurso coa entrada en vigor da lei de emprego público e a súa disposición transitoria terceira.

En caso de non obter unha resposta satisfactoria reservámonos o dereito das denuncias públicas pertinentes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario