luns, 25 de abril de 2016

Mesa Xeral 22 de abril: protocolo de prevención do acoso laboral e modificación puntual do Decreto de listas de substitución

Na Mesa Xeral do 22 de abril levouse o definitivo protocolo de prevención do acoso laboral e unha modificación puntual do decreto de listas de substitución, ambos temas que levaban xa anos dando voltas polos caixóns e as mesas da Xunta.

Protocolo para a prevención do acoso laboral
A CIG foi o único sindicato que criticou a falla de interese demostrado pola Administración durante case ano e medio  en relación a este documento.

A realidade é que durante moito tempo todo foron atrancos ás propostas sindicais, co argumento de que a asesoría xurídica informaba negativamente.

Finalmente os avances fundamentais déronse nos últimos dous meses, co recoñecemento por parte da Secretaria Xeral de Presidencia da súa nula implicación neste proceso negociador ata o final.

Sospeitando que queren aproveitar mediaticamente o acordo nun tema tan sensible como a prevención do acoso no traballo, recoñecemos que finalmente acadouse a unanimidade na redacción do documento final, que reflicte case a totalidade das alegacións que temos presentado.

Solicitamos ademais que nos prazos establecidos no citado protocolo se constitúa o comité de intervención e se imparta a formación ás persoas que o constitúan.


Proxecto de decreto que modifica o Decreto 37/2006, que regula as contratacións temporais das prazas de persoal funcionario e laboral da Xunta de Galicia


Presentan unha nova modificación importante no borrador do decreto, que fora alegada pola CIG. Co cal manifestamos que apoiamos o texto, tendo en conta que as modificacións que propoñen melloran considerablemente o texto actual, aínda que botamos en falta outra reunión de negociación previa á mesa. Asimesmo, tendo en conta que cremos necesario unha revisión máis profunda do decreto, o noso apoio tamén vai vencellado ao compromiso de que nunha data próxima nos convoquen para a negociación do decreto na súa totalidade.

A alegación aceptada refírese ao Artigo 18 (penalización) no apartado c) que coa modificación quedaría redactado do seguinte xeito:

A renuncia a unha praza reservada a persoal laboral con xornada igual ou inferior á metade da xornada ordinaria ou dunha praza de carácter descontinuo cun período de actividade igual ou inferior a seis meses, unha vez prestados seis meses de servizos activos nelas ao ano,  transcorridos dende a formalización do contrato.
Establécese un prazo obrigatorio de preaviso ao servizo de persoal correspondente de vinte días naturais.

Con esta modificación entendemos que queda solucionada a situación daquelas persoas fixas-discontínuas que traballan 3 meses no ano, e para cumprir os 6 meses que se ían requirir para a renuncia á praza terían que esperar 2 anos.

Polo demais Función Pública informa que haberá unha reunión máis antes de ir á comisión, e que pode haber algunha modificación máis. A convocatoria será enviada nesta semana ou na seguinte.

Novas relacionadas:

Ningún comentario:

Publicar un comentario