Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 30 de marzo de 2017

A CIG-Área Pública rexeita un 'Acordo para a mellora do emprego público' que avala a súa destrución

Cre “impresentábel” que CCOO, UGT e CSIF renuncien a recuperar efectivos, dereitos e salarios


CIG-Administración, CIG-Ensino e CIG-Saúde rexeitaron, en rolda de prensa, o acordo asinado este mércores, antes mesmo da celebración da Mesa Xeral das Administracións Públicas, por CCOO, UGT e CSIF. Denuncian que “é unha renuncia a recuperar todo o emprego público perdido durante todos estes anos” e que non contempla tampouco a recuperación nin dos dereitos laborais suprimidos, nin das condicións salariais recortadas. Lonxe disto, denuncian que se lle dá un aval ao Partido Popular para que utilice ao persoal das administracións públicas como arma para que se lle aproben os orzamentos de 2017.

“O contido deste documento non contempla a creación de emprego público en ningunha das administracións, non leva parello dotación económica, nin abre a vía para que se derroguen ou modifiquen os decretos lei que nos impuxeron ao longo destes anos e que impedían dotar as administracións públicas dos recursos humanos que precisan”.

Esta foi, segundo explicou a portavoz da Área Pública da CIG, Maricarme López Santamariña, unha das principais causas polas que a central sindical acordou non asinar este “Acordo para a Mellora do Emprego Público” que, en realidade non mellora o emprego público.


Non mellora o emprego público


De feito, as condicións salariais e os dereitos perdidos por mor da imposición de sucesivos decretos leis -que comezaron xa no ano 2010, con Zapatero, cun recorte do 5% nos salarios- se manteñen. “Non se fala da recuperación do poder adquisitivo perdido, de arredor dun 30% nestes anos, nin da recuperación dos fondos de acción social, nin da volta á xornada laboral que tiñamos establecida nas administracións ou da recuperación do complemento do 100% en caso de IT. Non se fala de nada de nada”, denunciaba López Santamariña.

Fronte a un acordo que a CIG-Área Pública entende que é tamén “unha renuncia a poder recuperar todo o que nos foron roubando e vai imposibilitar a reposición de efectivos nas administracións”, reclama a recuperación de dereitos, de servizos públicos e a dotación de cadros de persoal estruturais que permitan recuperar os servizos esenciais.

Lembra ademais que nin sequera se eliminan, como a CIG demandaba,  as taxas de reposición, que se manteñen e que serán dun 50% para a administración xeral e dun 100% para os servizos que se consideran esenciais.

Cumprimento das sentenzas europeas


A Área Pública da CIG considera que porén, do que se trata con este documento é de solucionar un problema que ten o Estado español e todas as administracións públicas: comunidades autónomas, concellos, universidades… por mor da precariedade campante en todos os seus servizos.

Unha precariedade da que López Santamariña responsabilizou “á política destrutiva” do PP e que afecta a entre un 30 e un 40% do seu cadro de persoal. “Agora, con este acordo, o goberno español poderá facer un lavado de cara acatando as sentenzas europeas coas que se lle chamaba a atención pola alta precariedade nas administracións públicas, por esta vía. Dáselle un balón de oxíxeno para regularizar os cadros de persoal, dotándoos de estabilidade nos postos de traballo nos que xa están”.

Incremento salarial do 1% que non compensa a perda do 30% de poder adquisitivo


Segundo se anunciou, prevese un incremento salarial do 1% para o persoal das administracións públicas, cando se calcula que desde  2010 perdeu arredor dun 30% nestes anos nos que, aos recortes salariais ou das pagas extra, hai que engadir as sucesivas subas do IPC que non se lles aplicaron. “É como rirse de nós”, afirmou a portavoz da Área Pública da CIG.

Falta de profesorado e con menos dereitos no ensino público


O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, foi especialmente contundente no seu rexeitamento deste acordo que xunto coa CIG tampouco asinou o sindicato vasco ELA. Denunciou que “é totalmente impresentábel, totalmente inaceptábel, que haxa organizacións sindicais que estean en disposición de asinalo”.

Lembrou que durante estes anos no ensino público, en Galiza, se perderon arredor de 3.000 profesores/as e que con este acordo “non se restitúe nin un deses”, porque o único que di “é que imos continuar co cadro de persoal que tiñamos até o de agora”.

Por iso afirmou que UGT, CCOO e CSIF asinaron a “acta de defunción” da reivindicación da restitución dos dereitos laborais e salariais do profesorado e do conxunto de empregados/as públicos/as e tamén da restitución do persoal que se perdeu durante estes anos. E xunto a isto considerou que estas organizacións sindicais “queren esquecer todo o que nos arrebataron” e avalan ademais “o empeoramento dos servizos públicos” e ao goberno do PP “para aprobar os orzamentos”.

Subliñou que non se trata xa de pedir melloras, senón de exixir a restitución deses dereitos “liquidados”. Por iso afirmou que “un sente vergonza allea de que haxa organizacións sindicais que din que representan á clase traballadora pero logo están dispostas a asinar un acordo como este, no que para o Ensino só contempla unha taxa de reposición do 100% que xa tiñamos”.

Falta de persoal na sanidade pública


Pola súa banda Susana Méndez, da Executiva da CIG-Saúde, considerou que estamos diante dunha acordo que non é máis que unha declaración de intencións, que non recolle concrecións, que mantén tamén para a Sanidade unha taxa de reposición do 100%, pero que “impide que se recuperen as máis de 2.500 prazas que se perderon desde o ano 2010”.

Méndez afirmou que esa recuperación de prazas é esencial para a sanidade pública galega porque “a inestabilidade e o aumento da carga de traballo supoñen unha diminución da calidade da prestación do servizo sanitario”.

Ademais denunciou que no referido a temporalidade, este acordo non pasa de frases vagas como analizar a porcentaxe de interinidade e outras cuestións, pero sen recoller datos concretos. “Serve só de carta branca ao goberno, sen aportar ningunha mellora para a sanidade pública ou para o persoal que a sostén”.

Así as cousas, agardou que na Mesa sectorial do SERGAS si se dea maior concreción “para rematar coa precariedade e temporalidade que afecta á sanidade pública e para recuperar esas 3.500 prazas que se perderon” a fin de garantir a prestación da asistencia sanitaria nunhas condicións dignas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario