Publicación destacada

O Radón na Xunta ou como obter boletos para un cancro de pulmón

martes, 28 de marzo de 2017

Lei de Orzamentos do estado español 2017: posición da CIG ao respecto das propostas feitas polo Goberno

Suba do 1% nas retribucións, taxas de reposición do 100% en sectores prioritarios e  plan de estabilización de emprego son as medidas estrela do Goberno. Dada a situación, maniféstanse claramente insuficientes para a CIG.


Nestes últimos días asistimos a unha serie de informacións (tanto en prensa como en notas informativas) relativas ás propostas que se estaban a debater nos grupos de traballo da Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, Ministerio de Facenda e Función Pública, e que fan referencia a distintas materias a incluír no Anteproxecto de Lei de Orzamentos do Estado que aprobará o Consello de Ministros a finais deste mes de marzo; e que teñen que ver co Emprego Público, o Incremento Retributivo e a posible Recuperación de Dereitos laborais.

Para o próximo día 29-03-2017 está anunciada xuntanza da Mesa de Negociación das Administracións Públicas dende CIG-Área Pública manifestamos o seguinte:

En primeiro lugar é imprescindible derogar moitos dos Reales Decretos-Lei que se nos veñen impoñendo ao persoal das administracións públicas  dendo o ano 2010, entre outros: RD-Lei 8/2010, polo que se adoptan medidas extraordinarias para a redución do déficit público; RD-Lei 20/2011, de medidas urxentes en materia orzamentaria e tributaria  para a corrección do déficit público, RD-Lei 20/2012, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade  e todos aqueles Decretos-Leis e Leis que  foron impostos polo goberno español relativos a reformas laborais, reforma negociación colectiva, modificacións das pensións... etc.  e proceder a  restitución de todos os dereitos laborais e salariais (horarios, pagas extras, salarios, 100%  do salario en situación de IT, fondo social...) que lle foron arrebatados ao persoal empregado público desde o ano 2010.   Para CIG-Área Pública este tiña que ser o punto de partida para falar realmente de unha negociación e poder chegar a acordos coa Administración.

Non se poden separar emprego público e redución do emprego temporal do contido que terá o proxecto de Lei de Presupostos Xerais do Estado  para o ano 2017 en canto a condicións laborais, económicas  e demáis do persoal das Admóns Públicas. Ambas cousas van unidas.

Os contidos da Mesa Xeral


En materia de Emprego Público anúnciase unha mellora nas condicións da Oferta de Emprego, pola vía de ampliar os sectores prioritarios que terán unha reposición de efectivos do 100%, ademais incluirase un plan de estabilización de emprego, que permita a redución das altísimas taxas de temporalidade existentes na actualidade.
Estas medidas, con ser necesarias e consideralas un avance, non solucionan o problema de falta de persoal nin deteñen a dinámica de destrución de emprego público imposto como consecuencia dos plans de redución de gasto; en todo caso estase a falar de postos de traballo que xa están ocupados na actualidade, nuns casos por persoal temporal ou interino, que se incluirán no plan de estabilización e noutros casos de postos ocupados por persoal fixo que, naqueles sectores considerados prioritarios, substituirase por persoal de novo ingreso nos supostos de xubilación.

Continúase coas limitacións normativas impostas as Admóns Públicas  que ao impedir o incremento da masa salarial , asi como limitar a incorporación de efectivos terán unha vez máis unha directa repercusión sobre a xestión dos recursos humáns. Esa taxa xeral de reposición do 50% para o resto dos sectores que non se consideran prioritarios , e ese 100% para os esenciais xa determina que a  situación vai a ser de diminución de efectivos nas administracións públicas.  Polo tanto, consideramos dende a CIG que non se debe de impoñer taxa de reposición , máxime cando durante estes últimos  anos se produciron taxas reducidas con consecuencias nefastas para os cadros de persoal e para a calidade dos servizos públicos. Solicitamos tamén a transferencia ás CCAA de todo o relativo á  materia de emprego público dentro do seu ámbito. Debe de corresponderlle ás CCAA a planificación e ordenación das súas ofertas de emprego público.

Os procesos de estabilización de emprego deben de ser negociados nos seus respectivos ámbitos, (saúde, ensino, xutiza, concellos, ....)  incluíndo o sistema de acceso.


En materia retributiva, proponse un incremento do 1% do conxunto das retribucións que suporá abondar na rebaixa salarial e a perda de poder adquisitivo iniciada no ano 2010.
Nin que dicir ten que esta medida é inaceptable nun contexto de incremento de prezos e produto interior bruto por enriba do 3%.


En canto a recuperación de dereitos, nada de nada; nin os que teñen que ver cos descontos por Incapacidade Temporal, nin os recortes nos fondos de Acción Social, nin a actualización dos importes das pagas extraordinarias, nin a reposición dos efectivos perdidos durante os anos de ausencia de oferta de emprego.


Outros compromisos anunciados serán o de abrir procesos de negociación para tratar materias relativas a Igualdade e Violencia de Xénero, Mutualismo Administrativo, Implantación Administración Dixital e Formación; para tratar todas estas materias xa temos mesas de negociación que, durante a anterior lexislatura, estiveron en parálise permanente xa que, a pesares das demandas sindicais, o Goberno español negouse a negociar calquera medida.


Analizado o conxunto das propostas, somos da opinión de que, a pesares da anunciada melloría da situación económica no Estado, non se reverte a dinámica dos últimos anos, na que se estivo recortando en dereitos e condicións de traballo do persoal ao servizo das Administracións Públicas para os axustes de gasto que reduzan o déficit orzamentario; e tendo remitido dende CIG-Área Pública propostas de cara a recuperación de emprego público así como para recuperación de dereitos laborais e sociais para o persoal ao servizo das Administracións Públicas que non foron tidas en conta en ningún momento, é polo que non podemos dar a nosa aprobación a estas medidas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario