Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 23 de marzo de 2017

Unha inspeción de Servizos Sociais detecta sobreocupación nunha residencia da terceira idade

Cousiñas das privatizacións...

A Garda Civil atopa cinco maiores agochados nun galpón do centro propiedade de Lucía Pedroso, presidenta da Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra.


A CIG-Servizos de Pontevedra denunciou hoxe publicamente as irregularidades detectadas na residencia da terceira idade Mi Casa, en Pazos de Borbén, durante unha inspección da Consellaría de Política Social. No centro, propiedade da presidenta provincial da Asociación de Jóvenes Empresarios, Lucía Pedroso Suárez, a Garda Civil -que se desprazou até o lugar a instancias da inspectora autonómica- constatou a presenza de cinco maiores agochados durante horas primeiro na lavandería e logo nun galpón.

A secretaria comarcal da CIG-Servizos de Pontevedra, Diana Rodríguez, compareceu xunto ao responsábel de Negociación Colectiva da federación, Pedro Pérez, para denunciar publicamente o sucedido o pasado venres durante unha inspección ordinaria de Política Social a unha residencia situada na parroquia de Amoedo, no concello de Pazos de Borbén.

Os representantes sindicais explicaron que cando a inspectora da Xunta accedeu ao centro Mi Casa, cuxa propietaria e directora é Lucía Pedroso, presidenta da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Pontevedra, “tivemos coñecemento de que cinco persoas maiores foron agochadas no interior da lavandería para que a inspección non detectara que a residencia ten usuarios/as de máis”.

Entón deciden darlle aviso á inspectora, que se achegou até a zona de lavandería para comprobar este extremo. “Alí atópase a porta pechada e pide que lla abran, negándose en todo momento a responsábel da residencia aducindo que o cuarto está en obras”. A inspectora insiste e volven prohibirlle o acceso, polo que ameaza con chamar a Garda Civil. “Dinlle que faga o que queira, e cando se ausenta un momento para comunicarlle ao departamento autonómico que non lle permiten entrar no cuarto aproveitan para cambiar os maiores de sitio”.

Mais o lugar escollido para agochalos é aínda peor: un galpón que se atopa na parte traseira do inmoble. Trátase dun habitáculo duns dous metros de alto con tellado de uralita no que os cinco usuarios/as da residencia son confinados/as xunto a unha auxiliar. “Coñecedores/as do cambio, avisamos de novo á inspectora, que se achega até o galpón e pide que lle abran a porta, ao que se volven negar alegando que dentro non hai nada, a pesar de que se escoitaban as voces das persoas que se atopaban no interior”. Nese momento decide chamar aos axentes.


A Garda Civil atopa os maiores


Non é ata que se presenta a Garda Civil que a responsábel da residencia accede a abrir a porta do galpón, atopándose os axentes cos cinco maiores e a auxiliar. “Estas persoas estiveron arredor de catro horas en condicións degradantes, primeiro na lavandería e logo no galpón a máis de 25 grados de temperatura, sen auga, sen a súa medicación e incluso sen cueiros”. Diante disto, dende a CIG-Servizos agardan que a Garda Civil traslade a acta que levantou por estes feitos á Fiscalía e ao Xulgado e que a Consellería “tome cartas no asunto, retirándolle incluso a licenza”.

Neste senso, lembran que se trata dunha residencia privada que ten un concerto público coa Xunta polo que pon 22 prazas a disposición do departamento autonómico. O centro conta en total con 58 prazas, mais no momento da inspección había un total de 63 usuarios/as. “Foi precisamente para ocultar esta sobreocupación polo que deciden agochar os cinco maiores, cando ao único que se enfrontarían no caso de que a inspección detectase o desfase sería a unha sanción administrativa”.

Pero agora as consecuencias para a propietaria do centro poden ser moito máis graves. “O que fixeron é moi degradante para os usuarios/as e non se pode permitir; ademais, estamos convencidos/as de que non é a primeira vez que sucede”. Con todo, agardan que os contactos políticos dos que presume Pedroso “non exerzan presións para evitar que caia sobre ela todo o peso da lei”.

Entenden que o sucedido é especialmente grave ao tratarse dun centro con prazas públicas e cuxa propietaria exerce como presidenta dunha asociación de empresarios/as. “Pensamos que ten que presentar a súa dimisión inmediatamente porque demostra que non ten moitos escrúpulos; de feito nin sequera puxo o incidente en coñecemento das familias dos usuarios/as do centro”. Máis ben ao contrario, tería ameazado ao persoal do centro con despedilos no caso de que falasen con alguén do sucedido. “O persoal da residencia vive un auténtico clima de terror laboral, con ameazas constantes para que non denuncian os incumprimentos en materia de condición de traballo”.

Finalmente sinalan que Lucía Pedroso, ademais de presidenta da AJE de Pontevedra é tamén vicepresidenta da Confederación Española de Jóvenes Empresarios (CEAJE) e vocal da patronal española COE. En canto á súa labor como empresaria, salientan que é propietaria da residencia Mi Casa e que xestiona as empresas Gerpesa Social, Saluvi, Diacopevi e Gerprodat, vinculadas ao sector dos centros de atención á terceira idade e de axuda a domicilio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario