Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

martes, 17 de decembro de 2019

Orzamentos: todo xenial nas nosas retribucións, dereitos e servizos públicos

Concentración en solitario da CIG hoxe diante do Parlamento coincindo co debate das contas para 2020. Para o resto de sindicatos da Función Pública, coma para o Goberno da Xunta, semella estar todo xenial: o recorte das pagas extras, a suspensión do artigo 19, a supresión dos moscosos adicionais, do FAS, a carreira profesional de merda, a falta de concursos permanentes, de promocións internais reais ou a falta de aplicación das 35h ou de medidas de conciliación que hai noutras Administracións. 

Nós non consideramos que o único camiño que nos queda é renunciar á nosa dignidade e aceptar as migallas que caen das mesas de "negociación". Delegados e delegadas da Área Pública da CIG (CIG-Administración, CIG-Ensino e CIG-Saúde) concentráronse este martes diante do Parlamento de Galiza, coincidindo co debate dos orzamentos para o ano 2020, para manifestar o seu rexeitamento a unhas contas que non contemplan nin a recuperación dos dereitos que en material salarial, laboral e social lles foron roubados, nin a recuperación dos servizos públicos que están sendo desmantelados por mor dos recortes impostos na última década.

“Son uns orzamentos continuistas que veñen afondar nos recortes, tanto salariais, porque non se procede a recuperar salarios, nin complementos, como en material de persoal, porque non se elimina a taxa de reposición, nin se frea o proceso de desmantelamento que están sufrindo os servizos públicos”. Así resumía a portavoz da Área Pública da CIG, María Carme López Santamariña, as razóns polas que as federacións da Área Pública, rexeitan os orzamentos previstos polo goberno de Feijóo para 2020.

Fronte ao mantemento dos recortes o que demandan é que se aprobe un Plan para negociar a débeda salarial contraída pola Xunta de Galiza cos recortes salariais, especialmente no complemento específico ou equivalente en anos atrás. “Non abonda con  restituír o complemento específico da extra senón que hai que devolver o roubado”, matizan.

Ademais exixen que se cree un complemento para restituír os soldos base e trienios da extra até o importe completo das mensualidades ordinarias. Isto xunto coa derrogación da lei 1/2012 de medidas na súa integridade, moi especialmente a suspensión do artigo 19 do V Convenio.

Con todo matizan que ao derrogar esa lei levántase a suspensión do Plus dos Altos Cargos, polo que a súa derrogación “debería implicar a derrogación expresa e definitiva dese privilexio” cuxos importes demandan que se destinen ao fondo de continxencia.

Canda isto demandan o establecemento da xornada de 35 horas, con carácter xeral, para todos e todas as empregadas públicas da Xunta de Galiza e os seus entes e que se “estenda a carreira profesional a aqueles que o Acordo de mellora quixo excluír, cos mesmos dereitos dende o 1 de xaneiro de 2019, especialmente a quen non optaron pola chantaxe da funcionarización, ao persoal interino e temporal e tamén ao persoal fixo e temporal dos entes, especialmente polo seu número ao do Consorcio de Igualdade e Benestar”.

De igual modo defenden que se establezan novos tramos reducidos para consolidar os graos I e II para os subgrupos A1 e A2 e I e II de laborais iguais ao do resto dos subgrupos, considerando que iso “tamén discriminatorio”, e a recuperación do Fondo de Acción Social.

Taxa de reposición

A Área Pública da CIG denuncia que este anteproxecto e o Acordo de Madrid seguen consolidando o recorte de emprego público ao manter a taxa de reposición. “Consideramos que se debe establecer a non existencia de taxa de reposición co fin de rematar coas graves carencias de persoal da Xunta de Galiza”.

Neste sentido sinalan que “non se debe estabelecer ningunha limitación, tal e como aparece no texto, nin nas causas nin nos ámbitos á hora de poder realizar contratacións de persoal temporal e interino sexa para postos vacantes, como para substitucións transitorias”.

Ler máis

Ningún comentario:

Publicar un comentario