Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 12 de decembro de 2019

CCOO e UGT lexitiman as políticas regresivas de Feixóo co acordo asinado na mesa de diálogo social

Avalan, non só as reformas laborais, senón tamén os recortes que se aplican a todos os niveis


Cando dúas organizacións sindicais como CCOO e UGT asinan co Partido Popular e a patronal un acordo para conservar o que temos -e cando o que temos é unha gravísima crise industrial, con 50.000 persoas menos traballando neste sector desde 2009; un medre da destrución de emprego; unha extensión da pobreza polas reformas laborais e das pensións e polos baixos salarios; un gravísimo problema de emigración da nosa mocidade, que se ve expulsada por falta de alternativas do futuro, ou recortes na sanidade pública, no ensino e en servizos sociais-, non só están lexitimando as demoledoras políticas antiobreiras e antigalegas do PP no goberno da Xunta, senón mesmo avalando a súa continuidade.

Así o considera o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen subliña que “conservando o que temos, CCOO e UGT renuncian ao que necesitamos, que é a recuperación dos dereitos e un plan de choque para crear emprego e industrialización en Galiza”. Por iso considera “unha labazada á clase traballadora e ao pobo galego” a fotografía que lle veñen de regalar ao PP a poucos meses das eleccións ao Parlamento galego. Unha imaxe coa que “selan a relación de complicidade co goberno de Feixóo” e coa que avalan tamén os orzamentos para 2020, nos que se manteñen as políticas de recorte que tanto dano teñen feito na última década.


Emenda á totalidade do documento


Carril cuestiona ademais os contidos do acordo asinado porque “representa moita literatura, poucas ou nulas medidas reais -algunhas de dubidosa legalidade-, con ridículas dotacións orzamentarias” e afirma que estas dúas organizacións sindicais “carecen de lexitimidade e credibilidade para defender ao conxunto das traballadoras e traballadores”.

En todo o relativo ás cláusulas sociais na contratación pública,o secretario xeral da CIG asegura que “dan a peor versión da aplicación da Lei de Contratos do Sector Público impedindo, dificultando e renunciando a introducir medidas que favorezan a reversión ao público de servizos concesionados polos que se está lucrando o sector privado”. Xunto a isto denuncia que “permite a licitación en lotes, poñendo así en perigo, a situación das traballadoras e traballadores en moitas das concesións actuais”.

Ademais, mentres a CIG está denunciando a explotación laboral das persoas que traballan nos Centros Especiais de Emprego (CEE), polas condicións laborais precarias que se lles imponen; demandando que se aplique o convenio de sector, tanto para os CEE con ánimo de lucro como sen ánimo de lucro e advertindo de que pedirá a súa descatalogación se non muda a situación, CCOO e UGT asinan neste acordo un chamado á utilización e fomento destes centros, “co que iso implica de discriminación e abuso das persoas con discapacidades”.

No referido ao apartado de “impulso para a transformación tecnolóxica da industria galega”, Carril afirma que se trata só “dunha acumulación de estudos sen prazos, sen contido reais, sen unha soa medida ante a crise industrial e ante as consecuencias que xa está tendo a chamada transición ecolóxica”.

Impulso de novas formas de explotación laboral


No relativo á industria 4.0, as organizacións sindicais, xunto coa patronal e o PP, fan un chamado a promover a utilización de plataformas dixitais para fomentar a internacionalización das PEMES. “O mundo ao revés”, sinala Carril, quen lembra que, fronte a isto, “na CIG temos diagnosticado que as plataformas dixitais e as novas realidades derivadas da industria 4.0 están a xerar novas formas de explotación laboral e de precariedade”. Por iso denuncia que “CCOO e UGT, no canto de enfrontalas e combatelas, o que fan é asumilas e fomentalas”.

O secretario xeral da CIG denuncia tamén a “incapacidade total de elaborar unha axenda galega”, entendendo que “de galega só ten o nome”. Neste sentido lembra que “somos o territorio onde está habendo maior caída de produción industrial, onde hai unha Lei de Fomento Empresarial que ten resultado ser un fracaso” e que o propio Consello Económico e Social “ten emendado a política económica e industrial da Xunta no documento Por unha alianza no sector industrial galego. 50 medidas”. Por iso cualifica de “despropósito” que “nin sequera teñan en conta a necesidade de reverter as materias primas e a enerxía ao servizo do desendolvemento industrial de Galiza”.

Ademais rexeita a “submisión absoluta ás actuacións insuficientes e inxustas que o goberno do Estado español ten en marcha e que están provocando unha situación dramática coa aplicación do calendario de descarbonización”, tal e como se recolle no apartado relativo a esta cuestión no documento do acordo. Nese sentido denuncia que os asinantes “desisten de que Galiza teña calquera caste de protagonismo ante a situación específica que padecemos, ou a ter unha planificación propia para adoptar as medidas necesarias para que esa descarbonización non sexa dramática para as traballadoras e traballadores das empresas atinxidas, para a economía e o emprego das comarcas afectadas e para todo o país”.

Xunto a isto, denuncia a ridícula dotación orzamentaria que se destina á suposta estratexia de reindustrialización nas comarcas afectadas polo peche das centrais térmicas de carbón. “Suposta porque non din nada máis, nin fixan prazos, nin establecen medias paliativas para xa, porque é agora cando xa se están vendo afectadas”, sinala o secretario xeral.

Canda isto, Carril apunta que, mentres a CIG xa ten demandado, entre outras medidas, que se inclúa a Galiza no Plan de Acción urxente para países do carbón e centrais pechadas 2019-2020 “eles nin sequera contemplan que se garante a inclusión de Galiza na estratexia de transición baixo as mesmas condicións e cos mesmo dereitos doutros territorios do estado español”.

“Bochornoso” en materia de igualdade


Para o secretario xeral da CIG resulta “bochornoso” que dediquen todo un apartado, baixo o nome de 'Igualdade de Oportunidades', a recoller iniciativas ou programas que xa existen, que forman parte da normativa e sobre as que, polo tanto, este pacto non achega nada novo.

Neste sentido denuncia que a meirande parte das medidas van dirixidas a financiar gabinetes técnicos de asesoramento, elaboración de guías de plans de igualdade, e accións formativas nesta materia, nunha área na que a patronal e as centrais sindicais asinantes do documento deberan estar a realizar ese tipo de accións con fondos propios, tal e como fai a CIG desde hai quince anos. “Máis tendo en conta que se consignan a este apartado un total de 400.000 euros cando a Unidade Administrativa de Igualdade da Xunta non ten orzamento suficiente para desenvolver o seu traballo”.

E denuncia tamén que o acordo de formación en igualdade ten o mesmo contido que as accións formativas que se desenvolven no marco do Consello Galego de Relacións Laborais, sinalando que a única novidade radica en unificar o procedemento de certificación dun plan de igualdade e o da Marca Galega de Excelencia en Igualdade nun novo distintivo autonómico galego, para o cal dedican 50.000€. “É indignante que se dedique esa contía económica a premiar ás empresas por cumprir a lexislación”, di.

Respecto do Acordo sobre ferramentas para a promoción, medición e mellora da igualdade laboral e de oportunidades, considera que dedicar 90.000€ para a creación dun portal web “é un derroche de cartos, que poderían aforrar, actualizando os materiais xa dispoñíbeis ao novo marco legal”. Por iso intúe que “o obxectivo do acordo non é avanzar nunha Galiza máis igualitaria e sostíbel, senón financiar a actividade de CCOO, UGT e a patronal, dándolle os parabéns a quen ten a responsabilidade de levar a cabo políticas públicas para conseguir o mesmo fin”.

Políticas activas de desemprego


No relativo a políticas activas de emprego, o documento asinado non contempla, segundo valora o secretario xeral da CIG, nin unha soa medida real que reverta a situación das persoas paradas de longa duración. “O único que se introducen son cuestións referidas a análise da situación ou incorporación a un programa. Unha trapallada tendo en conta, ademais, a lamentable dotación orzamentaria que lle dedican a esta cuestión”.

As axudas a empresas para contratación de remudistas -contratos relevo- significa, para Carril, “recoñecer a discriminación da actual lexislación e fomentar a consolidación da mesma, ademais de instalarse, con carácter xeral, na lóxica do financiamento público das empresas de forma alegre a sen garantías reais, limitando ademais os colectivos que puideran ser beneficiarios”.

En relación ás axudas para favorecer o mantemento do emprego ante flutuacións económicas, ademais de afondar no anterior, significa, para Carril “fomentar e facilitar os despedimentos de traballadoras e traballadores en empresas e medidas de destrución de emprego, facilitando os EREs e os ERTEs e as reducións de xornada con axudas públicas que son miserábeis, que xeran problemáticas fiscais e seguen instalados na lóxica de dar cartos ás empresas”.

É, para o secretario xeral da CIG, en conxunto, “asumir a reforma laboral e definir máis medidas para destruír emprego que para crealo”.

Apropiación indebida do AGA


Para Paulo Carril, con este acordo non se crea “absolutamente nada novo”. Hai cuestións que se derivan a organismos de nova creación que son de “dubidosa legalidade” e vaise aínda máis lonxe apropiándose, “de forma indebida e irrespetuosa de acordos como o asinado conxuntamente, o pasado 28 de novembro, relativo ao financiamento e a posta en marcha do servizo de mediación e arbitraxe de procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo individuais (AGA), usurpando e desprazando ao Consello Galego de Relacións Laborais que é o organismo no que se aprobou”.

Así as cousas o secretario xeral da CIG subliña que “non acreditamos no chamado diálogo social como solución á situación na que se atopa Galiza” porque entende que “é unha expresión simplificada e anuladora das necesarias relacións institucionais”, que se utiliza de forma “perversa” coa intención de “transmitir ao conxunto da sociedade falsas expectativas de solución aos problemas que causan as nefastas políticas que este mesmo Goberno aproba”.

Con este novo acordo “UGT e CCOO asumen a súa submisión ao PP e á patronal, abandonando e traizoando a defensa dos intereses da clase traballadora e do pobo galego”, conclúe Carril.

Ningún comentario:

Publicar un comentario