Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

luns, 19 de outubro de 2020

A proposta de teletraballo da Xunta: "unha merda pinchada nun pau"

Desde a CIG denunciamos que a Xunta reduce as xornadas para acollerse a esta modalidade e dificulta a conciliación familiar e laboral.

Desde a CIG amosamos o noso rexeitamento ao borrador de acordo sobre o teletraballo no emprego público remitido pola Xunta ao entender que supón un retroceso en dereitos con respecto á actual regulación. Entre outras cousas, a proposta reduce as xornadas para acollerse a esta modalidade e dificulta a conciliación laboral e familiar ao eliminar a flexibilización horaria. 

Este documento proposto pola Administración demostra que desconfía do teletraballo como sistema eficaz de organización e que tampouco ten interese en organizalo; é mellor ter a xente nas mesas (tamén na casa) agardando a recibir ordes, sen planificar nin facer un verdadeiro traballo por obxectivos. A Xunta está a quedar con esta proposta como o antivacinas ou o anti 5G do teletraballo, con medos infundados e pouca capacidade organizativa.

O borrador feito público o venres pola Administración non cumpre as expectativas do persoal público xa que nalgunhas cuestións supón un retroceso con respecto á regulación de 2013. En concreto, no que ten que ver coa redución das xornadas máximas para teletraballar ou coa eliminación da flexibilización horaria, establecendo incluso limitacións que non se basean na tipoloxía do traballo que se realiza nas unidades.

As organizacións sindicais con representación na mesa xeral de empregados/as públicos/as recibimos o venres un borrador de acordo que presaxiaba unha mellor regulación do teletraballo tras varios meses agardando por unha proposta que substituíse a actual normativa, do 2013, que quedou raquítica e obsoleta, alá por cando a Administración dixital aínda estaba en cueiros.

Para a CIG, coa experiencia deste ano quedou claro que o teletraballo é unha ferramenta fundamental para a prestación dos servizos públicos que evitou o peche dos mesmos e demostrou que os servizos de carácter administrativo puideron seguir funcionando con normalidade e con altos índices de eficiencia durante a crise da covid.

Pero lonxe de aprender desta experiencia, a Xunta presenta un borrador de acordo sobre o teletraballo con demasiadas eivas e limitacións; algunhas delas moi graves, que empeoran con respecto á regulación actual de teletraballo ordinario (previo á crise do coronavirus).


Exclusión de corpos, escalas e colectivos

Consideran que se ben a nova regulación do teletraballo parece configurar un sistema máis amplo en canto ao persoal que pode recorrer a esta modalidade, establece un sistema de limitacións que debera ser máis flexíbel (exclúe colectivos completos, nos que parte dos seus efectivos fan todo ou parte do traballo de carácter administrativo).

Esta exclusión de corpos e escalas completas é máis cómoda para a Xunta que determinar que postos de traballo concretos poden acollerse ao teletraballo ou non. A modo de exemplo: nun instituto de ensino secundario onde hai tres ou catro auxiliares administrativos/as, por que se exclúe a este persoal do teletraballo?.


Flexibilización por conciliación

No relativo á conxugación do teletraballo con medidas de flexibilización horaria por conciliación xa existentes, supón un retroceso ao restrinxir esta flexibilidade ás franxas da ordinaria (de 9 a 14:30 horas como período obrigatorio de conexión), o que supón dinamitar a flexibilización horaria por coidado de crianzas menores ou maiores a cargo e impedir que o persoal que xa o teña autorizado poida acollerse ao teletraballo. Se se traballa por obxectivos, trabállase por obxectivos, non ten sentido a presenza obrigada nesta modalidade.


Concursos e promoción interna

Outra limitación absurda establecida neste borrador é a de esixir dous anos de servizo no posto de traballo para o que se solicita o teletraballo. Isto parece significar que ou ben a Xunta non quere teletraballo ou non quere mobilidade, nin concursos, nin promocións internas, porque quen se mova non vai saír na foto do teletraballo. Cando for en marzo demostrou que o dos 2 anos de servizo no posto resultou ser un requisito innecesario.


Redución das xornadas

Restrínxense as xornadas que se poden prestar nesta modalidade en relación á regulación actual, pasando a ser a metade das xornadas semanais mensuais, o que reduciría en cómputo semanal as xornadas de 3 a 2,5.

O 40%, presente

Outra limitación arbitraria, recurso da indolencia intelectual da Xunta, é a de fixar como “café para todos/as” unha porcentaxe de presencia dos efectivos de cada unidade administrativa. É o camiño máis cómodo en vez de analizar as necesidades de presenza do persoal en cada unha das unidades. Non ten sentido con carácter xeral.


Día do contaxio

Establécese que un día de cada semana todo o cadro de persoal da unidade preste servizos de forma presencial simultaneamente. Se ben nunha situación de normalidade isto pode ser aceptábel para celebrar o "día do pincho", na situación actual non parece unha grande idea e pasaría a ser chamado o "día do contaxio". De novo, non ten sentido con carácter xeral e faise para suplir a análise organizativa de cada centro.


Lentitude e discrecionalidade coas solicitudes

Para as solicitudes presentadas este ano, e que estean en trámite á entrada en vigor deste acordo, a Administración amplía outros tres meses o prazo para resolver o que non foi quen de resolver até o de agora, polo que haberá persoas que teñan que agardar até seis meses para poder teletraballar. A nova proposta elimina os informes da Función Pública e Avaliación pero segue sendo demasiado discrecional en determinar os postos que poden ou non ser desenvoltos en réxime de teletraballo (estes deberán constar nas RPTs) e queda ao que diga a persoa titular de cada centro directivo (que co novo borrador sería quen resolve).


Medios propios

No caso de non utilizar medios propios hai que esperar a que AMTEGA os facilite. A pesar do que di a nova modificación do EBEP, a Xunta establece que a obrigatoriedade de facilitar os medios non vai ser efectiva até que transcorra un ano dende a entrada en vigor, o que supón que se a persoa non ten os medios non poderá teletraballar. Eficiencia e axilidade soan a chinés. Cando outras Administracións públicas fixeron compras masivas de recursos tecnolóxicos para afrontar o teletraballo durante o confinamento, aquí a xente tivo que tirar dos seus propios recursos.


Dereito á desconexión dixital?

Como xa explicaramos, na modificación do teletraballo no EBEP asinada por CCOO, UGT e CSIF, un dos nosos motivos para non asinar foi que moitas das demandas achegadas pola CIG contemplábanse na exposición de motivos pero non na parte dispositiva, e polo tanto non obrigaban ás administracións. Unha delas era a desconexión dixital, e parece que desgraciadamente tiñamos razón; para a Xunta, o que está na exposición de motivos non existe e por isto non contempla este dereito.


Conclusións provisionais

Diante isto, na CIG sospeitamos que moitas destas limitacións, como a incompatibilidade con algunhas flexibilidades horarias ou con concursos e promocións internas, están destinadas a impedir que o persoal que teletraballa non sexa a maioría que en principio se deduce. A Administración segue a gardar un ás na manga ao establecer as necesidades do servizo, así en xenérico, como guillotina das concesións do teletraballo.

Ao mesmo tempo, é inadmisíbel que todo o proceso se estea a ralentizar: A Xunta dáse un ano de vacatio da obriga de facilitar os medios e prorroga tres meses máis o prazo para resolver as solicitudes en trámite.

Por iso, só cabe cualificar de antiteletraballo ou "merda pinchada nun pau" o documento, xa que contén fortes retrocesos, tanto a respecto do teletraballo covid como da regulación anterior. Non parecen entender que o teletraballo non só é un dereito, senón un sistema eficaz para dar cumprimento aos cometidos das Administracións públicas, unha ferramenta que pode permitirlle a unha Administración afrontar, con seguridade e capacidade organizativa, retos presentes e futuros. A percepción que temos é que para a Xunta o teletraballo debe ser algo anecdótico, restrinxido a unhas poucas persoas de confianza e graciábel na súa concesión; apostan polo pasado e na CIG apostamos polo futuro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario