Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 27 de febreiro de 2015

Promoción interna, criterios xerais para a oferta de emprego público 2015 e outras informacións...

A Administración non concretou para que prazas pero dixeron que haberá promoción interna separada para 108 novas prazas. Para as escalas que non teñan PI separada reservarán o 25% das prazas, así mesmo informaron que a promoción interna non se vai acumular coa anterior e en marzo haberá novidades.

Supresión de categorías do convenio, proposta de Función Pública


A CIG esixe a retirada desta proposta de supresión, refundición e ordenación de categorías profesionais do persoal laboral e a inmediata negociación da convocatoria do concurso xeral de traslados do persoal laboral.

Esta é a última proposta de refundición, supresión e categorías a extinguir que nos traslada a Dirección Xeral da Función Pública:

A Xunta convoca o Consello Asesor para a Integración da Discapacidade na Función Pública

Despois de dous anos, a Xunta convoca este extraño e curioso consello onde se van tratar cuestións como a discapacidade na nova Lei do Emprego Público, unha estratexia sobre a integración e a situación actual, algo sobre as quendas e a nova oferta que se acaban de sacar da manga e, finalmente, tamén informarán do número de persoas con discpacidade recoñecida que actualmente prestan servizo na Administración da Xunta de Galiza e a evolución, nos últimos catro anos, da cobertura desta cotas. Como se houbese moitas oposicións estes últimos catro anos, en fin...

Actualización da listas de cobertura de prazas de interinos e persoal laboral temporal.

No DOG do 26 de febreiro publicouse a Resolución do 20 de febreiro de 2015, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que, de conformidade co artigo 12 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo (Diario Oficial de Galicia número 48, do 9 de marzo), se fai pública a actualización provisional de méritos correspondente ao ano 2014 das listas para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e á contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia. 

martes, 24 de febreiro de 2015

POLA DEFENSA DA RESIDENCIADE MAIORES DE FERROL

INFORMACIÓN DA ROLDA DE PRENSA CONVOCADA NO CONCELLO DE FERROL POLO COMITÉ DE TRABALLO E BENESTAR DE A CORUÑA COS GRUPOS MUNICIPAIS DO PSOE, EU E BNG​.


luns, 23 de febreiro de 2015

Resposta á carta de despedida da conselleira de Facenda dun compañeiro...

... pero dos de a pé, dos de verdade, dos que traballan ao teu lado.

Querida “compañeira”, como te tomaches a liberdade de tratarme de compañeiro, voume tomar a confianza de tutearte, espero que non che pareza mal. Alegróme de que che fora tan ben na túa andadura nesta consellería e nesta administración autonómica. Como ti dis levas 15 de servizos e xa fuches, xefa de servizo, subdirectora, interventora xeral e conselleira, é decir, todos postos que se designan a DEDAZO sen ter que demostrar principios de mérito e capacidade.

INFORMACIÓN DO XUÍZO CONTRA AS CARTELEIRAS 2014 MACHACADORAS

 O Conflito Colectivo posto polo COMITÉ xa foi importante porque permitiu seguir difundindo O SISTEMA INHUMANO DE TRABALLO froito duns TURNOS MACHACADORES E DISCRIMINATORIOS.

venres, 20 de febreiro de 2015

A CIG chama a participar nas concentracións contra a reforma expréss do aborto

O Goberno do Partido Popular materializou o abandono do proxecto de reforma integral da Lei do Aborto poñendo en marcha de xeito apresurado, a través dunha proposición de lei orgánica, o cambio dun único artigo, o referido ao permiso paterno para as mulleres de entre 16 e 18 anos, obrigándoas a ter o consentimento da/os proxenitoras/es.

Logo de anunciar o pasado setembro que aparcaba o proxecto de reforma integral co que pretendía mudar o modelo de lei de prazos por unha lei de supostos restritivos -e que lle custou a dimisión a Alberto Ruiz-Gallardón como ministro de Xustiza-, o PP optou por non abordar o cambio normativo no marco dunha lei ordinaria de axuda á familia, tal e como tiña anunciado, senón a través dunha proposición de lei orgánica presentada polo grupo parlamentar popular no Congreso.

xoves, 19 de febreiro de 2015

XUÍZO POLO CONFLITO COLECTIVO CONTRA QUENDAS MACHACADORAS

Publicamos un documento informativo do Comité de Empresa de Traballo e Benestar da Coruña a raíz do Conflito Colectivo posto polo propio comité contra as carteleiras do 2014 debido a que NON SE NEGOCIARON e que son DISCRIMINATORIAS.
  
Así mesmo, tamén informamos que Mañá VENRES 20, ás 9.45 traballadores/as e delegados/as vanse concentrar diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (Praza de Galicia).

martes, 17 de febreiro de 2015

A suspensión das obras na Residencia de Maiores de Caranza impiden dar asistencia pública aos ancians da comarca de Ferrol

O COMITÉ DE EMPRESA DE TRABALLO E BENESTAR DA CORUÑA DENUNCIA A SUSPENSIÓN DAS OBRAS DE REMODELACIÓN DA RESIDENCIA DE MAIORES DE CARANZA. O pleno do concello de Ferrol tratará, vía mocións dos grupos da oposición, a situación de desidia e abandono dunhas obras iniciadas pero paralizadas sen xustificación

Enquisa-chorra contra a corrupción

A Xunta enviou estes días a boa parte do seu persoal unha enquisa anónima de autodenuncia dirixida ao persoal con experiencia profesional no ámbito da contratación pública, á que se pode acceder no seguinte enlace: https://enquisas.xunta.es/index.php

Semella que o goberno galego pretende lavarse a cara perante a grande preocupación que a xente ten, cada día máis, sobre a corrupción. Prometen aplicar grandes medidas pero, de momento, mandan unha enquisa ao persoal funcionario e traballador público, non mais.

Non entanto a nós parécenos unha tomadura de pelo. Non terán outra cousa mellor que facer? que pretenden facer con estes datos? acaso non son eles mesmos quen provocan esa colusión que agora pretenden denunciar?

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social para o exercicio económico do ano 2014

Este venres que vén, as organizacións sindicais están convocadas a unha xuntanza da Mesa Delagada da Mesa Xeral de Empregados Públicos sobre os criterios de repartición do Fondo de Acción Social, que terá lugar o día 20 de febreiro coa seguinte orde do día:

venres, 13 de febreiro de 2015

Información varia de persoal laboral: reunión do Comité intercentros con Función Pública

Despois de ter varias reunións pedidas, ao final falouse de moitas cousas (mobilidade fóra da Xunta, consolidación, concurso, certificados médicos e adscricións temporais) pero coma sempre, para non chegar a ningún lado.

1.- CONVENIOS RECIPROCIDADE COAS DISTINTAS COMUNIDADES AUTÓNOMAS QUE POSIBILITEN A MOBILIDADE. 

A Administración manifesta que para o persoal funcionario existe un acordo do ano 2004 entre a AXE e as Administracións Autonómicas, pero non para o Persoal Laboral, xa que este é complicado polas categorías e por que nalgunha administración autonómica non existe persoal laboral. 

A Subdirección Xeral de Xestión está traballando nun modelo de reciprocidade que será presentado aos sindicatos proximamente.  Despois deberán falar coas demais Administracións Autonómicas de cara a súa sinatura. 

Non hai data para a presentación do borrador. 

A Lei galega de emprego público en trámite parlamentar

A Lei galega de emprego público foi enviada ao Parlamento a finais do ano pasado. Porén, non se empezou a traballar sobre ela ata este mes de febreiro. Este é o calendario próximo que lle agarda na cámara galega:

18 de febreiro: remata o prazo para facer enmendas á totalidade da lei
7 de marzo: remata o prazo para facer emendas parciais
10 de marzo: debátese no pleno as emendas á totalidade e constitúese a ponencia da lei, onde unha persoa representante por cada grupo parlamentar estudia as enmendas parciais
24-25 de marzo: novo pleno

A intención do Goberno da Xunta é ter o texto publicado en abril.

Coma sempre, boa recepción ás alegacións sindicais e compromiso de presentalas como propias por parte dos grupos da oposición, todo o contrario  das persoas do grupo maioritario que sostén ao Goberno que non se comprometen nin dan unha resposta concreta sobre nada.


Persoal funcionario de Servizos centrais: perdemos máis de 500 efectivos en 4 anos

Que somos cada vez menos é algo que se observa con facilidade en que cada vez hai máis mesas, estanterías e cadeiras baleiras que chega a parecer isto o Ikea máis ca Xunta.

Antes das eleccións sindicais a Administración, a través dos censos das eleccións de persoal funcionario dos Servizos Centrais, da a coñecer as persoas que traballamos neste gran multicentro do que é o meollo da Administración xeral da Xunta de Galiza. A realidade é que os datos do número de traballadoras e traballadores públicos está dispoñible para todo o mundo na páxina web de Función Pública, mais separado por provincia.

Nos Servizos Centrais, segundo o censo eleitoral definitivo do 2011 éramos 3.357 compañeiras e compañeiros e catro anos despois, segundo o censo provisional, quedamos 2.931. En total temos un descenso de 426 persoas. Porén, a cousa non queda aí. Daquel censo definitivo de 3.357 persoas faltaba a metade da Consellaria de Sanidade. Ao final a historia acabou nun laudo e para non atrasar os procesos, o censo definitivo non se modificou pero si se permitiu votar a quen quixer presentando un certificado do servizo de persoal. Iso implica que naquel censo definitivo tiñan que ter aparecido ao redor de 100 persoas máis, o que nos da que nestes 4 anos perdemos máis de 500 efectivos de persoal funcionario.

Aínda deixando de lado este axuste final, e considerando só 426 efectivos perdidos, isto representa un descenso do 13%, o que duplica o 6% de media en todas as Administracións (datos desde 2012). O ritmo de destrución de emprego público é máis do dobre nos Servizos Centrais da Xunta que na media de Administracións.

Calendario e mesas nas vindeiras eleccións sindicais de persoal funcionario de Servizos Centrais

Achegamos información sobre o calendario oficial e a distribución das mesas aprobado pola Mesa Coordinadora do proceso electoral da Xunta de Persoal Funcionario dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza. 

Tendo en conta as datas actuais, e co obxectivo de fomentar a participación, cómpre poñer a vista no 26 de febreiro que remata o prazo para reclamar ao censo provisional  calquera erro que atopedes nos vosos datos, ou se non aparecedes. Estes censos atópanse nos taboleiros de información dos servizos de persoal das consellarías. Se tedes calquera dúbida podedes consultarnos.

Modificación da xornada nos edificios administrativos polo entroido

Como cada ano, remite a Secretaría Xeral de Facenda a resolución de modificación de xornada polo entroido. A hora de saída o martes, 17 de febreiro, será as 14.00h e a de entrada o mércores, 18 de febreiro, será as 9.00h.

Esta modificación horaria só afecta ao persoal da Xunta que teña réxime de horario xeral ou estea acollido á flexibilización de xornada. Neste último caso, no sistema de fichaxe do Kronos descóntase 1:15h en cada un deses dous días.

"Semanas grandes" hai polo país adiante e a redución do horario de traballo é habitual fóra das Administracións nas xornadas que coinciden coas festas locais ou celebracións que aínda non tendo a consideración de festividade teñen unha fonda implantación coma no caso do entroido. Porén, este tipo de modificación de xornada debera ter unha compensación para o persoal que se rixe polos réximes de horario diferentes ao xeral, como as quendas ou a xornada de tarde.

mércores, 11 de febreiro de 2015

Comisión de seguimento do acordo para a xubilación parcial anticipada

O martes, 10 de febreito, tivo lugar unha reunión entre o Comité Intercentros do persoal laboral da Xunta e a Dirección Xeral da Función Pública. O comité intercentros instou esta xuntanza unha vez que foi coñecedor dunha circular  da Secretaría Xeral Técnica da Consellaría de Traballo e Benestar que establece a imposibilidade de chegar a un acordo de xubilación superior ao 50% da xornada de traballo.

Esta decisión unilateral desta consellaría  altera substancialmente o previsto nas instrucións para o acceso á xubilación parcial anticipada e o contrato de remuda  xa que anula o caracter negociador das partes obrigadas (persoa xubilada e Administración) de chegaren a un acordo sobre a redución de xornada e a forma de acumulala

Función Pública é descoñecedora desta circular e pon moito énfase no caracter negociador das partes para chegar a un acordo de redución da xornada e que, polo que sabe, en tódolos expedientes tramitados foi aceptada a vontade da persoa xubilada. En todo caso, comentan que falarán con Traballo para exixir o caracter negociador ao que están obrigadas as partes.

martes, 10 de febreiro de 2015

Medio Ambiente volve á carga cunha nova proposta de amortización de 41 postos na Axencia Galega de Infraestruturas

Xa estábamos avisados de que hoxe a Consellaría de Medio Ambiente mandaría tamén outra proposta de modificación da relación de postos de traballo da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI). De novo, esta proposta vai na liña da que xa recibimos do resto desta consellaría e da Consellaría de Medio Rural a semana pasada. 

Entre os postos que esta axencia propón amortizar están legoeiros/as, capataz de cuadrilla, oficiais conductores, arquitécto/a técnico, auxiliar técnico de obra e todos aqueles postos que teñan que ver coa conservación das vías de titularidade autonómica. Tamén propoñen amortizar varios postos de traballo admnistrativo nas oficinas centrais da axencia. En total, 41 postos por valor de 1.073.665,40€.

Fala a proposta de dar cumprimento ás lei de orzamento do ano anterior (con carácter retroactivo) e  a deste para axustar a súa relación de postos de traballo ás "previsións orzamentarias". Recordamos, como xa fixemos antes, que tanto a lei de orzamentos de 2013 coma a de 2014 non obrigan a amortizar os postos vacantes senón os que "non sexan necesarios" e entendemos que eses postos son necesarios e teñan que ser ofertados públicamente.

Novo conselleiro de Facenda cos vellos problemas na Función Pública

Esta semana coñecíase o nome do novo conselleiro de Facenda e rompíanse todas as quinielas. Marchou Elena Muñoz de candidata para as municipais de Vigo e, no seu lugar, Feijóo pon a un home con experiencia na Administración, Valeriano Martínez, que ata o de agora ocupaba o cargo de secretario xeral da Presidencia.

Tendo en conta a política actual, pouco lle queda máis que facer xestión orzamentaria do que mandan en Madrid. Ata está extendida a opinión que é "un cambio para que todo siga igual". E para que todo siga igual, precísase unha persoa de confianza. Tendo en conta a persoa que o nomea non cremos que lle dea un arrebato e nos devolva toda o diñeiro que nos deben. Iso sí, agardamos que ademais da confianza saia a relucir o seu alabado perfil dialogante e demostre un pouco máis de preocupación pola esquecida Dirección Xeral de Función Pública da que desmostrou a súa predecesora.

A Función Pública, desde o advenimiento de Feijóo, colga da consellaría de Facenda e desta dirección xeral depende que se fagan realidade moitos dereitos do persoal da Xunta: implantar dunha vez os concursos de traslados permantentes, facer uns os procesos selectivos áxiles ou desenvolver normas pendentes tan necesarias coma unhas novas instrucións para as comisións de servizo que rematen co dedismo na cobertura temporal de postos na Xunta. Pero ante todo, ter alguén que meta en cintura ao director xeral da Función Pública para que sexa capaz de por enriba da mesa unha planificación transparente do que pretende o seu departamento para cada ano e esta cumpra os prazos legalmente establecidos.

Despedida da ex-conselleira de Facenda Elena Muñoz

A máxima responsábel en materia de persoal durante a 2ª parte dos anos máis escuros da Función Pública Galega marchou. E marchou cunha carta de despedida dirixida a todo o persoal da consellaría como se aquí non pasara nada.

Queridos compañeiros.

Hoxe remata a miña etapa como Conselleira de Facenda. Para min tamén supón poñer un punto e seguido a 15 anos de empregada pública na Xunta de Galicia, á que cheguei en 1999 logo de aprobar as oposición á Escala Superior de Finanzas e na que, sempre dentro desta consellería, teño sido xefa de servizo, subdirectora e interventora xeral.

Quero agradecervos o voso traballo e esforzo ao longo de todo este tempo. Sen dúbida, esta consellería conta cos mellores profesionais.

Para min foi un privilexio estar á fronte de todos vos este tempo.

Non esquecerei o voso bo facer e o moito que aprendín nestes anos.

Unha forte aperta e ata sempre.

Elena Muñoz Fonteriz

Nada comenta destes duros anos de recortes, que podía ter recoñecido a súa existencia, xa postos a agradecer esforzos. Nada comenta tampouco do fracaso sobre a xestión da Dirección Xeral da Función Pública e o que afecta aos nosos concursos e a nosa promoción profesional. Iso si, fai un repaso da súa meteórica carreira de que en menos de 15 anos chegou a conselleira... mentres outras persoas seguen en postos base porque a promoción profesional nesta Administración senón é con padriño vai por vías moi pero que moi lentas. En fin, e logo se queixarán de que lle digan que viven noutro planeta.

A Consellaría de Medio Ambiente propón amortizar 60 postos de traballo e despedir a 10 traballadores/as

Seguindo a estela de Medio Rural, a consellaría de Medio Ambiente parece que tampouco cre as promesas de recuperación económica do propio Goberno autonómico e propón amortizar 60 postos de traballo por valor de 1.950.160,23 euros anuais. Esas amortizacións suporán o despediemento de 10 traballadoras e traballadores.

Na proposta remitida pola consellaría de Medio Ambiente diferéncianse os 33 postos que se amortizan por deixar sen dotación orzamentaria e cuxa supresión non se utiliza para crear ningún outro posto, do resto dos 27 cuxa dotación orzamentaria se emprega para crear outros postos diferentes. Así pois, de xeito neto temos unha destrución de emprego público de 33 postos por valor de 1.018.406,68€ anuais. Entre eses 33 postos temos arquitectos/as, axentes medioambientais, delineantes, postos base so subgrupo A1 e C2, peóns, vixilantes de recursos naturais, etc.

Curiosa resulta a argumentación da consellaría para a amortización destes postos en que "non están orzamentados" cando é a propia consellaría a que ten que propoñerlle á Facenda o que quere ou non amortizar. De feito, desde o 2014 xa non se inclúe nos Orzamentos a obrigatoriedade de amortizar os postos vacantes senón os que "non sexan necesarios". E cremos que nesta consellaría si son necesarios estes postos e outros tantos, máxime tendo en conta que é unha das consellarías onde máis asistencias técnicas e persoal da empresa Tragsa hai e que tantas sentenzas de subcontratación ilegal motivaron e segue motivando, como xa denunciamos no pasado.

Reforzan o persoal destruíndo 3 postos e creando 2

Evolución das comisións de servizo no mes de xaneiro

No mes de xaneiro houbo 51 comisións de servizo novas, na liña do mes anterior que houbo 48. Nas prórrogas hai un descenso espectacular de 79 a 25; non hai unha liña estable. Adscricións hai 9 (bastantes para os números habituais de 3 ou 5) e 2 revogacións.

Sobre a calidade do produto no mercado negro iso xa é outra cousa, no mes de xaneiro cotízanse e moito, coma sempre, os níveis 18 e 25 tamén, por suposto as LD (Xefaturas de servizo e Subdireccións). Estes son os datos:

- Comisións de Servizo: Total 51, 16 níveis vinte e cinco, 14 níveis dezaoito, 7 xefes de servizo e subdirectores. 

- Prórrogas: Total 25, 5 níveis vinte e cinco, 9 níveis dezaoito, 2 xefaturas de servizo e subdireccións. 

Nas prórrogas hai a de sempre, a da Subdirección de Meteoroloxía, que xa leva máis de 9 anos a mesma persoa de fóra da Xunta en comisión de servizos no mesmo posto cambiándolle a denominación. E iso a pesar da recente modificaicón do EBEP que xa non obriga a Administración de destino a recolocar as persoas nomeadas en Libre Desinganción. Seguimos sen saber porque o siguen mantendo en comsión de servizos sen convocar públicamente ese posto; unha burla da lexislación.

Volve a sobresaturación nos cursos da EGAP

A semana pasada abríase o prazo para solicitar a matrícula nos cursos do primeiro semestre da EGAP. Xa comentamos en reiteradas ocasións o desaxuste existente entre a oferta e a demanda, que se mostra máis lamentable tendo en conta as pretensións da Dirección Xeral de Función Pública de que caduque a vixencia dos cursos. O persoal da Xunta quere facer cursos, quere formarse, pero a EGAP non pon os medios suficientes.

Como mostras, achegamos os seguintes botóns. Son capturas de imaxe das solicitudes feitas (con data 6 de febreiro) nos cursos de Certificado dixital, LOFAXGA e código ético. Nos dous primeiros, as solicitudes cuatriplican e mesmo quintuplican as prazas ofertadas, pese a non ter unha puntuación extendida nos concursos de traslados ou promoción profesional. Esto demostra que o persoal da Xunta ten interese por formarse en novas tecnoloxías e manterse ao día dos novos textos lexislativos a pesar de non ter retorno na súa carreira profesional. Porén, todo o contrario ocurre coa Código Ético de Feijóo, que aínda ten prazas libres e que o persoal interpreta como o que é: unha panfletada política para escurrir os enormes vultos dos casos de corrupción.

O Voceiro: Beatriz Mato non se entera

Xa está dispoñible para descarga o primeiro número deste ano do "Voceiro", o boletín informativo da sección sindical da Consellaría de Traballo e Benestar da Coruña.

Neste número:

  • Falta de recursos e persoal: Beatriz Mato non se entera
  • Anos de loita do persoal de Traballo e Benestar
  • Novas: Oferta pública de emprego cobertura cero para servizos sociais / Cursos EGAP
  • Contra: os tres cantantes

Descargar o Voceiro

luns, 9 de febreiro de 2015

Estáncase a flexibilidade e o teletraballo segue sen despegar na Xunta

Nos datos achegados pola Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, con efectos de 31 de xaneiro, confírmase a tendencia de estancamento nas solicitudes de flexibilidade e tamén do teletraballo.

Máis preocupante resultan os datos deste último que segue sen arrancar na Xunta. Dos máis de 2.000 potenciais postos onde podería implantarse o teletraballo hai só 46 resolucións aprobadas. E isto a pesar de que tralo último consello da Xunta, Núñez Feijóo volveu destacar a implantación na Xunta desta ferramenta de conciliación da vida persoal, familiar e laboral (ver parágrafo final da nota de prensa)

Seguimos insistindo en que as denegacións son demasiado xenéricas, pouco fundamentadas e totalmente excluíntes para determinados colectivos como o persoal informático que na empresa privada é obxectivo habitual do teletraballo. Ademais, compre destacar que a concesión é tan discrecional e complexa que só 98 persoas solicitaron o teletraballo cun saldo de máis denegacións que concesións (51 denegadas fronte a 47 concedidas).


DATOS RELATIVOS ÁS FLEXIBILIDADES E TELETRABALLO APROBADAS. 31 XANEIRO 2015

Oferta cero para emprego público nos centros de atención directa de Benestar

A CIG de Traballo e Benestar da Coruña denuncia que a Oferta de Emprego Público da Xunta de Galiza para 2015 volve deixa fóra a cobertura de prazas en residencias de maiores e centros de atención a persoas discapacitadas.

 

O anuncio do Presidente da Xunta supón un incremento e cobertura 0 para  servizos sociais e Benestar.


Os centros de atención directa de Servizos Sociais e Benestar sofren unha vez mais o desprezo da política de persoal de Nuñez Feijoo, coa anuencia de Beatriz  Mato que aplaude que na Oferta de Emprego anunciada polo Presidente da Xunta non se recolla nen a creación dunha soa praza para as Residencias de Maiores, Centros de Menores e Centros de Atencións a Persoas Discapacitadas.

A situación real é que o departamento de Beatriz Mato leva recortado 1.500 postos de traballo  dende o ano 2012, que non existe a reposición necesaria das vacantes que se producen e que o persoal dos centros de atención directa está a traballar 130.000 xornadas máis ao ano que antes dos recortes das nefastas reformas laborais. Polo que só na provincia da Coruña sería necesaria a creación de 400 prazas na Oferta de Emprego destinadas a cubrir as  necesidades básicas do sistema público de Benestar.

Ser director para machacar un centro público de atención a persoas discapacitadas

A foto desta nota é do mesmo día en que o Partido Popular gañou as últimas eleccións nunicipais de 2011 na Coruña.

Esta foto ten algo especial para todo o persoal que traballamos no ex-Santiago Apóstol (actual CAPD A Coruña), e cando foron as eleccións aínda eramos Santiago Apóstol.

O persoal do Santiago Apóstol coñecemos moi ben a ese mozo de gafas que está detrás de Carlos Negreira.

Nunca esqueceremos que ese mozo aceptou o posto de Director coa encomenda de desmantelar o Santiago Apóstol. Porén, non logrou desmantelalo pola loita que houbo en contra, pero sí lograron matar a alma dun centro ao transformalo nun aparcadoiro de persoas con discapacidades. E ademais de matar a alma dun centro, causaron moitos feridos: levaron por diante 40 postos de traballo e fixeron moito dano a moitas persoas.

Non esqueceremos nunca a Constantino Piñeiro Cajete e teríamos unha boa satisfacción se nas eleccións municipais de maio deste 2015, este mozo, que xa ten agora 36 anos, non puidera facer o papel de aplaudidor porque o Partido Popular non gane as eleccións.

Descargar formato CIG-Informa

venres, 6 de febreiro de 2015

Asembleas contra as quendas machacadoras e discriminatorias que impón a conselleira de Traballo e Benestar

O Comité de Empresa de Traballo e Benestar da Coruña organizou o xoves, 5 de febreiro, unha asemblea co persoal da Residencia de Maiores de Oleiros  para falar das quendas machacadores e discriminatorias que impón a Consellaría de Traballo e Benestar.

Estas quendas abusivas están afectando gravemente á calidade na atención das persoas usuarias dos centros públicos de Benestar da Xunta.

Van vídeos a continuación:

A Lei de medidas segue aí pese ao crecemento económico mal repartido

O xoves, 5 de febreiro, difundían os medios a previsión de aumento de crecemento económico para o Estado Español nun 2,3% en 2015 e nun 2,5% en 2016 (datos PIB). Non son tan optimistas nos datos da débeda pública nin do déficit, pero claro, veñen anos eleitorais e "hai que gastar" ata en vídeos musicais de Enrique Iglesias, que despois xa virán de novo os recortes en tratamentos farmacéuticos.

Xa non imos discutir nós estes datos macroeconómicos, que outras persoas da corda liberal se encargan xa de argumentar que están sobrestimados. Tampouco imos discutir que este crecemento non está repartido pois ata organizacións tan radicais como CáritasOxfam Intermon ou EAPN demostrano nos seus informes. O que imos centranos é na pouca palabra do Goberno galego para co persoal da Administración autonómica.

Na Disposición Derradeira da LEI 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia establecíase unha cláusula de revisión que contemplaba que "as medidas previstas nesta lei serán revisadas nun prazo de dous anos dende a súa entrada en vigor, en función da evolución do produto interior bruto real de Galicia e do aforro primario dos orzamentos". Entre as ditas medidas estaba a suspensión do fondo de acción social, a diminución das retribucións en caso de baixa por enfermidade, o recorte de días de asuntos propios e vacacións, a supresión do descanso en domingos e festivos.

xoves, 5 de febreiro de 2015

Feijóo promete unha Oferta de Emprego Público de 1163 plazas para o 2015

E dicimos ben, "promete". E é que chega ano electoral con dobre cita en maio e en novembro. Xa se notou tamén no levantamento das restricións do Goberno de Madrid sobre o cadro de persoal dos efectivos públicos das diferentes Administracións, o que lles vai permitir a cobertura en casos puntuais de ata 1 de cada 2 vacantes.

Primeiro de nada queremos aclarar que entre anunciar unha Oferta de Emprego Público (OEP), publicar o Decreto de OEP e finalmente convocar os procesos selectivos desas prazas ofertadas hai unha boa diferenza que pode tardar varios anos; 3 segundo a normativa vixente e varios máis consonte á realidade. Convén recordar que a Xunta aínda ten sen convocar centos de prazas das OEPs de 2008 e 2009, incluídas prazas de promoción interna.

En segundo lugar, botamos en falta nese anuncio o reforzo de servizos públicos tan esenciais como os servizos sociais de prestación directa (residencias de maiores, de persoas con discapacidades, etc). Aprezamos o énfase na cobertura de postos de labor inspectora ou asesora pero cremos que os servizos públicos non só se deben reducir a inspeccionar ou asesorar sobre o que están privatizando ou deixando en mans de entidades benéficas.

Que postos pensan ofertarlle á xente de novo ingreso? Non entendemos como por un lado multiplican por catro a OEP e logo no día a día na Xunta seguen en pé propostas de amortización coma a de 130 postos públicos de Medio Rural. Tampouco resulta moi coherente co énfase do anuncio da OEP que ata propoñan eliminar postos que están excepcionados pola lei da taxa de reposición 0, como son os do Servizo de Defensa e Protección contra Incendios Forestais.

Os datos puros e duros

Reclama o que é teu (se queres): parte devengada da paga extra de 2013

Nas asembleas destes días falamos e aclaramos "o que din que van devolver" e o que "está escrito que van devolver". Entre toda esta palla non está a parte devengada da paga extra de 2013 á que xudicialmente tamén se nos recoñece o dereito e que representaría 1/3 do complemento específico.

Se queres deixarlle esta cantidade xenerosamente á Xunta, podes facelo; tamén podes agardar a que sexan moitas as persoas que reclamen e ver "se o devolven de oficio", aínda que neste caso non están sendo demasiadas pois só afecta ao persoal da Xunta e non ao de todas as Administracións como no caso da paga extra de 2012, ou podes esixir primeiro vía reclamación administrativa e logo vía xudicial a parte de recorte retroactivo da paga extra 2013 e os xuros. Nas asembleas explicamos o que é esta parte devengada, a diferenza entre persoal funcionario e laboral, e que facer se queres reclamalo. En calquera caso, trátase dunha decisión persoal.

RPT AMTEGA: hai cartos para subcontratar servizos, non os hai para persoal propio

Esto non o decimos nós, esto é a demostración evidente dos seguintes documentos: a proposta de modificación da relación de postos de traballo (RPT) da AMTEGA (na que amortizan postos ocupados por persoal interino, como se lles sobrara a xente) e a seguinte análise da contratación desta axencia durante os dous últimos anos.

Que a AMTEGA ten unha enormidade de traballo por facer é algo evidente vendo non só o seu Decreto de creación, senón a totalidade de contratos que leva a cabo.  O problema é cales deses proxectos deixan de lado ao persoal propio da Xunta. E tendo en conta a proposta de RPT parece que a privatización vai ir á máis tendendo a deixar só ao persoal directivo ou de libre designación e os currelas das empresas.

mércores, 4 de febreiro de 2015

O Boletín da polémica: Que cesen xa o director xeral da Función Pública

Ladrán Sancho, logo cabalgamos

O Boletín de xaneiro causou polémica nalgúns círculos da casta da Xunta que considera a contraportada "moi grave" ou mesmo "humillante". Nela aparece unha turba enfurecida que está pronta a queimar ao director xeral da Función Pública e a conselleira de Facenda lista para cortarlle a cabeza. Ao final non vai ser esta, que se nos marcha para Vigo (canto menos ata que rematen as eleccións municipais).

Temos que admitir que é certo, pasámonos de freada. Se aínda nos tiveran denigrado nos medios todos os días, se aínda nos tiveran recortado o poder adquisitivo nun 30% en 4 anos, se tiveramos que pagar por enfermar, se nos recortasen os días de asuntos propios e as vacacións, se nos quitasen o fondo de acción social, se nos roubaran as pagas extras completas, se tivesemos un concurso cada non se sabe cando, se nos quitasen o dereito a promocionar, se houbera uns procesos selectivos que nunca soubéramos o que van durar, cando vai saír ou se se risen de nós a máis non poder.... En fin, de existiren todas esas circunsancias, igual a situación sería realmente "moi grave" pero moi grave para a maioría do persoal.

Anos de loita do persoal de Traballo e Benestar por unhas condicións de traballo e unha atención pública dignas


Achegamos o seguinte CIG-Informa especial sobre a loita das compañeiras e compañeiros da Consellaría de Traballo e Benestar na Coruña desde o 2012 ata a actualidade. Este persoal, adicado a prestación directa de servizos sociais públicos, leva feito innumerables actos, mobilizacións e notas na defensa non só dunhas condicións de traballo dignas, senón na defensa duns servizos sociais públicos dignos para as persoas usuarias.

Non falan só da perda de máis de 1.500 efectivos en todo o país, da destrución da máis de 200 postos de traballo, da elevada idade media do seu persoal (53 anos) ou de quendas machacadoras por non cubrir baixas, vacacións ou permisos. Falan da flagrante escaseza de medios materiais como cueiros e falan da terrible incapacidade para xestionar o público de quen está máis cómoda facendo concertos coa privada. 

Recordamos que destes servizos públicos dependen as persoas máis febles: maiores, menores e persoas discapacitadas, esas que usan a pública porque non teñen cartos para ir a un centro privado.

Denuncia xudicial polo dispendio público na revista "Medio Rural"

Sobor da denuncia do dispendio público da revista "Medio Rural" da que se abandonaron varias caixas por varios centros da Consellaría, achéganos a asociación Pladesemapesga a seguinte información adicional sobre este caso de dispendio público que consideramos de interese. 

A maiores, e grazas a información difundida dese este blogue, a dita asociación ampliou a denuncia no xulgado contra a xefa do Gabinete, encargada da edición da revista, por mal uso dos fondos públicos.

Se sabes dalgún caso máis de dispendio público, fáinolo chegar.

Medio Rural: "temos case 400 postos vacantes e só amortizamos 130"

Achega Medio Rural a súa relación de vacantes; un total de 383. No apartado de observacións sinálanse as 130 propostas para amortizar, así como aquelas que actualmente están pendentes de cobertura por considerar a consellaría "absolutamente necesarias e imprescindibles". Recordamos que a estas 130 novas propostas de amortización hai que sumar as 86 postos amortizados no 2013.

Rexeitamos de plano estas amortizacións como unha "obriga" porque as limitacións orzamentarias as impón a mesma Administración que prefire a xestión de servizos públicos vía encomendas de xestión a Tragsa ou contratación con empresas privadas como Natutecnia. É unha decisión libre reducir o servizo de prevención e defensa contra incendios forestais ou as oficinas agrarias, por exemplo. + información.

Rexeitamos esta proposta na reunión, a rexeitamos fóra da reunión, chovendo a mares, nunha concentración pública e a través dos grupos parlamentares que se fan eco da nosa negativa ao desmantelamento dos servizos públicos.

A próxima reunión terá lugar o vindeiro mércores 11 de febreiro, ás 10.00 horas na sala de xuntas da Secretaría Xeral Técnica desta Consellería. A data límite para presentar alegacións á proposta remitida o pasado 27 de xaneiro será o día sinalado para a reunión (11 de febreiro).

Denuncian desatención das persoas maiores e dependentes nas residencias públicas de Traballo e Benestar

Como pode a conselleira seguir viaxando de sarao en sarao no seu coche ofical mentres ten os usurios das residencias públicas sen persoal suficiente ou con só 3 cueiros ao día!?

Facemonos eco da nota feita por un membro do Comité de Traballo da Coruña trala rolda de prensa conxunta de CIG e UGT para denunciar a desatención das persoas maiores e dependentes nas residencias públicas de Traballo e Benestar. CCOO e CSIF non quixeron participar. Vai video da rolda de prensa no interior.

O martes, 3 de febreiro, houbo en Compostela unha rolda de prensa da CIG e UGT na que estivemos presentes membros dos Comités de Traballo e Benestar de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra para denunciar a política inhumana, antilaboral e antisocial da Conselleira Beatriz Mato.

martes, 3 de febreiro de 2015

Aberto o prazo de convocatoria para os cursos da EGAP do primeiro semestre de 2015

A finais do mes pasado anunciábase na reunión do Consello Reitor da EGAP o seu Plan Formativo para o 2015. Unha das convocatorias máis temperá foi a do persoal da Xunta para este primeiro semestre.  No DOG do 3 de febreiro publícase a convocatoria destes cursos na que no seu anexo II podes consultar as actividades ofertadas.

O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación. O número máximo de cursos que se pode solicitar limítase a seis. Demasiada limitación para quen despois ve denegadas todas as súas solicitudes xa que existen determinados cursos que sobrepasan amplamente o número de solicitudes, máis tendo en conta a intención que amosou Función Pública (nos borradores da promoción eterna) para que a validez dos cursos caduque aos 8 anos.

As solicitudes de participación realizaranse exclusivamente mediante o formulario de matrícula electrónica dispoñible na seguinte ligazón, desde as 8.00 h. da data de inicio do prazo e ata as 14.00 h. da data de finalización.

luns, 2 de febreiro de 2015

A reforma no IRPF: outra achega de fume para a recuperación salarial do persoal público

Neste mes de xaneiro o persoal público tivemos dous pequenos incrementos nas nosas nóminas: o pagamento da metade do que xudicialmente nos deben da paga extra de 2012 e máis unha lixeira suba debido á baixada nas retencións do IRPF. Con estas achegas de fume a Xunta trata de tapar os recortes aínda vixentes sobre as nosas nóminas e a perda de poder adquisitivo destes 4 últimos anos.

Do primeiro xa falamos abundamentemente en notas anteriores. Nelas explicábamos detalladamente o que íamos cobrar (menos que noutras Administracións), o que está pendente e que non se trata dunha regalía, senón do pagamento dunha débeda recoñecida pola Xustiza. Porén, gusta o Goberno da Xunta en troceala e mostrala diante da cidadanía como un xesto de magnanimidade e mesmo de exemplo de recuperación económica.

Do segundo, denunciamos no seu momento, e volvemos denunciar agora, a falta de progresividade desta reforma e que son as rentas máis altas (a partir de 60.000€) as que saen máis beneficiadas. Iso por non falar, das grandes empresas que pagan menos impostos que un traballador e levan os seus beneficios cara paraísos fiscais.

Prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos

No DOG do 2 de febreiro publícanse as bases polas que se rexerá a concesión da prestación familiar polas fillas ou fillos menores de tres anos, así como a convocatoria destas axudas para o ano 2015.

Poderán ser beneficiarias desta prestación aquelas persoas que teñan fillas ou fillos menores de tres anos o 1 de xaneiro de 2015 (nacidos entre o 2.1.2012 e o 1.1.2015, incluídos) e que, durante o ano 2013, nin elas nin ningunha das persoas que compoñen a unidade familiar estivesen obrigadas a presentar a declaración polo IRPF correspondente a este período, nin a presentasen de xeito voluntario aínda sen estaren obrigadas a iso.

A solicitude formalizarase no formulario que estará dispoñible na seguinte ligazón e acompañarase da documentación recollida na orde. O prazo de presentación das solicitudes será de corenta días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Campaña de vixiancia da saúde 2015 para o persoal da Administración Xeral da Xunta de Galiza

Do Servizo de Prevención de Riscos Laborais:

Comeza a campaña de vixilancia da saúde para o ano 2015 para o persoal da Administración xeral da Xunta de Galicia, polo que se abre o prazo para solicitar o recoñecemento médico para o persoal da Administración xeral da Xunta de Galicia. 

No DOG do día 2 de febreiro, publícase a convocatoria para anotarse, de xeito voluntario, aos recoñecementos médicos periódicos. O prazo de inscrición rematará transcorridos 30 días naturais dende o día seguinte ao da publicación da resolución do DOG (do 3 de febreiro ao 4 de marzo).

A solicitude farase de xeito telemático, para realizala poderá picar no seguinte enlace á páxina web do Servizo de Prevención de Riscos Laborais.