Publicación destacada

O Radón na Xunta ou como obter boletos para un cancro de pulmón

luns, 15 de maio de 2017

En galego sen límites: maniféstate pola língua o 17 de maio ás 12h desde a Alameda en Compostela

Queremos Galego convoca manifestación “de unidade” a favor da nosa lingua en Santiago o 17 de maio


No ensino, na administración, nas relacións económicas, na xustiza... en todos os ámbitos da nosa vida, padecemos situacións que serían impensábeis de utilizarmos unha lingua plenamente normalizada.

Como resposta só recibimos promesas e homenaxes á lingua que non obrigan a nada. Promesa dunha oficialidade que non é real no Estatuto ou o seu desenvolvemento incumprido na Lei de normalización lingüística que vén de facer 30 anos.

Porén, aínda que a Xunta de Galiza actúa contra a súa obriga de promover e normalizar o noso idioma, somos moitos e moitas as que actuamos día a día para repor a nosa lingua en todos os espazos.

Queremos vivir nun país onde a lingua propia estea presente en todo e para todo, sen exclusións. Onde a utilización do noso idioma non estea sometido á vontade allea. Onde non teñamos que reclamar a presenza da nosa lingua, ou se nos negue atención en calquera servizo público ou privado, e onde, como acontece coas linguas realmente oficiais, a lingua do ensino sexa a propia. Un país onde poidamos gozar da cultura, do lecer, da vida, na mellor ferramenta que criamos para o facer: o galego.

Lingua e futuro de Galiza camiñan da man. Defender o futuro da nosa lingua é defender o noso futuro como pobo. Os obstáculos para vivirmos na nosa lingua son límites para o noso desenvolvemento colectivo.

Precisamos o galego para sermos e existirmos. Temos esperanza, ilusión, vontade, compromiso para mantelo vivo, para superarmos todos os atrancos, para podermos vivir en galego, sen límites.

MANIFÉSTATE POLA LINGUA!
Cuarta feira (mércores), 17 de maio de 2017 ás 12.00 h
Alameda de Santiago de Compostela
Haberá buses. Máis información en www.queremosgalego.gal

Ningún comentario:

Publicar un comentario