Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 16 de xaneiro de 2015

Instrucións de Facenda para a devolución da primeira "paguiña" da extra expropiada no 2012

Nos servizos de persoal xa dispoñen das instrucións conxuntas da Intervención Xeral e máis da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos para a aplicación na Xunta do disposto na Lei de Orzamentos 2015 en canto á recuperación da metade da parte devengada da paga extra de decembro de 2012. 


Estas instrucións desenvolven o recollido na Disposición Adicional 17ª da Lei de Orzamentos mais resultan innovadoras no referente ao persoal que xa non se atope na mesma  consellaría, entidade ou organismo que  no 2012. Nestas instrucións non se especifica que sexa necesaria a solicitude da devolución para esta clase de persoal, senón tan só para o persoal que xa non estea en servizo activo.


Que é o que imos cobrar en xaneiro

Xa destacamos en anteriores notas que nun primeiro momento, neste 2015, non chegaríamos a recuperar nin o 12,5% do que se nos debe da paga extra expropiada en decembro de 2012.  Ao contrario que no Sector Público do Estado que lles devolverán sobre o 25%, nós cobraremos moito menos e de xeito diferente: menos dun 4% para o persoal laboral e menos dun 10% para o persoal funcionario.

Fixemos a seguinte folla de cálculo na que podes estimar o total bruto que nos devolverán ao persoal da xunta coa nómina de xaneiro baixo o concepto de "Recuperación da paga extraordinaria e adicional de decembro de 2012".

Descargar folla de cálculo


A quen llo van devolver de oficio

As instrucións internas da Xunta non establecen que teñan que facer solicitude algunha o persoal que cambiase de consellaría, organismo ou entidade, senón que se devolverá de oficio. O CIXTEC elaborará unha listaxe do persoal que se atope en servizo activo a 31 de decembro de 2014 (data de entrada en vigor da Lei e Orzamentos) que lle remitirá ás habilitacións.

Porén, convén destacar que na Disposición Adicional 17ª da Lei de Orzamentos si que contempla a necesaria solicitude a instancia de parte para este persoal que cambiara de departamento (non de centro, nin de posto). Quizás se deron conta demasiado tarde do lío que isto podía supoñer, tendo en conta ademais os diferentes concursos de traslados que tiveron lugar neste tempo.

Non imos ser nós quenes nos opoñamos pois reclamamos desde un principio que a devolución tiña que ser de oficio xa que a Xunta tiña todos os datos actualizados do persoal que se atopa en servizo activo. De todos os xeitos, temos coñecemento que nalgún centro de servizos periféricos atéñense á literalidade do que pon a lei e informan á xente que cambiase de consellaría que ten que solicitalo.

Descargar modelo solicitude cambio consellaría
* este modelo é só unha proposta editable, podes cambiar o que consideres.


Quenes teñen que solicitalo

En todo caso, o persoal que non se atopara en servizo activo a 31 de decembro na Xunta de Galiza, por xubilación ou calquera outra circunstancia, ou que perderan a condición de empregado/a público/a. As contías correspondentes seranlle aboadas pola consellaría, organismo ou entidade á que lle correspondera aboar a paga extraordinaria, logo de petición dirixida ao órgano de xestión de persoal, na que ademais dos datos de identificación da persoa solicitante, se indicarán os datos bancarios.

Curiosamente, neste punto tamén hai novidade con relación á Lei de Orzamentos. Mentres na Leis se esixe acompañar a solicitude dunha "certificación da habilitación de orixe dos conceptos e importes efectivamente deixados de percibir como consecuencia da supresión da paga extraordinaria", nas instrucións non se esixe.

De novo, non imos nós a protestar por algo que mellora e máis tendo en conta que estes datos os ten a propia Xunta. En calquera caso, boa cousa sería publicar tamén estas instrucións para que o persoal que xa non ten vínculo coa Administración da Xunta poda enterarse deste cambio.

Descargar modelo persoal non servizo activo (incluída xubilacións)
* este modelo é só unha proposta editable, podes cambiar o que consideres.


Prazos

Tal e como establece a disposición sexta das instrucións, a parte correspondente recuperarase coa nómina ordinaria do mes de xaneiro de 2015, agás para aquelas persoas para as que a habilitación correspondente non dispoña da totalidade dos elementos formais necesarios, acreditándoos nestes casos na primeira nómina que sexa posible.

Resulta tamén evidente que as persoas que teñen que facer a solicitude, en función da data de presentación desta, poidan ver atrasado tamén o cobro máis aló de xaneiro.

Por último, recordamos que, consonte á Xustiza, aínda nos deben outra metade da parte extra devengada, ou sexa, outra "paguiña" da mesma cantidade do que cobraremos en xaneiro. Este segundo aboamento non se producirá antes da entrada en vigor do proxecto de Lei de Emprego Público que foi remitido a finais do ano pasado ao Parlamento e que está previsto neste primeiro semestre de 2015 (ver Disposición Transitoria 11ª)


Estratexia de teletenda


A estratexia da devolución de atrasos que están adoptando a maioría das Administracións públicas co seu persoal é propia dun programa da teletenda: parecen que dan moito, pero en realidade resulta unha estafa.

Están dividindo a devolución en atrasos por mandamento xudicial e outros de execución política e, no caso da Xunta, aínda os trocean en maior parte de cachos que noutras Administracións. Deste xeito, temos sucesivas "pagiñas extra" que non agardamos e a cidadanía percibe unha realidade distorsionada de que nos están dando diñeiro adicional "todo o tempo".

O diñeiro que nos están devolvendo, sen xuros, é noso. É unha parte moi pero moi pequena de todo o que nos deben, pero é noso. Foron considerables os € que tomaron prestados das nosas nóminas única e exclusivamente para que a Xunta cadrase os números cos bancos, non para axudar ás persoas máis desfavorecidas. Pois, por moita estratexia de mercadotecnia barata, Sr. Feijóo, como a banca, nin esquecemos, nin perdoamos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario