Levamos tempo denunciando o Decreto de Integración a través do cal o persoal laboral fixo dos chiringuitos acaba converténdose en persoal laboral fixo da Xunta de Galiza sen ningunha proba adicional e conservando durante 6 anos as súas retribucións superiores do ente extinguido. Tan só teñen que ter pasado un proceso selectivo nos chiringuitos que cumpra os principios de "igualdade, mérito, capacidade e publicidade". Pero claro, aquí é onde vén a trampa, pois dos principios á realidade hai un bo treito.
Nos chringuitos priman os procesos selectivos de currículum e entrevista no canto de varias probas que garantan dun xeito obxectivo un coñecemento profesional da Administración. Non había, polo tanto, unha homologación cos procesos selectivos realizados a través da Función Pública para ser persoal laboral ou funcionario da Xunta de Galiza, nin en temario, nin en probas, nin en dificultade.
Estes procesos de integración son do que máis rápido se move na Función Pública galega, como se houbese un interese oculto en deixalo todo atado e ben atado. E non esquezamos que posteriormente virá o proceso de funcionarización e de aí o salto aos postos de maior responsabilidade como xefaturas de servizos ou subdireccións xerais. Entre toda a cantidade de xente que entra, atopamos tamén cargos políticos do PP, como destapaba este domingo El País.
Cumpría dar sensación de austeridade en anos pasados e tiveron que desfacerse da maioría dos chiringuitos pero qué facer con todo ese persoal, parte do cal fixera bos favores políticos, como é o caso do persoal xerente das Fundacións para o Desenvolvemento Comarcal? Por suposto, noutros casos, dábase a cuestión de quen ía seguir facendo ese traballo subrogado de diversas consellarías porque para a Xunta chamar das listas oficiais de substitución nunca foi unha opción.
Con carácter xeral subrrogaron a todo persoal de canto chiringuito foron extinguindo e agora fan uns procesos de integración que dan un pouco a risa comparado por exemplo coa promoción interna da Xunta. Para máis inri, as persoas que se integran non veñen co posto senón que acostuman a integrarse en postos xa existentes nas consellarías, organismos ou entes.
No caso das fundacións comarcais, o persoal xerente será o único se beneficie desta integración. Cando desapareceron estes chiringuitos o seu persoal temporal foi despedido e o persoal xerente pasou a formar parte, no 2011, doutros entes da propia consellaría de Medio Rural como a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos (Seaga) ou a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).
No caso das fundacións comarcais, o persoal xerente será o único se beneficie desta integración. Cando desapareceron estes chiringuitos o seu persoal temporal foi despedido e o persoal xerente pasou a formar parte, no 2011, doutros entes da propia consellaría de Medio Rural como a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos (Seaga) ou a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).
Agora, vía publicación no DOG o 5 de xaneiro, comeza o verdadeiro proceso de integración como persoal laboral da Xunta. Tamén ese mesmo día publicaron outras dúas ordes de integración para a Fundación Galicia Emigración e a Fundación Axencia Humanitaria de Galicia.
Máis aló do aspecto do puro enchufismo, o problema para a cidadanía vén de que estes procesos de integración e o Decreto do que derivan socaban a necesaria independencia e profesionalidade da traballadora e traballador público. Normalmente, aquela persoa que entra de xeito clientelar actúa posteriormente do mesmo xeito.
Está ben claro que a esta Administración sempre lle interesou ter este tipo de persoal, sobre todo nos postos de responsabilidade, e non era porque fixeran ben as cousas ou porque fosen xente moi capaz (senón prepararían unha oposición); entraron como entraron porque eran xente de confianza, sobriña do alcalde de acolá, fillo daquel outro ou simples persoas recomendadas polo partido. Nos postos de non responsabilidade, sempre podia acabar calquera persoa do común.
Non se está a dicir que todo o persoal con responsabilidades nos chiringuitos sexa corrupto en potencia, pero si está claro que a corrupción é máis doada en entes que escapan dos controis que si ten a Administración Xeral da Xunta que sin ser unha marabilla, resulta algo máis garantista, tanto nos procesos selectivos do seu persoal como nos controis financieiros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario