Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 28 de decembro de 2023

Aprobada unha terceira carreira que non resolve os problemas das anteriores


Estas ordes de carreira aprobadas na Comisión de Persoal do día 22/12/2023, abren un novo prazo do sistema extraordinario para as persoas que non cumprían os requisitos de formación ou antigüedade no ano 2019 e 2022, ou que, cumprindo os requisitos non a solicitaron. Pero ollo, non o fan de xeito absoluto e deixan fora a moito persoal.

• Se es interino ou temporal con máis de 11 anos de servizos e concedéronche o grao I no 2022, non vas poder solicitar o grao II. (De feito, dos case 4.000 interinos e temporais que poden solicitar a carreira tan só 13 van poder solicitar o grao II).

• Se es funcionario de carreira ou laboral fixo con máis de 11 anos de servizos e non solicitaches o grao I no 2019 e obtivéchelo no 2022, tampouco vas poder solicitar o grao II agora.

• Se es laboral fixo que non se quixo funcionarizar e paralizáronche o cobro dos graos I e/ou II seguen esixíndoche que te funcionarices.


Propuxemos instaurar a carreira ordinaria e encaixala co sistema extraordinario aberto, permanente e automático para todo o persoal, sen exclusións e pagando os atrasos ao persoal ao que se lles negou no 2019. Pero Función Pública sigue tirando para adiante co apoio doutras organizacións, cun modelo fracasado, discriminatorio e que non executa as sentenzas. Preguntámonos, por que cada vez que a CIG pon solucións enriba da mesa eles prefiren seguir arrastrando os problemas do pasado.


xoves, 21 de decembro de 2023

Listas provisionais para a contratación temporal de persoal funcionario e laboral da Xunta de Galiza

 

No DOG do 20/12/2023 publican a RESOLUCIÓN do 13 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fan públicas as listas provisionais para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza.

Fan públicas as listas provisionais para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario dos corpos e escalas que se relacionan no anexo I desta resolución, así como para o desempeño temporal de postos reservados a persoal laboral dos grupos e categorías que se relacionan no anexo II.

As listas poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, htz://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de Listas de contratación; no Servizo de Atención e Información á Cidadanía a través do teléfono 012; e nas oficinas de rexistro e atención á cidadanía da Xunta de Galiza (oficinas dos edificios administrativos da Vicepresidencia Primeira e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes).

As persoas interesadas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza, para presentar reclamacións ante a Comisión Permanente (Dirección Xeral da Función Pública, Consellaría de Facenda e Administración Pública, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela).

mércores, 29 de novembro de 2023

Concursos de traslados de axentes ambientais e de escalas do SPIF para 30/11/23, e así están os demais

 

Despois de semanas negociando as bases do concurso de traslados de Administración especial (que servirá de modelo para o resto de concursos), o director xeral de Función Pública (DXFP) convocounos para discutir e votar o día 30/11/23 os concursos de traslados das escalas do SPDCIF e de axentes técnicos ambientais.

CONCURSO DE TRASLADOS DA ESCALA DE AXENTES TÉCNICOS AMBIENTAIS

Convocatoria do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de axentes técnicos medioambientais. O borrador vai para a Mesa Sectorial de Negociación de Persoal funcionario e para a votación na Comisión de Persoal. Descargar o borrador e o anexo de postos

CONCURSO DE TRASLADOS DAS ESCALAS DO SPDCIF

Convocatoria do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escalas de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais. O borrador vai tamén para a Mesa Sectorial de Negociación do Persoal funcionario e para a votación na Comisión de Persoal. Descargar o borrador e o anexo de postos

RETIRAN AS COMISIÓNS DE SERVIZO E A CADUCIDADE DA FORMACIÓN

venres, 17 de novembro de 2023

NO-DO: indemnizacións por razón de servizo

 

El ilustrísimo señor director general de la Función Pública ha pernoctado en el distinguido Parador Nacional de esta preciosa localidad (aloxamento: 120,92 €) donde ha sido agasajado con una degustación de platos del afamado chef francés Alphonse Rodé (media manutención: 26,67 €), mientras su simpático y servicial chofer Manolo se regalaba con un sabroso plato de atascaburras y vino de pitarra (media manutención: 16,63 €) en la Fonda Paquita (aloxamento: 57,68 €).

O que vés de ler evoca un pasado en branco e negro? Pois é o presente, un simple exemplo clasista, onde fora da anécdota, as cantidades que aparecen das indemnizacións por razón de servizo son reais e as quere aprobar a Xunta de Galiza traéndoas a unha mesa de negociación baixo a forma de acordo, como se fósemos tan rastreiros como para referendar unha proposta tan rancia.

Si, vannos dicir que todo sube un 17,90 % excepto a manutención dos altos cargos e subdirectores xerais que queda como estaba. Van tamén argumentar que noutras administracións sucede o mesmo.

xoves, 16 de novembro de 2023

Para UGT os trienios son para paliar a perda de poder adquisitivo

 

Non é que escriban as notas na barra dun bar, é que intelectualmente son uns palanquíns e non dan artellado unha mellor desculpa para convencernos de que non sufrimos unha perda de poder adquisitivo.

Na última nota de UGT sobre o incremento do 0,5% nos din varias cousas de interese, como que no ano 2022 nos subiron un 6,66% as retribucións e no 2023 un 4,5%, co cal a perda de poder adquisitivo pásanos de largo ao persoal da Xunta. Todos os anos, nos orzamentos xerais do Estado e con carácter básico se establece unha suba (ou non) das retribucións co fin de paliar (outra vez ou non) a inflación.

Pero contarnos que un complemento de carreira ou de desempeño é para iso é o mesmo que dicir que os trienios teñen por función evitar a perda de poder adquisitivo e non retribuír a antigüidade.

Pois isto é o que fan os amigos da UGT, sumar á suba salarial do 3,5% do 2022 e do 3% en 2023, os incrementos da carreira profesional. Resulta entón que o complemento de carreira profesional non é unha retribución adicional ao complemento de destino, senón que existe “para non perder tantos cartos”.

martes, 14 de novembro de 2023

Promoción ao C2: os tempos son chegados... da Olivetti 98

 

A chulería e ignorancia de Función Pública non ten límite, ou se lle descoñece teito.

Despois de que nas catro últimas promocións internas ao corpo auxiliar (subgrupo C2) quedaran prazas desertas e que o sistema selectivo se demostrara un desastre, inxusto e ineficiente, e que se detectara claramente o problema, este director xeral segue queréndose rir das persoas empregadas públicas do corpo subalterno.

O problema é que a proba de coñecementos informáticos é un obstáculo infranqueable, e non por falta de coñecemento dos opositores, senón porque así está deseñada para facer de barreira, cun nivel de esixencia que non se corresponde coas necesidades reais que vai ter o persoal para traballar no corpo auxiliar.

O da proba de coñecementos ofimáticos do C2 vén herdado de cando as persoas do corpo auxiliar tiñan que saber mecanografía porque o resto dos corpos non tiñan por que usala. E os aspirantes tiñan que ir cargados ata Compostela, A Coruña ou Silleda, segundo onde fora o exame, coas súas máquinas de escribir Olivetti 98 de 14 kg de peso, que era o modelo estándar que se usaba nas administracións.

luns, 6 de novembro de 2023

Comisión de Persoal: OPE 2023, toma de posesión de varias escalas e outros asuntos

 

Na Comisión de Persoal do día 06/11/2023 se levaron a votación os seguintes asuntos.

Oferta de emprego 2023

Oito minutos antes do comezo da Comisión de Persoal, Función Pública envíanos un novo borrador da OEP 2023 con cambios. O fundamental é que se incrementan as prazas do anexo II (promoción interna independente do persoal funcionario).

No caso da promoción ao corpo de xestión (subgrupo A2) se incrementan as prazas pasando de 30 a 60. E no caso do corpo administrativo (subgrupo C1) as prazas pasan de 50 a 100.

Para a CIG este incremento é insuficiente, tanto para o caso concreto destes dous corpos onde se detecta un grande número de aspirantes, como tendo en conta os outros dous, o corpo superior (subgrupo A1) e o corpo auxiliar (subgrupo C2), que é precisamente onde quedan prazas vacantes, e non porque non haxa aspirantes se non porque nestes dous casos o modelo de promoción interna demóstrase que falla.

Pero a maiores disto non atenderon a demanda de estender a promoción interna ao resto de escalas e aos corpos especiais.

Das alegacións da CIG non atenderon a ningunha:

Non hai promoción cruzada.
Non hai opción de elixir destino ou abrir o posto ao subgrupo superior.
Seguen sen fixar o concurso-oposición como sistema de acceso en libre.
Seguen funcionarizando á baixa ao grupo III-99.
Os tribunais seguen sendo de designación política.
Non aceptan a taxa adicional do RD-l 5/2023.
Non aceptan desenvolver o grupo B.
Etc.

Polo tanto o voto da CIG é EN CONTRA.

Puntos 3º, 4º, 5º, 6º. Procesos de funcionarización do persoal laboral fixo na modalidade específica (aprobados do último proceso de consolidación)

xoves, 2 de novembro de 2023

Calendario laboral Compostela 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou en data 17/07/2023, unha vez aprobado polo Consello da Xunta, o calendario laboral de Galicia para o próximo ano 2024. 

A normativa estatal, fixada polo Real Decreto 2001/1983, establece as 14 festas anuais de ámbito nacional non recuperables, remuneradas e de carácter obrigatorio. Destes 14 festivos, dous son elixidos por cada concello. Dos outros 12 restantes, nove son de carácter obrigatorio e non substituíbles a non ser que coincidan en domingo: 1 de xaneiro, Venres Santo (29 de marzo), 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro (domingo en Galicia pasa o 17 de maio día das letras galegas) e 25 de decembro. 

Ademais, outros tres festivos de carácter nacional poden ser substituídos polas comunidades autónomas: o 6 de xaneiro, que nunca se cambia, agás que coincida en domingo; o Xoves Santo (28 de marzo), que Galicia non cambia tradicionalmente. E dáselle a opción ás comunidades entre o 19 de marzo e o 25 de xullo. Sempre se elixe o 25 de xullo, xa que é o Día Nacional de Galicia, tal e como quedou establecido polo Decreto 8/1978, do 10 de xullo.

Pola súa banda, o Concello de Santiago de Compostela aprobou como festivos locais para 2024 os tradicionais da Ascensión e San Roque, a relación de festas laborais de carácter local publicouse no DOG do 02/11/2023. 

No 2024 haberá un día asuntos propios adicionais o coincidir o día 12 de outubro en sábado, tamén coincide en sabado o 6 de xaneiro, máis o ser sustituible por as CCAA, non xera día adicional de asuntos propios. 

Así mesmo, o persoal que traballe os días 24 e 31 de decembro poderá desfrutar de dous días adicionais de asuntos persoais. 

Estas potenciais incorporacións foron feitas a raíz do contundente recorte nos días de asuntos propios (e outros dereitos) no 2012. Inicialmente o persoal da Xunta partiamos de 9 días de asuntos propios ao ano pola lexislación autonómica e máis os días adicionais por antigüidade recoñecido polo EBEP. Lembramos que os días de asuntos propios foron compensacións pasadas de non subir o salario ante un IPC desbocado, dende o 2012 partimos de 6 días de asuntos propios.  

Si queres descargar o calendario laboral de Santiago de Compostela para o ano 2024 pica no siguinte enlace: Calendario 2024

martes, 31 de outubro de 2023

Asembleas: concursos de traslados, promoción interna e 35 horas

 

A CIG está farta de tratar estes asuntos en interminábeis mesas de negociación onde case nunca nada da froitos. E como a nosa tradición é mobilizadora, cremos que as persoas empregadas públicas temos que comezar a movernos e demandar que o dereito a poder concursar, promocionar ou a ter horarios racionais SI ten cabida na Administración autonómica.

Por iso convidámoste a participar nas asembleas informativas que organizaremos sobre os concursos de traslados, sobre a promoción interna non convocada e sobre a demanda de redución da xornada laboral.

  • Compostela (San Caetano): mércores 8/11/23, ás 11h, salón de actos 2 - San Caetano
  • Compostela (San Lázaro): venres 10/11/23, ás 11h, salón de actos - Sanidade

A Xunta convoca parte da promoción interna: mobilizarse SI vale

 

Despois de ter anunciado mobilizacións PARA ESTE XOVES DIA 2 diante de San Caetano, e de realizar as primeiras asembleas en Vigo, Pontevedra e Ourense, a Xunta accede a convocar parte da promoción interna das ofertas de emprego de 2020, 2021 obviando sumar a do 2022.

Un total de 585 prazas das ofertas de dous anos que hoxe aínda estaban sen convocar e das que adiaba dar resposta. A Xunta de Rueda esta xogando coas expectativas, o tempo e os cartos do persoal que estaba mes a mes pagando academias e estudando sen un horizonte claro.

Pero para a CIG, non é suficiente. Unha vez posta en marcha a maquinaria, non hai ningún esforzo adicional en convocar as prazas das tres OEP´s no canto de convocar só as de 2020 e 2021. E esiximos que non se limiten só ás promocións internas de corpos xerais e que convoquen a das escalas e corpos especiais separadas.

En relación ás bases, dende a CIG queremos facer fincapé na necesidade de cambio do modelo de promoción, especialmente grave no caso do acceso ao corpo auxiliar (subgrupo C2), pois demóstrase o actual como un fracaso.

En pleno 2023 non podemos admitir que sexa máis doado aprobar unha oposición dende fora que dende dentro da casa.

martes, 24 de outubro de 2023

MANIFESTO DE APOIO A INSPECCIÓN DE SERVIZOS SOCIAIS

 


Na reunión da Comisión Permanente desta Xunta de Persoal de Servizos Centrais do día 19 de outubro de 2023, aprobouse o seguinte manifesto:


Coñecedores da apertura de actuacións previas a varios compañeiros/as, inspectores/as de servizos sociais polas denuncias feitas pola Asociación Galega de Inspectores e Inspectoras de Servizos Sociais, ante o presunto malfacer da Consellería de Política Social e Xuventude na inspección de centros residenciais, temos que  manifestar o seguinte:


A nosa oposición a calquer tipo de obstáculo ou represalia que impida que os inspectores/as de Servizos Sociais fagan o seu traballo conforme   establece a Lei, coas garantías que lles da a normativa vixente e a independencia que teñen que ter no desempeño das súas funcións.


Reiterar que si a Consellaría de Política Social persiste en abrir expedientes aos traballadores/as públicos, por desempeñar as súas funcións como persoal funcionario independente e  garante dos servizos sociais  terán a esta Xunta de Persoal enfronte, defendendo sempre a legalidade vixente. A Xunta de Galicia non pode confundir o dereito que teñen as asociacións profesionais a opinar, publicar, difundir e incluso denunciar as irregularidades que atopen nas accións da Consellería de Política social, coas actividades laborais do persoal de inspección de Servizos Sociais.


Lamentamos tamén o pouco apoio ante as súas denuncias  por parte dos seus superiores xerárquicos.


Esta Xunta de Persoal de SSCC sempre defenderá os Servizos Públicos. Entendemos que os Servizos Sociais son unha pata máis do sistema de benestar que todos os galegos deberíamos gozar, sendo a inspección de Servizos Sociais o garante de que estes funcionen correctamente.

A todos os efectos, asino en Santiago de Compostela a 19 de outubro de 2023.


O presidente da Xunta de Persoal de SSCC

xoves, 19 de outubro de 2023

35 horas para todo o persoal, XA!

 

A Xunta do PP convocounos para unha Mesa Xeral de Empregados Públicos "exprés" para o luns 16 para pasar o preceptivo trámite legal de varias adaptacións da Lei de Emprego Público galega polo avance da normativa básica estatal e impoñer cuestións de ultima hora que vulneran os dereitos dos empregados públicos, como sempre.

E, desta forma un ano máis modifica a Lei de emprego aproveitando a Lei de medidas que acompaña aos orzamentos sen afrontar unha negociación seria que sirva para mellorar as condicións laborais do persoal empregado público.

Máis a CIG non se cala e reitera as súas propostas!

  • 35 horas semanais para todo o persoal empregado público XA! Lembramos que hoxe estamos a traballar un mínimo de 120h anuais de máis que noutras administracións.

  • Concursos de traslados PERMANENTES

  • Promocións internas ANUAIS

  • Bolsa de horas positiva coa posibilidade de traballar 4 días/semana.

  • Recuperar os dereitos roubados no 2012 polo que se debe derrogar os recortes do Fondo de Acción Social, voltar as compensacións do V Convenio, o 100% das pagas extraordinarias, ampliación dos días de asuntos particulares aos 9, etc.

  • Rematar coa rebaixa profesional e activar dunha vez o grupo B previsto na LEPG e no EBEP.

  • Introducir na lei de emprego o novo permiso parental de 8 semanas (non retribuído) previsto na normativa básica estatal para todos os traballadores/as e adaptar adecuadamente o resto dos permisos que propón a normativa básica como os cómputos dos permisos en días hábiles de traballo, inicio dos permisos en días non feriados.

ÚLTIMA HORA!

Concursos de traslados: sin horizonte temporal claro, e coas comisións de servizo por medio

 

Aparentemente, nos seguintes meses teremos a convocatoria de tres concursos (primeiro incendios, despois escalas sociais, seguido do resto de administración especial). Do resto (corpos xerais e demáis escalas), o DXFP non se compromete. Mentres, teiman en manter a valoración das comisións de servizo no baremo de traballo desenvolvido.

Despois de varias xuntanzas e escritos de alegacións, e catro borradores do concurso de traslados de Administración especial, que servirá de modelo para todos os concursos, a CIG e a Dirección Xeral de Función Pública mantemos numerosas diferenzas. Aquí, queremos destacar dúas cuestións:

Concurso de traslados para todo o persoal

O tempo que pasa entre concursos é excesivo. Temos xente que leva anos e anos desprazándose entre localidades cando hai numerosas vacantes dispoñíbeis (que se adxudican en comisión de servizos, a dedo). Temos algunhas escalas con máis de 10 anos sen concurso. A CIG esixe que se convoquen os concursos de traslados para a totalidade dos corpos e escalas da Administración Autonómica, de xeito que poidan estar TODOS resoltos antes do 31/12/2024.

O DXFP non dá prazos. Tan só fala da orde que van seguir (algúns): primeiro o das escalas de incendios, despois as escalas sociais, e por último o resto da administración especial. Dos corpos xerais, e do resto de escalas de administración xeral non di nada, non se compromete a poñer datas, nen sequera aproximadas.

E aquí cabe unha reflexión: existe a posibilidade de facer un concurso único para absolutamente todo o persoal da Administración autonómica, con todas as prazas vacantes? Non é obrigatorio que os concursos teñan que ser por escalas ou grupos de escalas, podería ser para a totalidade dos postos á vez. Cada concursante só vai poder facelo ás prazas que están abertas ao seu corpo, escala ou especialidade. E isto tamén resolvería as situacións que se teñen dado no pasado de que os corpos que primeiro concursan eran os que collían os mellores postos cando estaban abertos a varios deles.

Deste xeito tamén se poderían incorporar ao concurso único os corpos xerais e escalas que Función Pública agora elude contestar cando van concursar.

Traballo desenvolvido en comisión de servizos

mércores, 18 de outubro de 2023

Loteria de nadal CIG 2023

Temos á vosa disposición a lotería de Nadal da CIG para o sorteo do vindeiro nadal (22/12/24).  Xogamos o mesmo número que anos anteriores, e as participacións voltan a ser de 5 euros sen recargo.

Os puntos de venda están no local da CIG en San Caetano, soto de Educación, teléfono 981 545 909.

E no local da CIG en San Lázaro, baixo da Consellaría de Promoción do Emprego, teléfono 981 546 999.

Ante as desilusión que nos dan cada día os responsable da Xunta (procesos selectivos eternas, concurso eterno, comisións de servizo sine die, promocións internas eternas...) a ver se podemos darnos unha alegría.

A Lei de Medidas da Xunta en materia de persoal confirma a falta de iniciativa da administración galega

 

A Xunta aprobou a Lei de Medidas en materia de persoal (lei de acompañamento aos orzamentos) para o ano 2024 na Comisión de Persoal do martes 17 de outubro. Foi ás presas, sen opcións a propor cambios ou facer achegas. Esta Lei fai modificacións da Lei do emprego público de Galiza e impoñe outras cuestións.

A Xunta pecha a porta á negociación da xornada das 35 horas na Administración xeral

A CIG propuxo a redución de xornada a 35 horas semanais para todo o persoal empregado público. Na intervención do director xeral de Función Pública en resposta a esta solicitude de aplicación da xornada de 35 horas no ámbito do persoal da Administración xeral da Xunta , deixou clara a súa nula vontade de camiñar cara esa redución:

“Dificilmente se pode afirmar que na administración autonómica haxa quen traballa por riba das 35 horas.  Aínda que legalmente o tope de horas está nas 37,5 horas, na práctica isto non é así. No horario anual hai que ter en conta a xornada reducida dos meses de verán. Por outro lado, os acordos no SERGAS, en Política Social ou en Educación xa supoñen redución e polo tanto non está enriba da mesa facer máis cambios no horario do persoal da Xunta” (Barreiro dixit)

A Xunta négase a avanzar en dereitos para as empregadas e empregados públicos

A proposta de modificación da Lei 2/2015 de emprego público de Galiza non incorpora o permiso parental de 8 semanas (incorporado no EBEP e pendente de desenvolvemento) nin promove ningún cambio na duración do permiso de parto para a outra persoa proxenitora, na liña da sentenza gañada pola CIG no TSXG e que a Xunta ten recorrido en casación perante o Tribunal Supremo. 

A CIG formulou neste sentido propostas encamiñadas a incorporar ambas melloras: 

- Incorporación do permiso parental de 8 semanas con carácter retribuído. Tal e como está recollido na modificación do EBEP, o permiso parental consiste en poder dispoñer de até 8 semanas para o coidado dunha filla ou fillo de 8 anos ou menor en acollida . Esas 8 semanas poden ser continuas ou descontinuas, a tempo parcial ou total e pódeno gozar ambas persoas proxenitoras. A duración mínima, no caso de se fraccionar, debe ser dunha semanal. Este permiso estaba pendente de desenvolver e a modificación da Lei do Emprego Público de Galiza é a ocasión precisa para facelo. A CIG defende que tamén se debe avanzar recoñecendo o seu carácter retribuído.

Nunha última intervención final do director xeral de Función Pública non descartou incorporar este permiso mais sen ningún compromiso pechado.

- Equiparación dos permisos de parto para ambos integrantes da parella. A CIG, na liña de aumentar progresivamente este permiso até as 52 semanas, propón dar o paso de subilo até as 30 semanas xa no 2024. En calquera caso, sería unha falta de respecto que a Xunta ignorase o incumprimento da normativa europea de non discriminación por razón de xénero que implica ter unha duración menor (16 semanas) para a outra persoa proxenitora en relación á nai biolóxica (22 semanas) polo que de negarse a avanzar o mínimo que cabe agardar da Xunta é que se recoñeza unha duración de 22 semanas en ambos casos.

Función Pública negouse a aceptar a nosa proposta e agardará a que o Supremo decida sobre o seu recurso de casación contra a sentenza gañada pola CIG.

A CIG propuxo que se incorpore á persoa convivinte en todos os permisos nos que actualmente non aparece. 

martes, 10 de outubro de 2023

Nin para unha botella de aceite: unha baixada do poder adquisitivo disfrazada de suba salarial do 0,5%

Non vos imos abafar con moitos datos porque calquera persoa empregada pública pode percibir que unha suba media de 7 euros netos non da nin para mercar un litro de aceite.

Baixo o presuntuoso nome de Acordo para unha administración do século XXI (parece que algunha letra se lles moveu de sitio neste acordo do século XIX), o goberno español, CCOO e UGT pactaron non subir os nosos salarios conforme ao incremento do custe da vida. E na Galiza reproduciron o mesmo o PP, CCOO, UGT e CSIF.

De todo isto xa vos fomos detallando as consecuencias dende que asinaron un acordo que ataba de pés e mans ao persoal empregado público en caso dunha esperada suba do IPC.

Pero se ben dicimos que non imos dar moitos datos, algúns si temos que dar para comprender por que esta suposta suba é en realidade unha perda. Tendo incluso en conta as estimacións máis baixas de subida do IPC para o 2023 (as que fai o Banco de España) e reflectindo xa a suba do 0,5%, o panorama é o seguinte:

Perda de poder adquisitivo das persoas empregadas públicas (2022-23)

martes, 3 de outubro de 2023

A Xunta impón unha orde de flexibilización por conciliación discriminatoria co seu persoal

 

Na Comisión de Persoal do 29 de setembro a Xunta aproba a orde que desenvolve a flexibilidade por conciliación da Lei de Impulso demográfico sen esforzarse a chegar a acordos coa representación do persoal e sen dar resposta as alegacións presentadas

A Administración aprobou a Orde coa que pretende regular a flexibilidade horaria por conciliación prevista nas diferentes normas estatais e que a Xunta ampliou a 18 anos de idade coa Lei de Impulso Demográfico de Galicia. Un documento engorroso que levaba paralizado moito tempo e que finalmente contou co voto en contra da CIG e coa abstención do resto dos sindicatos.

Esta orde de flexibilidade limita o dereito á conciliación da maioría do persoal empregado público

Deixa fóra do dereito de conciliar directamente ao persoal non docente da Consellería de Educación. Xustifícao a Administración por “ser persoal de atención directa”. Isto pode darnos unha idea sobre como van a proceder co resto do persoal que prestamos servizos en centros con atención a persoas usuarias ou persoal a quendas.

Limita as posibilidades de flexibilizar xa que a dirección do centro pode establecer un marco horario limitado (que pode ser menor que o do servizo).

mércores, 27 de setembro de 2023

A Xunta de Galiza e o dereito a conciliación

 

Desexabamos que o I Plan de Igualdade para o persoal da Administración xeral da Xunta de Galiza trouxera avances en materia de conciliación familiar pero quedou nunha simple declaración de intencións que non achega nada novo. Ao igual que a Lei de impulso demográfico, coa que o goberno do PP nos encheu de propaganda da súa marabillosa receita para acabar co envellecemento poboacional, pero que segue sen desenvolverse a pesar de que o prazo máximo era dun ano dende a súa publicación o 2 de febreiro de 2021.

Así, na Galiza, a Xunta, que tería que ser referente para outras administracións e o sector privado en facilitar a conciliación para o fomento da natalidade e o benestar social das familias, o que fai é vender fume e nin sequera aplicar adecuadamente o que xa lexislaron no goberno do Estado Español e dende a Unión Europea.

A proposta da Administración autonómica en materia de flexibilización horaria

martes, 26 de setembro de 2023

Actualización das axudas de custe de quilometraxe e xantar

   

Na  Xunta de Galicia temos postos itinerantes, postos con xornadas especiais e alongadas, e moitas outras situacións de traballo nas que se require traslado en coche propio, xantar e mesmo durmir fóra. En todos os casos, as cantidades indemnizadas levan 18 anos sen actualizarse (30/12/2005).

Na CIG levamos solicitado, tanto no marco estatal como no autonómico, a actualización das axudas de custe. Esta situación e especialmente gravosa para os postos itinerantes que teñen que usar coche propio continuamente, algúns con mais de mil quilómetros ao mes e que teñen que poñer cartos do seu peto, xa que os 0,19 € por km non cobren nin os gastos de gasolina (e moito menos os de mantemento do vehículo).

Ademais denunciamos as cantidades asignadas para o xantar, que varían en función do grupo ao que pertence o empregado público, como se as necesidades de alimentación tamén aumentaran co grupo. O mesmo para a durmida. Por iso esiximos que se actualicen as cantidades e que se igualen para a todo o persoal.

No mes de xullo entraron en vigor as novas cantidades para o quilometraxe mediante polo RD 462/2023, que pasou a 0,26 €/km. E logo de demandar que se aplicara na Xunta de Galicia, o director xeral de Funcion Publica dixo que non era de aplicación directa e que necesitaban mudar a Orde. Solicitamos efectos retroactivos a entrada en vigor que foi publicada no BOE  de18 de xullo 2023.

Mais a pesar do prometido non veu a proposta de modificación para a Mesa Xeral do 19 e a aprobación na Comisión de Persoal xa que dixo que ía atender a nosa petición de actualizar tamén as cantidades de xantar e de algunha cousiña máis, e que iría para a semana que ven ás mesas.

Aledámonos de que a nosa Administración entrara en razón con esta cuestión mais entendemos que o efecto da quilometraxe a 0,26 debera ser retroactivo dende 18 de xullo.

Estes son os importes actuais: (DOG 30/12/2005)

 O que se cobra en función do grupo   Grupo "alto"   Grupo "baixo"
 Axudas de custe por aloxamento 102,56 € 48,92 €
 Axudas de custe por manutención 53,34 € 28,21 €
Axudas por quilómetro percorrido 0,19 €

martes, 27 de xuño de 2023

Tortuoso traslado de unha subdirección de Facenda da Pastoriza para Feans


Se queres traballar en un lugar (por chamarlle de algún xeito) en peores condicións que estar en prisión podes ir a traballar a Subdirección Xeral de Inspección e Control dos Fondos Públicos Europeos.

É unha das subdireccións con máis traballadores da Xunta de Galicia por rolda  as 39 traballadoras. Ata o de agora estaban situados  no edificio da Pastoriza,  e trasladáronos para os antigos locales onde estaba o GAIN en Feans,

Por certo nin nos notificaron a Xunta de Persoal e o Comite de Empresa de Servizos Centrais (SSCC) dese traslado, como e perceptivo e máis de un mes despois de mover a maior parte da Subdirección siguen no directorio telefónico da Xunta que están na Pastoriza, nen tampouco foi notificado do cambio o  Servizo de Prevenzon de Riscos Laborais.

Terán algo ou moito que agachar??, dende a Xunta de Persoal de SSCC xa se solicitou unha avaliación de riscos deste “novo” centro de traballo, xa que dende o noso punto de vista non reúne os requisitos mínimos para ser unha oficina de traballadores que por riba teñen atención o publico.

Están nun semi-sótano que só ten luz e ventilación natural por a porta de entrada, non ten fiestras  en nengún despacho, a luz artificial falla por todos lados xa que están máis da metade das luminarias fundidas, cables por todos lados, mesas que si lle pos algo encima vanse o chan, inúndase cando chove, ¡¡¡como que en Santiago de Compostela non chove nunca!!!, e o inundarse incha a madeira e non poden abrir algún despacho....

Queres paguita extra? Fala cos xestores de AMTEGA


Eres bo traballador/a?, eres sumiso/a?, eres do partido?, fas o que che mandan sen rechistar?, ou simpremente coincide que traballas na Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA)?, pois si e así estas en hora boa, podes ter unha boa productividade na nómina sen que nadie se entere, claro saltandose a normativa que regula estes pagos, facendoa dixital, oscurantista e arbitraria, a normativa que regula estes pagos vai de seguido:

Incentivos económicosA participación nos grupos de traballo ou unidades poderá ser incentivada coa percepción dun complemento de produtividade ou compensada con gratificacións extraordinarias, e corresponderá a cada centro directivo a elección, de xeito motivado, do tipo de incentivo.

O complemento de produtividade, que estará ligado á consecución de obxectivos, estará especialmente indicado na realización de tarefas de especial complexidade, dedicación e esforzo en que a iniciativa e o interese do persoal empregado público resulten decisivos na consecución dos obxectivos establecidos.

Produtividade: O complemento de produtividade que, se é o caso, se destine a retribuír o especial rendemento, a actividade extraordinaria e o interese ou a iniciativa con que o persoal funcionario desempeñe o seu traballo, nos termos establecidos na disposición transitoria décima da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

O complemento de produtividade establecerase de acordo con criterios obxectivos que aprobe o Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría correspondente e logo do informe da Dirección Xeral da Función Pública, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, unha vez escoitados os órganos de representación do persoal. Os complementos de produtividade débense facer públicos nos centros de traballo.

xoves, 15 de xuño de 2023

Horario de verán 2023

 Horario oficial:

Do 16 de xuño ata o 15 de setembro deberán realizarse 6 horas diarias continuadas de traballo entre as 8:00 e as 15 horas. O cálculo do cumprimento da xornada laboral será en cómputo diario.

Horario flexibilidade automática:

Do 16 de xuño ata o 15 de setembro, deberán realizarse 6 horas diarias continuadas de traballo entre as 8:00 e as 15 horas. O cálculo do cumprimento da xornada laboral será en cómputo diario.

Ata o 30 de xuño será posible compensar débeda do mes de maio e ata o 31 de xullo débeda da primeira quincena do mes de xuño. O tramo horario de compensación será de 8:00 a 15:00 horas.

Horario flexibilidade conciliación:

Do 16 de xuño ao 15 de setembro, deberán realizarse 6 horas de traballo diarias na franxa horaria autorizada pola Secretaría Xeral Técnica na resolución de concesión de flexibilidade por conciliación. O Cálculo do cumprimento da xornada laboral, será en cómputo mensual.

Ata o 30 de xuño será posible compensar débeda do mes de maio e ata o 31 de xullo débeda da primeira quincena do mes de xuño.

Horario redución de xornada de traballo diaria:

A Xanela. Boletín de CIG-Autonómica. Xuño-2023

 

Descarga A Xanela, o boletín da CIG-Autonómmica de xuño do 2023

- Restituír os dereitos recortados no 2012

A CIG insta a Xunta a restituír os dereitos recortados ao persoal público coa escusa da crise en 2012, sen agardar á sentenza tras a denuncia que presentamos no 2019.

- Concursos de traslados

A incompetencia da dirección política da Administración Autonómica de Galiza.

- A xornada de 35 horas e a semana de 4 días

- O ritmo dos procesos selectivos (e a promoción interna)

- Novos chiringuitos na Xunta

Presentámosche a Rede de "polos de emprendemento".

- Como contactar e recibir información da CIG-Autonómica

mércores, 31 de maio de 2023

Novos chiringuitos na Xunta: presentámosvos a Rede de polos de emprendemento Xempre Contigo

 

Os chiringuitos na Xunta de Galiza medran coma os cogomelos. Non ben se extinguen uns, xa se argalla algo para repoñelos con outros, a ducias se fai falla.

A nova ocorrencia vén agora da man da Dirección Xeral de Emprendemento e Emprego, a cargo de Margarita Ardao (Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade), cunha rede de chiringuitos constituída por 15 entidades denominadas "polos de emprendemento e apoio ao emprego", e que están repartidos polas catro provincias. Na actualidade hai activos 8 polos, mentres que aínda están pendentes outros 7. Os polos activos son os seguintes:

Polo da Costa da Morte (Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, Coristanco)
Polo das Rías Altas e Arco Ártabro (Ferrol)
Polo da Mariña (Mondoñedo)
Polo da Montaña Lucense (A Fonsagrada)
Polo de Lugo Sur (Monforte de Lemos)
Polo de Ourense Centro e Sur (Verín)
Polo de Miño Central (O Carballiño)
Polo de Pontevedra Norte e Rías Baixas (“La Moda” Rural Lab, local da Fundación Roberto Rivas, Silleda)

E que veñen sendo estes "polos"?

A CIG insta a Xunta a restituír os dereitos recortados ao persoal público coa escusa da crise en 2012

 

Remitímoslle un escrito a Función Pública para que restableza as condicións á espera da sentenza tras a denuncia presentada en 2019.

Reclamamos a restitución dos dereitos laborais que foron recortados ao persoal empregado público coa escusa da crise en 2012. Máis dunha década despois o Goberno galego segue a utilizar os mesmos argumentos para non restablecer as condicións de traballo suspendidas o que nos levou a presentar demanda no 2019 ante o TSXG contra as decisións da Xunta de manter os recortes.

Queremos lembrar que a Xunta aproveitou a crise económica iniciada en 2008 para sacar adiante a lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público de Galiza, unha norma que impuxo recortes de dereitos laborais que se manteñen a día de hoxe a pesar de que o texto da propia lei establece que “o carácter desta lei é temporal, polo que a súa vixencia queda supeditada á subsistencia das difíciles circunstancias económicas que afectan a sustentabilidade das contas públicas”.

venres, 19 de maio de 2023

Todo indica que Función Pública quere saltarse 3 promocións internas

 

Pasarían por diante os procesos de libre e de estabilización, malia que as prazas de promoción interna son de ofertas de emprego anteriores

A propaganda política ten consecuencias que o persoal funcionario pode pagar. En xuño convocaron 506 prazas por acceso libre para os corpos xerais que anunciaron aos catro ventos falando de oportunidades de emprego para a cidadanía, etc. Como os prazos son os que son non quedou outra que poñer para este mes de xullo as datas dos exames.

E mentres convocaban xa hai un ano estas prazas das OEP´s de 2020 e 2021 deixaban sen convocar a promoción interna deses mesmos anos e, a maiores, a de 2022, como xa che contamos aquí. Ademais destas tres ofertas sen executar, habería que sumar a promoción interna da OEP de 2023 que a Xunta tampouco quere aprobar.

E agora, cando os exames de libre xa están fixados para este mes de xullo nos din que falaremos da promoción interna... en setembro!!!

Cos ritmos que ten Función Pública iso implica que os exames serán no 2024 e igual a toma de posesión no 2025, cando xa estean resoltos e feitas as tomas de posesión dos procesos de libre e de estabilización de OEP´s posteriores.

Non se pode adiar máis a promoción interna nin castigar ao persoal funcionario de carreira sen oportunidades de promoción. A promoción interna débese negociar no que queda de maio e principios de xuño, e debe publicarse a convocatoria no mes de xuño e fixar os exames para fin de ano, ou en todo caso ten que rematar antes ou simultaneamente cos procesos de libre e estabilización.

Seguimos mantendo que a prelación para optar aos postos de traballo na Xunta deber ser 1º concurso de traslados, 2º promocións anteriores que estean actualmente en destino provisional, 3º persoal de promoción interna e 4º persoal de estabilización e libre.

Tratar de relegar ás persoas que teñen dereito a promocionar, non convocando xa, ou incluso manexando a posibilidade de deixar caducar as ofertas de emprego é síntoma da nefasta xestión e escuros intereses que se manexan en Función Pública.

venres, 12 de maio de 2023

A CIG reclama unha atención "de calidade e sen discriminación" nas administracións públicas

 

No marco da campaña en demanda de atención presencial, de calidade e sen discriminación, a CIG-Administración Pública, xunto co colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG, mobilizouse o 26 de abril na Coruña diante do edificio da Delegación do Goberno e o 10 de maio diante da Valedora do Povo en Santiago de Compostela. Na protesta denunciouse que coa escusa da transformación dixital e a cita previa a parte máis vulnerábel da cidadanía está a ser expulsada sen pudor das nosas administracións e servizos públicos.

Dende a CIG advertimos que o avance nas tecnoloxías non pode implicar que haxa unha discriminación na atención á cidadanía. Entendemos que o futuro da administración será pola vía telemática e dixital pero non se pode desatender a demanda dunha grande parte da sociedade porque non teña os medios ou a formación adecuada. Por iso, reclamamos un reforzo da atención presencial e a atención directa, que é fundamental para prestar un servizo de calidade.

Neste senso, rexeitamos que se utilice o sistema de cita previa, que pode ser unha ferramenta útil, para reducir a cantidade de persoas que acoden á administración e desvialas á vía telemática. Reclamamos que se axusten as ratios de cita previa ás necesidades reais, porque non é aceptábel que se estean a dar citas a dous meses vista, como está pasando no INSS ou na Tesoureiría da Seguridade Social. Dous ámbitos nos que existe unha elevada carga de traballo e nos que falta persoal, que ademais se deriva a cubrir a atención telemática.

35 horas, e nós que?

 

O SERGAS establece as 35h semanais para o seu persoal a partir do 2025. E para o persoal dos corpos xerais e especiais da Administración Xeral, que?

A Comunidade de Madrid, a Generalitat de Catalunya e, como non! a Xunta de Galiza son as tres administracións públicas que aínda non teñen implantada a xornada de 35 horas semanais para o seu persoal empregado público.

Nós, sempre á cola, sempre a rastro, sempre os últimos, así é a Función Pública Galega. Comunidades autonómas como Murcia e Castela e León veñen de chegar a acordos para reducir a xornada semanal e implantar unha mellora para o conxunto do persoal público.

A redución de xornada non é un “capricho do funcionariado”, no ámbito privado xa hai medidas que fomentan unha tendencia a redución de xornada, á implantación de obxectivos e á conciliación familiar sen deixar de lado a produtividade. Nomeadamente o goberno central aprobou este mes de abril unha serie de axudas para reducir a catro xornadas semanais sen tocar salarios, destacando os beneficios para a redución do consumo enerxético aumentando os beneficios sociais e a produtividade. Será unha conquista social máis, como foron no seu día as vacacións, non traballar sete días á semana, a prohibición do traballo infantil, etc. O que agora alguén pode vender como un privilexio non deixará de ser outro dereito laboral.

E que pasa na Xunta de Galiza?

martes, 4 de abril de 2023

Fondo de Acción Social para o ano 2022

 

Alegacións da CIG ao Acordo de Fondo de Acción Social para o 2022 A proposta de Acordo de Fondo de Acción Social segue a vir unicamente con axudas para para atención de persoas con discapacidade, polo que segue a manter limitadas as axudas iniciais deste Fondo de Acción Social, como a xubilación, discapacidade propia, fillos/as menores, maiores a cargo, axuda aos estudos de fillos/as e propios, adquisición de vivenda, gastos sanitarios e ópticos.

Todos estes recortes no FAS comezaron no ano 2012 da man da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galiza, unha lei ditada ao abeiro dunha crise económica xa superada e da que o goberno do estado español xa ten levantado todas as limitacións de orzamento que puideran ser xustificación destes recortes.

Nesta proposta que nos presenta a Administración, a única novidade con respecto o anterior FAS é o aumento do nivel das rendas anuais das persoas causantes, que se ve incrementado este límite dos 13.300 euros do ano pasado ata os 13.510. A cantidade desta axuda fica en 2.160 euros por causante, exactamente igual que no ano 2021 e no 2020, así que non se actualizou nen tan sequera co IPC.

Na CIG insistimos nas alegacións presentadas en anos anteriores e que se resumen en:

Concursos de traslados, procesos selectivos e FAS (información do DXFP 31/03/23)

 

Resumo dos “rogos e preguntas” da xuntanza do pasado 31 de marzo, onde o director xeral de Función Pública deu a información que trasladamos:

Concursos de traslados

  • Baremo finanzas: sairá na semana do 10 ou do 17 de abril.

  • O DXFP indica que é probable que a finais de abril teñamos unha primeira xuntanza para falar de prioridades nos concursos de traslados que convocar.

  • Tentarán acompasar os procesos selectivos e a resolución dos concursos de traslados.

Procesos selectivos (previsión)

  • Aux. clínica: remata o prazo de presentar documentación o 13 de abril. Semana seguinte elección de destino.

  • Traballo social: remata prazo 25 de abril. Tentarán que a última semana de abril saia a elección de destino.

  • Educador social: remata 3 de maio. Xa están facendo listados para elección destino.

  • Veterinarios: hoxe ou luns publican baremo definitivo. Abrirán prazo para documentación que rematará aprox. polo 10 de maio.

  • Bombeiros forestais: hai 393 alegacións ao baremo provisional e prevén que chegue algunha máis. Tentarán resolvelo o antes posible.

Fondo de Acción Social

Valoran a posibilidade de mudar o sistema de cobro para o persoal funcionario, pasando dun pago anual a pagos por mensualidades como está recollido no artigo 35 do V Convenio Colectivo do persoal laboral da Xunta. A tal efecto, no último trimestre do ano negociaremos un sistema de FAS diferente para o persoal funcionario o que implicaría que teñamos dúas convocatorias diferenciadas: unha referente ao ano 2023 que sería como sempre, e outra referente ao ano 2024 xa co novo sistema de pagos mensuais.

Observamos que está a referirse a axudas por persoas con discapacidade a cargo. Non hai referencia algunha á recuperación de todas as modalidades de FAS que eliminaron.

mércores, 29 de marzo de 2023

Concurso traslados, promoción interna, destinos, FISP, plan igualdade, excedencias, substitucións, grupo B, RPTs (máis información da CP 22/03/23 e MX 17/03/23)

 

Resumo dos “rogos e preguntas” da Comisión de Persoal do pasado 22 de marzo e Mesa Xeral do 17, onde o director xeral de Función Pública deu a información que trasladamos.

Concursos de traslados: esiximos comezar a negociar todos os concursos (xeral, especial, escalas, e persoal laboral). Hai que comenzar xa a negociación, máis tendo en conta os tempos que manexa Función Pública. Por poñer un dato, o último de Administración especial convocouse no ano 2012.

Promoción Interna: lembramos que hai que comezar xa coas convocatorias de promoción interna. Non admitimos que o persoal de acceso libre vaia ter mais opcións que o de promoción interna á hora de escoller destinos por elixir antes. O maltrato ao persoal propio esta a ser bestial.

Prazas para elección de destino: está a pasar que para as eleccións de destino (provisionais) están a ofertar moi poucas prazas, e tamén que están a xogar cos criterios para seleccionar as prazas. Publicaran uns criterios, pero están a cambialos segundo cada caso sen sequera comunicarllo á representación do persoal. As prazas ocupadas en comisión de servizo son ofertadas unhas si e outras non. As prazas ocupadas por persoal interino son ofertadas unhas si e outras non. Pode gustarnos ou non o criterio decidido, pero o que non poden facer é andar a cambialo segundo o proceso, e dentro do proceso, segundo a praza. Están a sinalar quen queda e quen marcha.

venres, 24 de marzo de 2023

A EGAP mantén a discriminación no acceso aos cursos formativos

    

No último Consello Reitor da EGAP (decembro de 2022) indicouse por parte dos seus responsables un cambio nos criterios de selección motivado pola imposta obriga legal de facelo, dados os criterios discriminatorios e excluintes empregados até decembro de 2022, e que prexudicaron a tantas persoas que durante moitos anos se lle denegou, primeiro, facer cursos da EGAP, e posteriormente só puido acceder a eles no caso só e exclusivamente de que houbese prazas sobrantes. Isto leva sendo así dende hai décadas.

Pois ben, a EGAP a marzo de 2023 segue empregando os mesmos criterios que viña empregando nos cursos que está concedendo/denegando, sen aplicar en absoluto os novos criterios, sempre con total ausencia de transparencia, e evitando que o persoal poña reclamacións porque non envía avisos das denegacións, e só hai un prazo de 10 días para poñelas.

Un exemplo da discriminación no acceso á formación que denunciamos dende a CIG témolo no curso superior de linguaxe administrativa galega en cuia convocatoria dispoñen: 

Quinta. Criterios de selección

Flexibilidiade por conciliación, RPTs (Mar e PS), funcionarizacion limpeza e cociña (para MX 17/03/23)

 

O director xeral de Función Pública convocounos a unha xuntanza da Mesa Xeral de Empregados Públicos que será o venres 17 de marzo, coa seguinte Orde do día:

1. Modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) referente ao proceso de funcionarización de postos de traballo de persoal laboral correspondente ás especialidades de persoal de limpeza e cociña (V-001 e V-011). Descargar

2. Modificación da RPT da consellería do Mar. Descargar.

3. Modificación da RPT de Política Social e Xuventude consistente na transformación dunha praza de laboral en funcionario (non achegan documentación).

4. Modificación da Orde de flexibilidade horaria por conciliación familiar. Descargar.

Estamos tamén convocados a unha xuntanza que será a véspera, para tratar os mesmos asuntos.

Acordo "biólogos/as de zona", RPTs (Mar e Política Social), modificación equivalencias funcionarización (para CP e MX 22/03/23)

 

O director xeral de Función Pública convocounos a unha xuntanza da Comisión de Persoal e outra da Mesa Xeral de Empregados Públicos que serán o mércores 22/03/23, coas seguintes ordes do día:

Comisión de Persoal

  • Proposta de acordo entre a Consellería do Mar e as organizacións sindicais sobre as condicións de traballo de prazas adscritas aos servizos periféricos (biólogos/as e ciencias do mar). Descargar.

  • Modificación da Relación de Postos de Traballo da Consellería do Mar. Descargar.

  • Modificación da Relación de postos de Traballo da Consellería de Política Social e Xuventude, consistente na transformación dunha praza de laboral en funcionario. Descargar.

  • Orde equivalencias funcionarización. Descargar.

Mesa Xeral

  • Modificación da Relación de Postos de Traballo da Consellería de Política Social e Xuventude, consistente na transformación de tres prazas de laboral en funcionario. Descargar.

Plan de Igualdade da Xunta de Galiza: remisión da enquisa a todo o persoal

 

A elaboración dun Plan de Igualdade conta con diferentes fases reguladas na correspondente normativa como son o Compromiso da organización (que foi publicado neste mes) e a Elaboración da Diagnose (que necesita da recollida de datos cuantitativos e cualitativos (enquisa) para poder avaliar as carencias e propor solucións). Estas fases son necesarias para poder elaborar o Plan de Igualdade, a súa implantación e o seguimento das medidas propostas.

O luns día 20 de marzo a Administración a través de AMTEGA prevé enviar un correo masivo co enlace da enquisa do I Plan de Igualdade a todos os correos electrónicos das traballadores e traballadores da Xunta.

A enquisa estará dispoñible dende o propio luns 20 até o luns 10 de abril e pódese cubrir dende o móbil ou o ordenador persoal. Non se poden responder varias enquisas dende un mesmo ordenador (mesma IP). Dende a CIG propuxemos, porque somos conscientes da fenda dixital existente, o mantemento do formato papel para aquelas persoas que puideran ter máis dificultades para a tramitación electrónica, pero dende Función Pública non se aceptou esta posibilidade.

É necesaria a participación masiva nas respostas a este cuestionario e se algunha persoa ten dificultades para a súa realización, pode contactar coa CIG e botarémoslle unha man.

As administracións públicas están obrigadas a dotarse dun plan de igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e na ocupación dende o ano 2007 (Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva entre mulleres e homes).

Dende a CIG, levamos anos e anos esixindo un Plan que sexa unha ferramenta útil para a igualdade efectiva entre mulleres e homes na Administración Autonómica e non só unha obriga formal para cumprir coa normativa estatal ou europea ou un requisito que cumprir á hora de conseguir subvencións.

A pesar das nosas discrepancias, tras anos de intentos fracasados e de non tomarse en serio a negociación nin o ter un Plan de Igualdade de oportunidades para homes e mulleres, imos conseguindo que se materialicen pouco a pouco as fases da súa elaboración.

Dende a CIG seguimos traballando para que a igualdade sexa real e se removan todas as discriminacións.

venres, 10 de febreiro de 2023

O Domingo todos a rúa a defender a Sanidade Pública

 Este Domingo 12 de Febreito tócanos sair a rúa a defender a sanidade Pública.

SOS Sanidade Pública e outros colectivos de Sanidade teñen convocado unha manifestación, que vai ser masiva, para denunciar as graves eivas de persoal e estruturas que padece a Sanidade en Galicia. En concreto denúnciase  o desmantelamento da Atención Primaria, a degradadción das Urxencias e a atención especializada e as longas listas de espera.

Como cidadáns e como persoal público debemos apoiar esta iniciativa que incide na mellora de un  servizo público vital, e no benestar de toda cidadania.

Así dende A CIG-Autonómica de Servizos Centrais animámosvos a todas/os a acudir este domingo ás 12.00 H na Alameda de Santiago de Compostela  en defensa dunha sanidade pública de calidade e que fuxa dos recortes implementados polas políticas neoliberais estes últimos anos.

Vémonos o Domingo na defensa dos servizos  públicos!!

E para os da casa qué? (Promoción Interna agochada)

Posiblemente a parábola da Biblia máis inxusta sexa a do fillo pródigo. Aquél que abandona a casa, e volta anos despois recibe o mesmo ou mellor trato que o que botou toda a vida ao lado do pai.

Non sei se será unha alegoría acertada (e menos para nos que somos máis ben ateos) pero non deixa de haber un claro paralelismo co que pasa na Xunta de Galicia.

A Dirección xeral da Función Pública está enfrascada en solucionar as diversas problemáticas que lle botaron enriba por anos de inacción e chapuceo, como son a estabilización e a funcionarización, cousa que está moi ben; pero esto non pode facer que outros problemas non teñan solución.

E xa non falamos dos concursos de traslados, as chapuzas nas comisións de servizo ou de estruturas infladas por arriba; senón que falamos da Promoción Interna.

O persoal funcionario ten tamén dereitos, e un deles é a mellorar na carreira administrativa, somos xente preparada con anos de estudio e esforzo que merecemos unha oportunidade para mellorar.

Pero a Xunta de Galicia furtanos esa posibilidade ao agochar debaixo da alfombra 942 prazas das ofertas sin convocar dende 2020.

Cantas expectativas de mellora xa se teñen furtado por non convocar esa prazas!!! Cantas horas de estudo levamos feito para non poder demostrar a nosa mellora profesional!!!! Cantos cartos invertidos en academias para nada!!!!

martes, 31 de xaneiro de 2023

Procesos selectivos de estabilización: Función Pública debe clarificar dúbidas


Seguen os problemas co aplicativo e as dúbidas das persoas interesadas nos procesos selectivos extraordinarios de estabilización derivados da Lei 20/2021. A modificación das bases, publicadas en medio do prazo de inscrición (no DOG do 23 de xaneiro de 2023), aumentaron as incertezas.

A modificación das bases foi unha actuación opaca de Xunta con CCOO e UGT da man, feita fóra das mesas de negociación (dúas semanas despois aínda non se nos entregou o documento que contén a proposta votada a favor por estes sindicatos, e ao que CIG e CSIF negámonos a votar).

A falta de criterios nidios, recollidos nun acordo publicado, vai producir inseguridade xurídica nestas convocatorias que son das máis complicadas dos últimos anos, tanto polo volume de prazas como pola excepcionalidade do concurso de méritos que mandata a Lei 20/2021.

Co fin de ordenar o proceso, dotalo de maior seguridade e transparencia ao mesmo, consideramos que Función Pública debe ampliar a través do seu web a información sobre as cuestións que expoñemos dun xeito claro e conciso. Polo que, é o noso deber insistir nas cuestións que seguimos a recibir sobre eivas do funcionamento do proceso e solicitamos que sexan contestadas coa máxima brevidade posible para dar resposta as persoas traballadoras e aspirantes afectadas:

Problemas na aplicación (sistema Fides)

venres, 27 de xaneiro de 2023

Procesos selectivos de estabilización (Lei 20/21): preguntas frecuentes, ampliación de prazo, modificación de temario e convocatorias

  

Función Pública actualizou no web o seu FAQ (preguntas frecuentes) sobre os procesos selectivos extraordinarios de estabilización derivados da Lei 20/2021. Descargar

Por outra banda, lembramos que o día 23/01/2023 publicaron no DOG a modificación das convocatorias e dos temarios.

  • Resolución pola que se modifica a convocatoria dos procesos selectivos extraordinarios de estabilización mediante o sistema de concurso. Descargar.

  • Resolución pola que se modifica a convocatoria dos procesos selectivos extraordinarios de estabilización mediante o sistema de concurso-oposición. Descargar.

  • Resolución pola que se modifican os temarios que rexerán os procesos selectivos para o ingreso no corpo de xestión e corpo facultativo de grao medio do subgrupo A2 dos procesos de estabilización. Descargar.

  • Resolución pola que se modifican os temarios que rexerán os procesos selectivos para o ingreso no grupo C1, B e III. Descargar.

Por mor das modificacións das convocatorias ampliaron o prazo de inscripción, que pasou a ser ata o día 17 de febreiro.

Lembra: os temarios foron publicados no DOG do 22/12/2023, As convocatorias de concurso-oposición no DOG do 27/12/2021. E as convocatorias de concurso no DOG do 26/12/2021.

Se necesitas axuda coa solicitude, contacta coa CIG.

xoves, 19 de xaneiro de 2023

A Xunta modifica as bases das convocatorias de estabilización


A Xunta aprobou na Comisión de Persoal do martes 17/01/23 uns criterios que modifican as bases das convocatorias dos procesos de estabilización derivados da Lei 20/21. O director xeral da Función Pública (DXFP) pretendeu que os sindicatos votáramos a favor dunha proposta de “Acordo” que non tiñamos polo que non puidemos analizala minimamente. A CIG (e a CSIF) negámonos a votar a cegas. CCOO e UGT si o fixeron: a favor.

Nesta última semana a CIG traballou arreo e seguiu a aportar máis de trinta cuestións que necesitaban arranxo ou aclaración para o correcto desenvolvemento dos procesos selectivos de estabilización. Algunhas melloras que propuxemos foron adiante, outras non, pero finalmente a Xunta decidiu argallalas con formato de “Acordo” coa minoría sindical (CCOO e UGT) deixando á marxe a maioría da representación do persoal empregado público.

Con ese formato o que se pretenden e inventar unha comisión de seguimento na que amañarán as “cousas que vaian xurdindo sobre a marcha”. Esta comisión será, segundo palabras do propio director xeral, a encargada de resolver cuestións como os “criterios de valoración nas titulacións no momento en que poidan xurdir dúbidas”. Moi mal se están a facer as cousas para ter que prever unha comisión de seguimento para poñer parches nunhas convocatorias de procesos selectivos.

A convocatoria dun proceso selectivo debe ser tan sumamente clara que as persoas candidatas non teñan ningún tipo de dúbida e ter claro dende o minuto cero con que cartas xogamos. Como poden deixar a titulación que se necesita para presentarse a un proceso selectivo ao que interprete unha comisión de seguimento? Aumenta así a inseguridade xurídica ao persoal afectado por esta estabilización trapalleira que vai traer imprevisibles consecuencias.

Chegados a este punto, imos tratar de dar resposta as cuestións que nos foron chegando e que levamos, de novo, ás mesas (16 e 17 de xaneiro):

O que “aclaran”

martes, 17 de xaneiro de 2023

Convocatorias de estabilización: o xogo das cadeiras

   

Na Mesa Xeral do 10/01/2023 tratouse a modificación das RPT co fin de posibilitar tomas de posesión de procesos en curso e a inclusión dunhas cláusulas para adicionar ás convocatorias de estabilización da Lei 20/2021. Ademais aportamos cuestións para buscar dar solución ás eivas destes procesos.

1. Modificación de 7 postos nas RPT Emprego e Igualdade, Medio Rural, Política Social, Cultura e Educación para dar destino as persoas que superaron un proceso selectivo. Ante o noso cuestionamento pola laboralización de postos Función Pública aclara que están previstos para a funcionarización polo que van poder ser ofertados en concurso de traslados ao persoal funcionario de carreira.

2. Cláusulas para incluír nas convocatorias de estabilización (que intentan resolver o que non deixaron ben na Lei de medidas urxentes e nos criterios xerais).

Unha ridícula oferta de emprego público ordinaria da Xunta

     

Ampáranse en que o goberno central impón unha determinada taxa de reposición de efectivos, que o PP utilizou durante os mandatos de Rajoy, para xustificar unha OEP minguada.

Non queren negociar a oferta de emprego

Para evitar a negociación a Xunta envía cunha hora de antelación á Mesa Xeral onde vai na orde do día a Oferta de Emprego Público de 2022, as táboas cos datos do número de prazas e do reparto por corpos, escalas e categorías, e o desglose por quenda de acceso libre e de promoción interna.

Con isto tratan de impedir que se poidan analizar e estudar os datos e por tanto que se poidan formular alegacións á mesma. Un método burdo para tratar de seguir impoñendo o que debe ser negociado.

A taxa de reposición, un elemento que impide dotar á administración de todo o persoal necesario

Cobro do importes da carreira profesional do 2022 no 2023

     

A Administración di que van ingresar os importes devindicados correspondentes ao ano 2022 entre esta semana do 9 de xaneiro e a seguinte do 16 (o 60% do grao, nun pago único e mediante unha nómina complementaria).

Nalgúns centros directivos comunicaron que o ingresarían xa nun ou dous días, como é o caso do Consorcio. Se non a cobras pode ser que non lles dera tempo a tramitala polo que é posible que se prolongue algún tempo máis. No caso de que haxa algún erro enviaranche un requirimento e en 3 semanas se espera que teñan enviados todos os requirimentos así como preparado a orde de pago para as restantes persoas que faltan.

Coa nómina de xaneiro cobrarase o 80% da carreira, correspondente a ese mes, e seguirase cobrando o 80% mensual, ata o 2024 que se alcanzará o 100%.

Se tes dúbida ponte en contacto coa CIG trataremos de axudarche.