A promoción interna é un dereito do persoal funcionario consonte ao
artigo 14 do EBEP e a súa promoción un deber do Goberno da Xunta consonte ao artigo 13.12 da LFPG
Tras varios meses de parón, convocou o director xeral da Función Pública unha Mesa Xeral para este venres, 21 de novembro, a que leva os borradores de agosto da promoción interna de corpos xerais. Despois do último plantón e da postura unánime do persoal funcionario poderían ter reflexionado e mudado algo realmente substancial trala presentación das alegacións. Porén, observamos que non, que os borradores son exactamente os mesmos que os últimos, nos que o único cambio que fixeron na fase de oposición, con respecto aos primeiros, é engadir un tema máis relativo a lexislación sobre os dereitos das persoas con discapacidades.
Gustaríanos que na Mesa Xeral do venres o director xeral negociase realmente e cambiase algo para que a fase de oposición fose realmente de promoción interna tal e como lle brinda a normativa: con redución de exercicios e temario respecto ao de libre. Unha redución que non só é algo lóxico tendo en conta que o persoal que está dentro xa demostrou obxectivamente uns coñecementos para estar aí, senón que é algo legalmente recoñecido.
En todo caso, a pesar de que o dereito a promción profesional é noso, a potestade de cando e como sacar as convocatorias é do seu departamento. Non entendemos ese cambio de criterio de facer unha promoción interna pedíndolle ao persoal funcionario que demostre o que xa demostrou no pasado mentres coa integración do persoal dos chiringuitos nin sequera se fai proba algunha.
Pero
o que xa non entendemos para nada é a falta de transparencia sobre o
desenvolvemento da proba. É necesario que o venres, o director dea unha
resposta de para cando a convcoatoria e para cando os primeiros exames,
tal e como é lóxico dunha Administración seria. Desde logo, o envío dun
borrador de proceso selectivo á Mesa Xeral é indicativo de que a súa
publicación se realizará previsiblemente en semanas pero tampouco é
matemático. Son moitos os rumores que falan de publicación en semanas,
son moitas tamén as voces que falan de castigo, outras que falan de
electoralismo, etc.
O que si constatamos obxectivamente, que nos transmitides e co que estamos de acordo é o seguinte:
-Non se aceptou nin unha soa das numerosas alegacións presentadas á fase de oposición, iso significa unha burla total do principio de boa fe negocial, convertíndose as mesas negociadoras nun paripé para cubrir o expediente, no que as persoas representantes dunha das partes, se atribúen, de xeito autoritario e sen contestar ás razóns e aos argumentos, a facultade de impoñer uniltateralmente unha vontade que non parece obedecer a ningún motivo de interese público a xulgar pola flagrante falta de argumentos.
- Non se utiliza a posibilidade, establecida na lexislación, de eliminar algún dos exercicios respecto ao acceso libre, xa que son os mesmos: test sobre lexislación (A1, A2, C1, C2), caso práctico (A1, A2, C1, C2) e temas para desenvolver (A1, A2).
- Non se reduce practicamente o temario respecto ao acceso libre. Esto é algo que se constata sobre todo no terceiro exercicio dos grupos A1 e A2 que, malia que o número de temas é menor (p.ex.: 80 en PI fronte a 130 de libre no A1), a realidade é que analizando os epígrafes de cada un dos temas existen moitos casos nos que un tema de promoción abrangue dous de libre. O resultado real é que o contido é igual de extenso.
- O feito de preparar un exercicio a maiores en todos os grupos rompe bruscamente o sistema establecido na convocatoria de 2009, que é unha "guía" que xa estaban seguindo durante moitos anos os opositores que agora se ve mudada por sorpresa, quebrando unha mínima coherencia e seguridade que debe presidir a actividade administrativa sobre as expectativas creadas, máxime nun traballo de longo prazo como é a preparación dunha oposición.
- Os exercicios a maiores son de corrección subxectiva: salvo no C2 que o segundo execicio é tamén tipo test, no C1, A2 e A1 os exercicios son de redactar máis ou menos extensamente, pero que aumenta a subxectividade na corrección. O cénit desta subxectividade dase no terceiro exercicio do grupo A2 e A1 que racha co principio da corrección anónima xa que hai que expoñelo oralmente diante do tribunal. A exposición oral debe reservarse, como fan noutras Administracións, para corpos ou escalas que sexa necesaria esa capacidade. En todo caso, na promoción interna é máis probable que en libre que os membros do tribunal coñezan ao opositor por relacións laborais preexistentes. Non sendo que, xa que a desingación dos tribunais é política, pretendan seleccionar a ollo aquel persoal funcionario que poida chegar ao escalafón máis alto da carreira administrativa.
- A introdución dun terceiro exercicio de desenvolvemento de temas nos grupos A1 e A2 supón un incremento desproporcionado do "factor sorte". A introdución deste exercicio non só supón un incremento cuantitativo da materia, senón que complica cualitativamente a preparación simultánea das tres probas, con características e formas de preparación moi diferentes entre si. O resultado práctico, dado que o opositor de promoción interna non está a xornada completa e que polo tanto dispón de pouco tempo, será na maioría dos casos que a xente vaia preparando exercicio por exercicio. Isto implicará que a maioría da xente só disporá do tempo entre o segundo e o terceiro exercicio para preparar os temas. Pero dada a magnitude dos contidos só será posible preparar nese tempo uns poucos temas. O resultado será unha lotería que non demostrará que os que superen a oposición sexan os mellores, senón que simplemente tiveron a sorte de que lles "tocou o bombo", en cambio, outros opositores igual de preparados (e noutros casos mellor) terán perdido moito tempo, esforzo e diñeiro por unha circunstancia totalmente azarosa, que pode ser evitada.
- O problema vese agravado polo feito de que os temarios da EGAP están desactualizados. A maioría dos temas sufriron moitas modificacións normativas que inutilizan boa parte do publicado (incluso moitos temas xa non hai "por onde collelos"). Non ten sentido que se esixa o que nin está publicado.
- O feito de que sexan exames para persoal funcionario non é carta en branco baixo a xustificación de que "hai que sabelo todo"... outra vez. Non ten sentido volver a pedir nunha proba de promoción interna temas que xa formaron parte das convocatorias para acceder ao grupo desde o que se promociona.
- Por último, e aínda que está pendente de desenvolvemento normativo, non vemos que estes borradores cumpran co artigo 18.4 do EBEP que di que as Administracións Públicas adoptarán medidas que incentiven a participación do seu persoal nos procesos selectivos de promoción interna…” e con esta fase de oposición, e en comparativa co da anterior convocatoria do 2009, non están cumprindo con este mandato legal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario