Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

mércores, 19 de novembro de 2014

Os 200€ do aguinaldo de Feijóo



Tralo Consello da Xunta do xoves, 13 de novembro, Feijóo anunciaba o que xa adiantábamos nos que sucedería ese mesmo día: a devolución de 1/8 da paga extra de Nadal de 2012. Anunciou que “imos ver se tecnicamente somos capaces” e por outra banda, que a devolución do outro 12,5%, no 2016, dependerá da situación Orzamentaria.

En total representa a metade do que a Xustiza lle obriga a devolver xa que recortara a totalidade desa paga extra cando o dereito estaba xa consolidado por valor de 44 días, ou sexa por valor dun 25%. En total representa tamén a metade do que na maioría de Administracións, incluíndo a do Estado, xa devolveron ou van devolver en xaneiro de 2015. 

Coma sempre a nosa Comunidade no furgón de cola, excepto para o cumprimento do déficit, que iso debe ser para o único que imos en cabeza, en parte, grazas a recortar aos seus traballadores e traballadoras públicas máis ca os do resto de Administracións.

A devolución do que é dun nunca é unha boa nova. Se primeiro che rouban un 100% e logo che devolven 2 anos máis tarde, como se che fixeran un favor, o 12,5%, iso é unha tomadura de pelo. Se che rouban primeiro, para que sexa unha boa nova, deberíanche de devolvelo todo (xa non falemos dos xuros) e mesmo que alguén se faga responsable, canto menos da parte que a Xustiza recoñece que nos roubaron. Se non, parece que ás traballadoras e traballadores públicos se nos pode atracar impunemente para financiar non sabemos moi ben o qué pois a desigualdade e a pobreza sigue aumentando no noso país.

A prensa xa se encargou en transmitir a mensaxe a destro e sinistro como unha sinal máis da prometida recuperación económica. Fálase mesmo de cantidade económica concreta (200 €) sen deixar claro que se trata dunha cantidade promedio e en termos brutos, co cal o público percibe que imos recibir unha sorte de cheque regalo co cal xa podemos darnos cun canto nos dentes.

Por moita recuperación económica que falen non vivimos nos mundos de Yupi e vemos a miseria que nos rodea día a día. Porén, esa miseria non debe impedirnos reclamar o que é noso, é máis, obriga a todas aquelas persoas maltratadas por este sistema corrupto e e inxusto a protestar contra as persoas que o utilizan para aproveitarse da maioría. 

E unha mentira que nos coñecemos moi ben é esas de que o que se debe hai que pagalo. Acaso pensa o Sr. Feijóo facer pasar esta devolución como un aguinaldo? Pois nós non lle estamos agradecidos e non o estamos porque pretende facer o aguinaldo cos nosos propios cartos e aínda por riba pagando a metade do que lle obriga a Xustiza, a metade que na Administración Xeral do Estado.

As traballadoras e traballadores públicos estamos fartos de ver como enganan á cidadanía na xestión do público. Parece que nunca hai diñeiro para nada e cando o hai queren dar a imaxe que sairá do xeneroso peto do xefe da Administración. Agora ben, sempre hai diñeiro para a corrupción, para os seus amigos e por suposto para pagar as débedas aos bancos. E todo este engano é posible pola excesiva politización da nosa Administración autonómica: por riba, por baixo e pola contorna. E esta tese xa non só a sostemos nós publicamente, senón cada vez máis académicos e profesionais en medios tan pouco sospeitosos de sedición como é La Voz de Galicia:


Descargar CIG-Informa "O aguinaldo de Feijóo"

Descargar cartaz "Feijóo paga o que debes" 

Ningún comentario:

Publicar un comentario